Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
Telo a impresión de que con esta reforma non se facilita a contratación e só se fai moi feliz ao sector empresarial máis reaccionario. Ou sexa, que o Goberno de Rajoy segue apretándolle os parafusos aos mesmos de sempre. É dicir, aos coletivos máis débiles. Precisamente aos que non temos culpa da actual crise, ou a temos en moita menor medida. Nestes tempos nos que millóns de españois están na beira da pobreza non resulta moi presentable que un empresario poida despedir mesmo sen ter perdas. Abondaralle con xustificar unha diminución das vendas durante nove meses consecutivos.
O PP levaba meses preparando o ambiente para que a reforma caese do xeito máis suave posible. O que indigna dos populares é o cinismo co que adornan as súas actuacións. Por exemplo. A clase traballadora renuncia a unha chea de dereitos adquiridos. Mesmo os funcionarios perden poder adquisitivo a chorros sen ningunha contraprestación. Os parados están a pasar fame nalgúns casos -se alguén pensa que isto é demagoxia, tómese a molestia de pasarse por algún comedor social ou pregunte en Cáritas-. A cambio o Goberno aproba que os altos funcionarios das empresas do sector público que cesen no seu cargo "só" terán dereito a unha indemnización de 7 días por ano traballado, cun límite máximo de 6 mensualidades. Se temos en conta o que cobran, presentar isto coma un sacrificio é un sacrilexio e unha indecencia. Non resulta menos enternecedor o caso dos directivos das entidades de crédito –os grandes culpables da actual desfeita-. Establécese para estes campións un tope de dous anos de indemnización. Estou que choro ante a posibilidade de que algún destes descamisados teña que deixar o clube de golf.
Aos traballadores impónsenos unha chea de renuncias. Pero un bota de menos esa mesma vara de medir para os empresarios. Por exemplo. ¿Que facemos cos malos xestores que leven a unha empresa á creba? ¿Que facemos cos banqueiros que seguen a bloquear o fluxo do crédito malia as axudas públicas? Dame que a nulidade do PSOE no tema do paro terá bós alumnos neste PP que xa non pode presentar resultados porque Aznar vendeu todo o patrimonio e as empresas estratéxicas que tiña o Estado. Agora toca penar.
O resume do resume é que se abarata e se facilitan os despedimentos. Menos mal que segundo Mariano Rajoy o PP no tiña intención de facer tal cousa. Non sei se para esta viaxe comprían semellantes alforxas.
