Hemeroteca web
|
RSS
Venres 24.05.2013
| Actualizado 12.57
Xa vencido o mes de san Xoán, din que é verán, mais no lumbrigar desta mañá de xullo non estou moi seguro da anterior afirmación, deambulo física e mentalmente, cavilando e observando, sempre inmerso na cidade de Compostela por esa admiración secreta da catedral. Contemplar este monumento impresionante dende calquera situación semella afastarse da realidade e permanecer no limbo espido de sensacións terreas.
Circular nun ritual, preto das maxestosas torres, dende a praza do Obradoiro a Praterías, A Quintana,... absorbe esas penurias diarias que se van esvaecendo nos recunchos desta espectacular obra pétrea atrapada no barbañar constante.
Mais despois de tantos anos de circular, hoxe, inexplicablemente contemplo este contorno e semella máis artificial, menos natural, mesmo as andoriñas que sempre agasallaban estas torres coa súa cantora e móbil coroa, hoxe non están.
Matino e matino sobre esta situación, decido afastarme e procurar natura, alí outras sensacións e visións poden calmar o repentino desasosego. Mais na presente e nas anteriores, son xeiras de barbañar e camiñar, salgo decidido a subir o Pedroso sen ollar atrás ata acadar o cumio, dende alí seguro exercitarei o mirar para visualizar a branca fumarola que emerxe do pétreo monumento. Non é un soño, existe a posibilidade de que sexa o pranto de tanto santo vivente do interior.
Xiro, contemplo e, de inmediato son encadeado pola tristura, segue a barbañar sobre a cidade onde o chorar das nubes é arte efémera, mais nesta ocasión semella que non. Desilusión no alto Pedroso. Decido camiñar para alterar persistente sensación, con enerxía renovada vou peregrinar á ara do ritual ancestral, ese Pico barrelo da milagre que sempre me acouga e hoxe me agarda con enxebre boina bretemosa.
Forzado camiñar para preguntar, no entanto non deixo de admirar esta obra da natureza de sólida base, espectacular e real. Este Sacro é un extraordinario anfitrión e fiel confidente, unha testemuña fiable a quen só temos que escoitar.
Alí, nunha altitude que supera os cincocentos metros, saúdo con agarimosa tenrura este ser de intrigante halo, axiña retorno coa visión á cidade de Compostela, segue a barbañar, logro intuír as torres da catedral secuestradas ou furtadas, no seu lugar un manto de branco cincento, semella que dende as catacumbas afervoa o terror ou tamén dende as alturas o chorar dos nubeiros.
Sentado sobre os restos da torre do Pico, coa mirada fixada nas ocultadas torres, non dou creto ao rumor constante que percibo do meu aliado, con denodados esforzos logro transcribir parte da mensaxe.
Non hai relación entre a relixión... murmurio incomprensible do espírito moura, imposible a súa transcrición, un lapsus nebuloso que contrasta coa nitidez da parte derradeira... o Códice apareceu con máis luces ca nunca, a súa foi unha viaxe ao íntimo da luminosidade, acompañado por un experto enxeñeiro da iluminación. Unha trama na que o dragón volveu ser esnaquizado, de aí o constante barbañar para sufocar tanto fogo divino.”
Regreso, agora xa devagariño a morada mollada. O solpor cuproso que observo no debullar quilométrico é a premonición de que debemos chorar baixo o barbañar desta cidade descendente do Pico e patrimonio da...
