Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Chegou o fin da globalización neoliberal?

MANUEL MERA  | 29.03.2020 
A- A+

Como consecuencia da pandemia do Covid-19 e dunha resposta que amosa a fraxilidade do sistema económico e político mundial, a evidencia do esgotamento do sistema está a gañar adeptos mesmo entre aqueles que o defendían. E que as medidas tomadas son propias dunha guerra mundial: obrigando confinar á poboación, a reducir a produción e pechar fronteiras, a rachar os procesos de fabricación internacionais, mentres fican desbordados os sistemas sanitarios, mesmo dos países que se gababan do seu servizo de saúde (malia que o recortaron durante a crise de 2008). A rápida difusión do coronavirus foi favorecida pola interconexión na produción, os masivos desprazamentos a longas distancias de bens e persoas, a enorme concentración da poboación en grandes metrópoles, a redución e privatización dos servizos públicos esenciais, o medre da marxinalidade e a pobreza.

Asemade, o reto non reside exclusivamente en conter este coronavirus, que levará tempo e esforzos e deixará unha ringleira de mortos e unha gran desfeita económica, a cuestión está en que outra pandemia pódese repetir en calquera momento. Ademais, de se manter a tendencia actual tanto no número de desprazamentos como na redución do tempo investido, por mor dos avances tecnolóxicos, este novo virus bulirá como un raio, mentres que as vacinas leva tempo elaboralas. Polo tanto non abonda con ter un mellor servizo sanitario. Despois está a torpeza política, ou a insolidariedade, xa que mesmo houbo gobernantes que dixeron ou insinuaron que non eran necesarias medidas de confinamento, dado que o Covid-19 afectaba especialmente ás persoas maiores con certa patoloxías,... porén, ninguén sabe cales serán as características de futuros coronavirus.

Resulta lóxico que se fale moi pouco sobre estes temas neste intre, xa que todos os gobernos e analistas poñen o acento en confrontar a pandemia, e poñer a debate a transformación do sistema, superar o capitalismo, son palabras maiores, que tocan poderosos intereses. Aínda así, non se debería obviar que o Covid-19 viña precedido de catástrofes climáticas por mor da desfeita ecolóxica, por un medre exponencial das diferencias entre as clases sociais e entre as nacións, e con países estragados por guerras alimentadas polo enfrontamento entre potencias, ou sinxelamente polo negocio da venda de armamento e políticas imperialistas de subordinación.

Son estes antecedentes e o contexto existente neste intre os que lle confiren a esta pandemia un carácter cualitativo. Ademais, implica o confinamento unha forte ruptura da dinámica cotiá, que coloca á humanidade diante do espello dos acontecementos das últimas décadas e dun futuro hipotecado, non só no aspecto económico. Dará folgos a esta reflexión persoal e colectiva o feito de que o coronavirus non distingue entre clases sociais e entre países? aínda que os ricos contan con máis medios para o confinamento, e hai nacións que por distintas razóns poden superar mellor a pandemia (importancia do sector público, reparto da poboación, capacidade de xestión do Goberno, etc). Por sorte non poden transferila ás nacións subalternas, nen ás clases baixas, como os custes económicos das crises, cun aumento da explotación e opresión. Sobre estas reflexións, e os pasos a dar a medio e longo prazo, os próximos meses deixaran moitas ensinanzas.    

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS