Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.09.2018 Actualizado 20:39
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Chegan “refuxiados” a moreas. Que fará o Goberno?

MANUEL MERA  | 26.06.2018 
A- A+

Hai uns días o Goberno do Estado español, acompañado pola opinión dos medios hexemónicos, amosou unha solidariedade digna de recoñecemento, cando decidiu recibir os 630 inmigrantes do Acuarius. Eran “refuxiados” que ficaban sen poder desembarcar en Italia, ou outro estado da Unión Europea, e carecían dos víveres necesarios para pasar máis tempo no medio do mar. Con esta medida o PSOE gañou entre os sectores progresistas e humanistas unha medalla ao mérito. Vale. Porén, o que axiña choca é que a metade dos que desembarcaron en Valencia decidiran pedir a condición de refuxiados en Francia.

Agora ben. Pasados só uns días, milleiros de inmigrantes chegaron en pateiras a Canarias e Andalucía, e un barco nas mesmas condicións que o Acuarius busca “salvadores”, porque Malta e Italia, non os queren recibir, malia que se están esgotando as provisións de alimentos. Son feitos todos eles que obrigan a aclarar criterios. Por exemplo: Por que recibir a uns e a outros non? Non é pouco honesto facer de punto de entrada e transferir o problema a outros países da UE? Cales son as condicións reais, non subxectivas ou mediáticas, para ser un inmigrante ou un refuxiado? Cal é a capacidade que ten o Estado español para recibir inmigrantes con garantías de acomodo e traballo? E, ademais, como urxente: que fará nestes casos, igual de dramáticos, o Goberno do PSOE? Máxime cando ao mesmo tempo, Pedro Sánchez, de visita en Francia, acordou con Macron pedir que se constrúan “centros cerrados” para os inmigrantes e esta postura trasladouse a un cumio de certos gobernos da UE sobre o tema (que diferenza hai cos CIES?).

Todo fai pensar que nesta cuestión as diverxencias entre os gobernos da UE seguen igual de fortes. E, que por parte de Pedro Sánchez, escudándose nun hipotético criterio a tomar na UE, vai gañando tempo, sen definir un criterio concreto. Neste aspecto semella ter a mesma táctica que con respecto á reforma laboral, un problema no que cada día muda de postura. Nesta cuestión, tomou o camiño do medio, nen cambio nen continuísmo, reformas mínimas, aceptadas pola Unión Europea, polo capital. Repítese a historia de Felipe e Zapatero, aínda que dun modo máis acelerado.

O tema migratorio non é secundario, non só porque afecta dramaticamente a millóns de persoas, senón porque forma parte dos medios que a globalización neoliberal utiliza para redeseñar o mundo, en función dos intereses de imperios, corporacións e grandes fortunas. Daquela que a cuestión migratoria se convertese nun debate central entre os chamados “globalistas” e os “proteccionistas”., primando a análise esquemática e reducionista do problema. De xeito tal, que o aspecto emotivo ten máis valor que a análise razoada da cuestión e da procura de solucións que garantan mellores condicións de vida para as persoas e a integración dos/as migrantes. É verdade que entre os proteccionistas atópanse sectores da ultradereita, mais tamén que entre os globalistas están, ademais da socialdemocracia e o progresismo, os partidos do gran capital e as principais corporacións empresariais, que son os portaavións do imperialismo. Tampouco se pode obviar que o aumento da inmigración, ou sexa, da man de obra de reserva, é unha das razóns polas que a clase obreira cada día está máis afastada da “esquerda”, refuxiándose na abstención e nos partidos xenófobos.

Non se pode ignorar que hai ducias de milleiros, millóns de persoas, que por motivos económicos, políticos ou doutro tipo, emigran dos seus países de orixe na procura dun futuro mellor, dunha terra de salvación, onde hai traballo ben pago e servizos sociais para todos e todas. Ademais, como existe un interese moi grande en fomentar estes desprazamentos da man de obra, xa que estes favorecen ao sector do capital que non poden trasladar a súa actividade ao exterior, como os servizos. Daquela o interese en revalorizar a diversidade cultural, o combate aos procesos de integración, e a oposición consolidación de obxectivos propios das maiorías sociais. Preséntanse como atractivos turísticos e méritos da sociedade os guetos urbanos, mesmo que alenten a confrontación étnica e cultural. Aínda que, na práctica a primeira disputa polo emprego dos novos inmigrantes dáse con aqueles que chegaron nunha onda anterior.

A resposta axeitada a esta problemática non é abrir as portas a todos os que queiran entrar (que poden ser centos ou millóns neste contexto, e non digamos no futuro), e moito menos tratar os inmigrantes que viven no país como delincuentes. Ante todo, é fundamental axudar a que as nacións de orixe se desenvolvan, rematar co intercambio desigual, evitar que parte da súa mocidade máis preparada emigre. Ademais é fundamental rematar coa inxerencia militar e económica imperialista e a sobre-explotación das corporacións, fortalecendo as institucións e os dereitos democráticos. Nos países receptores é necesario e urxente legalizar os inmigrantes ilegais, e regular a inmigración en función da taxa de paro, da evolución da economía e da creación de emprego. Non facelo así é un suicidio, non para as clases acomodadas, senón para clase traballadora, que é a inmensa maioría social, e ademais para os propios inmigrantes, que soñan cun espellismo. Lembremos, por exemplo, que na Galiza hai un 70% das familias con baixos ingresos, das que moitas están constituídas por persoas que mesmo traballando non dan saído da pobreza.

Non se pode ignorar que existe un efecto chamada, e que as ONGs, por máis louvábel e desinteresada que sexa a súa intención, completan o circuíto dos traficantes de persoas, asegurando a chegada a Europa. Mais sen ofrecer ningunha garantía de integración, e en moitos casos servindo de apoio indirecto para redes de prostitución e secuestro de menores. Estes aspectos non se poden ignorar. Un efecto chamada que viviron tamén os nosos pais e avós cando emigraban a Cuba, Brasil, Arxentina, Uruguai, Alemaña ou Suíza. Non é unha novidade. Sempre dixen, como persoa que viviu directamente esta problemática, que a inmigración é tanto un ariete como unha traxedia.

O ideal das actuais clases dirixentes, e das clases medias acomodadas, e non só delas, xa que estas son as ideas dominantes, é reproducir a sociedade dos Estados Unidos. Esa que todos os días se nos presenta en películas e series como a “terra prometida”. Mais na práctica, trátase da sociedade ideal das clases altas, da burguesía, onde a confrontación de clases aínda que moi aguda pasa a un segundo plano, por mor da fragmentación social. Garantíndose mellor a explotación da clase traballadora, e a opresión das nacións dependentes e neocoloniais.

A cuestión migratoria, o tema dos refuxiados/as, merece unha resposta que ofreza solucións reais, que non separe as familias, que non se vexa como normal a chegada de menores abandonados. Unha resposta que non deixe os países de orixe sen moitas das persoas máis válidas, e as poña a competir cos aqueles inmigrantes que chegaron antes ao país receptor e coa fracción máis precaria e explotada da clase traballadora autóctona. Diante deste problema que fará o PSOE? Que camiño collerá? Seguirá os ditados do capital, como até hoxe, ou apostará pola xustiza e a solidariedade? Os atrancos e eivas non se solucionan ignorándoos, nen os recursos caen do ceo.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS