Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 23.05.2013
| Actualizado 12.28
Realmente, hai varias drogas que poden recibir o nome de droga da verdade. Son as de efectos hipnóticos ou produtoras de somnolencia, que rebaixan o grao de conciencia do individuo e lle impiden mentir. A máis coñecida é o etanol ou alcol do viño, de fórmula CH3CH2OH, que en pequenas doses ata o toman os curas na misa, por formar parte do viño. Pero en doses maiores fai ceibar a lingua. Xa o di o refrán galego: “O tolo e o borracho descobre o que ten no cacho”. Hai outras drogas hipnóticas moito máis poderosas có alcol. As mellor coñecidas son o pentotal sódico e a escopolamina, que subministradas pola vía intravenosa diminúen a circulación sanguínea do cerebro, porque estreitan as veas del coma fíos de carrete. E desta maneira rebaixan o nivel de conciencia ou capacidade para mentir.
O pentotal sódico ou tiopentato de sodio é un derivado do ácido barbitúrico, de fórmula C11H17N2O2SNa e nome científico etil-metilbutil-tiobarbiturato de sodio. Esta droga veuse usando desde hai anos por vía intravenosa como hipnótico en psiquiatría, para explorar o subconsciente dos enfermos ó interrogalos, e como anestésico. A escopolamina ou hioscina é un alcaloide nitroxenado de gran capacidade hipnótica e dilatadora da pupila, pouco soluble en auga, na que forma cristais hidratados de fórmula C17H22NO4 º H2O, que funden a 59ºC. Pero é soluble en alcol, éter e cloroformo. Obtense das raíces e da semente dalgunhas plantas da familia das solanáceas, que se dan en Galicia e son velenosas, como o meimendro branco ou cardo beleño, a beladona, o estramonio e a mandrágora. E é fácil de inxerir con alimentos, zumes, bebidas alcólicas e incluso co fume de cigarros con ela contaminados.
A chamada droga da verdade consiste nun soro preparado co dito pentotal, coa escopolamina ou cunha mestura de ambos. E, como xa dixemos, este soro foi moi usado en psiquiatría para explorar o subconsciente dos enfermos nas conversas con eles. Referímonos só a estas tres drogas por ser as mellor estudadas, e os seus efectos están moi ben descritos na literatura médica. Pero hai máis deste tipo menos estudadas. O pentotal e a escopolamina foron moi usados nos interrogatorios para obter información dos espías e dos prisioneiros de guerra.
Un exemplo do uso da escopolamina na Segunda Guerra Mundial vese moi ben na famosa película de J. Lee Thompson Os canóns de Navarone, baseada na novela do mesmo nome, de Alistair MacLean. En 1943, un comando de seis aliados recibe a orde de destruír os dous grandes canóns que os alemáns tiñan na illa de Navarone (Grecia), cos que controlaban o estreito paso do Mediterráneo para as illas do mar Exeo, polo que non deixaban pasar os barcos dos aliados para ir á illa de Kheros rescatar dous mil soldados ingleses. Escalando unha abrupta montaña do camiño, o xefe do comando, Anthony Quayle, maguouse gravemente nunha perna, e substituíno Gregory Peck, que acordou con el deixalo atrás á mercé dos médicos do exército alemán para que lle cortasen a perna magoada, pois só así se podía evitar que se lle gangrenase. Pero ademais, sabendo que o ían drogar para interrogalo, contoulle unha trola consistente en que a operación de sabotaxe fora suspendida, e que en vez dela ía ter lugar un desembarco aliado en certo sitio da costa arredado dos canóns. E ó ser Anthony Quayle efectivamente drogado e interrogado polos alemáns, baixo os efectos da escopolamina confesoulles o lugar do desembarco. Entón, mentres os alemáns acudían co groso das súas forzas dispoñibles a repeler a invasión, deixando os canóns pouco protexidos, o resto do comando aproveitou a ocasión para dinamitalos. Pero antes, David Niven, que fai de dinamiteiro, botoulle en cara a Gregory Peck a utilización do seu compañeiro de armas para enganar os alemáns.
En época de paz, o uso destas drogas nos interrogatorios xudiciais para arrincarlles a verdade ós delincuentes inconfesos está prohibido polas leis españolas e internacionais. Pero, nalgúns casos, esta prohibición resulta discutible para moitos. Un dos argumentos en contra do uso da droga da verdade é que baixo os seus efectos os interrogados poden declarar fantasías. Pero nalgúns casos, como cando un asasino declara que deixou o cadáver nun sitio, a xustiza pode comprobar se é certo ou non. Outro argumento é que o uso de drogas podería prexudicar a integridade psíquica e física do interrogado, e incluso producirlle a morte. Mais, inxeríndoas en doses adecuadas non teñen por qué ser prexudiciais, como sabemos polo uso do alcol.
A Constitución española establece que ninguén está obrigado a declarar contra si mesmo (artigo 24-2), principio xurídico do dereito romano, do que hai estas tres versións, que cito comezando pola que parece máis antiga: Nemo tenetur edere contra se (Ninguén está obrigado a declarar contra si mesmo); Nemo tenetur se ipsum accusare (Ninguén está obrigado a acusarse a si mesmo); Accusare nemo se debet nisi coram Deo (Ninguén debe acusarse a si mesmo, senón ante Deus). Os romanos crearon outros moitos principios de dereito coma este, que tamén forman parte da cultura xurídica occidental e que nos parecen extraordinarios. Pero eles non coñecían as técnicas actuais para descubrir a verdade sen que sexa preciso torturar os presuntos delincuentes. Se as coñecesen, seguramente que formularían o devandito principio doutra maneira para as ter en conta.
Porque seguir este principio ó pé da letra, fai que algúns delincuentes se rían das súas vítimas, dos xuíces e do Estado de Dereito. É o que se está vendo no caso do asasinato en 2009 da moza sevillana Marta del Castillo, do que Miguel Carcaño é o principal acusado, por aparecer o sangue dela na chaqueta del, e por dar varias versións falsas de onde se atopaba o cadáver dela. Versións que argallou para que non aparecese o corpo do delicto, e así evitar unha condena maior. Tamén se está vendo no caso de José Bretón, sospeitoso de asasinar os seus fillos Ruth e José, desaparecidos hai nove meses en Córdoba.
En casos tan graves coma os de asasinato con desaparición de persoas (estes días volveuse falar do secuestro, morte e desaparición do cadáver do empresario zaragozano Publio Cordón, secuestrado polo Grapo en 1995, porque se acaba de deter a tres membros deste grupo), arrincarlles a verdade ós delincuentes é fundamental para a impartición de xustiza, e para minguar a angustia por un ser querido, do que se cre ou se sabe que está morto, pero do que non se sabe ónde está o seu cadáver.
Segundo a ética popular (que comparto), a ética xurídica española actual conservadora protexe en exceso os delincuentes, priva as vítimas dos seus lexítimos dereitos e crea desigualdade ante a lei. Para resolver casos coma os citados, o actual ministro de xustiza Ruíz-Gallardón acaba de propoñer un agravamento das penas cunha nova reforma do Código Penal. Pero con esta agravación non se vai conseguir que os delincuentes confesen a verdade, senón todo o contrario. En cambio, quizais esta se conseguiría se un psiquiatra experimentado no uso de drogas cos enfermos lles ofrecese diante dun xuíz ós delincuentes unhas copiñas de caña para que cantasen, prometéndolles que, se cantan, non se lles aumentará a pena. Así quedarían favorecidos os delincuentes e as súas vítimas. E o principio xurídico no que se funda o dereito a non declararse culpable non resultaría violado, porque o que confesase o delincuente non o prexudicaría.
