Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 25.05.2018 Actualizado 17:58
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Ciclo histórico do terror

XOSÉ A. GACIÑO  | 04.05.2018 
A- A+

Máis de corenta anos de crimes: desde xuño do 1968, ano do seu primeiro asasinato, un garda civil galego por certo, até marzo do 2011, ano do seu último asasinato, un xendarme francés. E case sesenta anos de existencia como organización: desde o día de San Ignacio (31 de xullo: escolleron o mesmo día no que se fundara o PNV sesenta e catro anos antes) do 1959 até agora. De todo ese tempo, só 16 anos e cinco meses desde o seu nacemento até a morte do ditador Francisco Franco. A súa maior actividade criminal desenvolvérona baixo un sistema democrático, que inclúe un goberno autonómico, precisamente o que goza dun maior nivel de autonomía, a que lle concede recadar directamente os tributos.

Euskadi ta Askatasuna (Euskadi e Liberdade), máis coñecida polas súas siglas, ETA, tiña como obxectivo conseguir unha Euskadi independente e socialista. Case sesenta anos despois da súa fundación, cun regueiro de máis de oitocentas persoas asasinadas (ademais de feridos, secuestrados e extorsionados), ven de anunciar a súa disolución, unha vez cumprido, din, o seu ciclo histórico. Pero Euskadi non é independente nin socialista. En canto a autogoberno, a situación actual de Euskadi é basicamente a mesma que no 1980, ano no que ETA acadou o seu máximo nivel de criminalidade, con 99 asasinatos (e matou a máis de cincocentas persoas, nos trinta anos seguintes).

Aparte de lamentar o sufrimento causado nestes anos e de pedir perdón ás vítimas que non tiñan responsabilidades directas no “conflito”, parece que non hai ningunha autocrítica pública de ETA polo proceso de degradación moral ao que conduciu a súa causa durante todo este tempo, desde os primeiros asasinatos selectivos (Melitón Manzanas ou Carrero Blanco, por exemplo), que podían ser vistos até con certa comprensión polos antifranquistas non violentos, até as matanzas indiscriminadas como a de Hipercor, ou algúns casos especialmente morbosos, como o asasinato de Miguel Ángel Blanco ou o secuestro de Ortega Lara. Un proceso de degradación moral que, ademais, foi politicamente inútil para os seus obxectivos. A clásica dinámica de acción-represión-acción serviu máis ben para xustificar, ante unha boa parte da opinión pública, o endurecemento indiscriminado de medidas represivas e até a guerra sucia.

En realidade, como ten comentado o lehendakari Urkullu, a organización terrorista “ten pavor a que se interprete que o seu non serviu para nada e a que se considere unha derrota”, e iso é o que trata de camuflar baixo a retórica do ciclo histórico cumprido. Derrotada ETA polo traballo policial e derrotada pola desafección progresiva da propia sociedade vasca, que conseguiu romper un clima de complicidade forzada pola presión “patriótica” ou simplemente polo medo, queda agora a tarefa de reconstruír a convivencia social e a batalla intelectual e política polo relato destes anos de chumbo.

Oportunidade para reflexionar sobre as responsabilidades destes salvadores armados, que se consideran de esquerdas, pero que contribuíron tanto como os golpistas de extrema dereita a obstaculizar o normal desenvolvemento da democracia e do autogoberno vasco (e, de paso, do resto das autonomías). Tampouco estaría mal reflexionar sobre certos comportamentos de gobernos centrais (e de oposicións igualmente centrais), pero sen esquecer que a principal responsabilidade é de quen aperta o gatillo.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS