SANTIAGO. EP
Os sindicatos CC.OO. Ensino, STEG e ANPE criticaron a decisión de cambiar de novo os temarios das oposicións docentes que se celebrarán a partir do mes de xuño nalgunhas comunidades, xa que crea "incerteza" nos opositores e "tira pola borda moitas horas de traballo e esforzo".
En concreto, CC.OO. considera que esta decisión non só supón "un grave erro", senón "unha proba evidente do desinterese da Administración" para que este ano se celebren as oposicións xa anunciadas "con normalidade", sobre todo tendo en conta que se trata duns temarios implantados o pasado novembro.
STEG, pola súa banda, critica que esta medida se tome "a destempo e sen previa negociación", con "menosprezo" aos aspirantes e "a poucos meses de presentarse ás oposicións" nas comunidades nas que convocan prazas.
Finalmente, ANPE lamenta o "desconcerto" que xera este tipo de situacións nos opositores, quen xa denunciou o ano pasado a "precipitación de publicar novos temarios in aprobar un novo sistema de acceso á función docente".