Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 18.10.2018 Actualizado 20:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Chibos expiatorios irregulares

XOSÉ A. GACIÑO  | 02.08.2018 
A- A+

Se a dereita española non tivo reparos no seu momento en manipular dun xeito case obsceno, e con fins partidistas, un problema tan grave como o do terrorismo, non pode estrañar que empece a facer o mesmo co tema da inmigración, en liña coa ofensiva que desenvolven as dereitas máis extremas en toda Europa, onde até a mesma líder democristiá Angela Merkel, que mantivo unha actitude solidaria cando a crise dos refuxiados sirios, ven de sucumbir ás presións dos seus aliados socialcristiáns bávaros para endurecer as condicións de acollida de refuxiados e migrantes.

Agora, aproveitando un dos picos altos de chegadas irregulares de africanos ás costas andaluzas, o novo líder do Partido Popular súbese ao carro dos que claman contra a presunta debilidade do goberno ante o que consideran unha invasión que vai pór en perigo a estabilidade do sistema. Esa suposta invasión xa podía apreciarse o ano pasado, cando, en pleno verán, se duplicaron as chegadas irregulares con respecto ao ano anterior e o ministro do Interior de entón, Juan Ignacio Zoido, aseguraba que o goberno facía todo o posíbel por axudar aos que chegaban pero que non era a súa responsabilidade que esas persoas decidisen fuxir do seu país en pateiras que a duras penas frotaban (en vez de vir en transatlánticos, supoño que querería dicir). Daquela, pode que Pablo Casado aínda non coñecía (ou non se lle ocorreu imaxinalo) que había cincuenta millóns de africanos dispostos a invadir Europa e non deu a voz de alarma.

Este ano continúa a tendencia e pode que se chegue a un dos picos históricos, o do 2006, con aquel despregue de caiucos cara ás costas canarias, despois de que se conseguise controlar as saídas desde Marrocos. Nos anos seguintes, logrouse controlar tamén as saídas desde a costa occidental africana e baixou algo a presión. Enténdese que a base de subvencionar aos gobernos correspondentes para que as súas forzas de vixilancia costeira estivesen máis atentas e máis contundentes no control de movementos sospeitosos. O mesmo que se fixo con Turquía para que cortase o fluxo de refuxiados sirios desde o seu territorio, cunha cantidade moi respectábel que esperta agora as envexas do goberno marroquí, segundo se deduce deste novo pico “invasor” no Mediterráneo occidental.

Parece, por certo, que iso é o máximo ao que é capaz de chegar, de momento, a Unión Europea na cooperación con países africanos. Todos parecemos estar convencidos de que a verdadeira solución para evitar unha migración desordenada é axudar a que os países de orixe poidan desenvolver a súa economía. Pero, como iso son cousas de resultados incertos, dependendo das circunstancias de cada país, e en todo caso a longo prazo, nunca se remata de emprender proxectos serios. Parece máis eficaz e inmediato esa sorte de “suborno” para que determinados gobernos máis ou menos amigos fagan o traballo sucio.

Xa é un tópico aludir á falta dunha política migratoria común na UE, pero cada día parece que hai menos posibilidades de que chegue a artellarse algunha vez. Mentres, hai quen se aproveita para fabricar un chibo expiatorio que cargue coas culpas das desigualdades inherentes ao sistema. Como se as precariedades en que se foron disolvendo as clases medias estes últimos anos non fosen culpa da especulación e da corrupción, senón dos africanos que atravesan o Mediterráneo.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS