Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 23.07.2019 Actualizado 20:44
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

REPORTAXE

Os cidadáns "toman o poder" na rúa

A empresa Gecor desenvolveu un sistema que, usando as novas tecnoloxías, avanza na constitución dun auténtico e-goberno, que lles permite ós veciños, por exemplo, participar no proceso de información de danos, de cara a unha máis rápida e eficiente reparación

REDACCIÓN SANTIAGO  | 19.12.2010 
A- A+

AXENCIAS
José Nebro, presidente de Gecor
FOTO: AXENCIAS

Calquera de nós sabe que as reparacións de desperfectos nas rúas poden durar unha eternidade: moitas veces trátase simplemente de que os concellos, en xeral calquera administración, tardan demasiado en ter coñecemento deses desperfectos; moitas outras veces en cambio, e isto tamén o sabemos moitos, as administracións chegan a ser conscientes do problema, a través de denuncias dos veciños ou nos medios de comunicación, pero ó non ter implementado un bo sistema que lle dea curso á información, ó cabo a solución do problema dilátase no tempo.
Sexa como for, agora as novas tecnoloxías acoden en auxilio tanto dos cidadáns como das administracións: unha empresa nacional, Gecor, deseñou un sistema que avanza no concepto de e-goberno ou goberno electrónico. Este enténdese como o uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) nos procesos internos de goberno e na subministración dos produtos e servizos das administracións, tanto ós cidadáns como ás empresas. Algunhas das tecnoloxías empregadas son adaptacións doutras semellantes empregadas no sector privado, particularmente no comercio electrónico, pero, obviamente, unha administración electrónica non se pode configurar da mesma maneira que unha tenda on line, por iso hai tecnoloxías específicas neste novo campo do e-goberno.
Portais, redes sociais ou comunidades virtuais son interfaces habituais para a e-administración, pero tras iso encóntrase tamén toda unha batería de programas e procesos para facer xirar todas as engranaxes do Goberno fisicamente entendido, a través dos seus funcionarios.

O Real Madrid C.F. pioneiro na experiencia do e-goberno
Aquí é onde entra Gecor: a empresa desenvolveu orixinalmente un software para axilizar os arranxos de desperfectos nas vastas instalacións deportivas do Real Madrid Club de Fútbol, unha entidade que, por número de socios, de afeccionados e de persoas que participan nos seus programas deportivos, nas múltiples categorías, dende infantil ata a Primeira División, é realmente pouco menos que un pequeno país, ou polo menos así o senten seguramente moitos dos seus seareiros.
Este primeiro paso levou logo a pensar na posibilidade de estender o sistema a entidades maiores, particularmente concellos de tamaño medio, aproveitando as novas tecnoloxías que se están implantando na nosa sociedade nos últimos anos, non só os ordenadores e a internet, senón tamén os novos smartphones, (móbiles intelixentes), aparatos que con modelos como o iPhone están a revolucionar a contorna dixital. Tamén se aproveita a cloud computing ou computación en nube, un novo xeito de entender o almacenamento e xestión de información, a través de servidores remotos e compartidos que aumentan a súa eficiencia mercé a racionalización de uso.
Gecor, nome da empresa e tamén do seu produto estrela, constitúese así como un servizo para a xestión das incidencias na vía pública, que facilita a comunicación entre cidadáns e administracións públicas, particularmente as municipais, á vez que mellora a eficiencia dos procesos de resolución.
Gecor funciona xa en diversos concellos de España, e no de Málaga leva implantado xa cinco anos, o cal permitiu avalialo extensamente. Segundo esta compañía, o uso do seu novidoso sistema permite reducir os tempos medios de tramitación de incidencias nun 58%, logrando reducir os custos por incidencia nun 25%. Segundo Gecor, arranxos sinxelos que antes tardaban ata 30 días en levarse a cabo, agora realízanse en 3 ou 4 días.

Beneficios adicionais: adeus ó pago de indemnizacións
Hai beneficios adicionais, xa que non é infrecuente que a deterioración dun sinal de tráfico ou da tapa dun sumidoiro resulte en accidentes, con consecuencias graves, como danos persoais, e económicas, isto é, indemnizacións das cales logo debe facerse cargo a Administración responsable do mantemento da transitabilidade da rúa.
O sistema permite informar de múltiples incidencias nas vías públicas da cidade: á parte dos devanditos exemplos de tapas de sumidoiros ou sinais de tráfico, tamén pode empregarse, por exemplo, para informar dunha farola rota, dunha tubaxe que perde auga, un semáforo que non funciona, unha beirarrúa estragada, etcétera. A utilidade dun sistema semellante en Galicia quedaría ben patente ademais en casos como temporais ou furacáns, en que as incidencias se multiplican, e a xestión e o uso da forza de traballo debe ser racionalizado máis ca nunca.
Cunha foto feita co móbil, que mesmo pode transmitir datos da localización da incidencia en cuestión, esta pode ser transmitida por parte de operarios municipais ou incluso de calquera veciño ó Concello, e de aí pasar automaticamente á empresa previamente designada para reparar a incidencia. Ademais, unha vez solucionada, envíase a foto co arranxo terminado, e é que, noa nova era do e-goberno, en que os cidadáns toman o poder na rúa, os gobernantes electos non deben tratar de xestionar ben, senón de demostralo.

JOSÉ NEBRO, PRESIDENTE DE GECOR

“Mellora o día a día dos nosos concellos”

¿Que levou a súa empresa a desenvolver este sistema do denominado e-goberno?
Gecor foi deseñado a principios desta década por un equipo multidisciplinar co obxectivo de trasladar á xestión das reparacións na vía pública as ideas desenvolvidas no software que se deseñou para os arranxos nas instalacións do Real Madrid C.F. Gecor é un servizo que garante a xestión intelixente das incidencias nos municipios.
O obxectivo principal era deseñar unha ferramenta que facilitase a toma de decisións nas incidencias que ocorren nas nosas cidades, rúas, barrios, etc., e permitise xestionar tanto prioridade como custos, ofrecéndolles un servizo eficiente e eficaz tanto ó cidadán como á administración.
Gecor é o resultado da experiencia dun produto que se instalou e probou durante máis de cinco anos no Concello de Málaga. En concreto, Gecor é a ferramenta ideal para estas épocas nas que, non só fai falta xestionar ben, senón demostralo, é unha ferramenta indispensable para mellorar o día a día dos nosos concellos, estando con iso á vangarda da atención cidadá. Ademais Gecor aproveita as vantaxes do cloud computing e utiliza todas as tecnoloxías existentes no mercado que poidan achegar unha mellora no dito servizo, convertendo esta ferramenta nun apoio do open government.
¿Ata que punto prevé que chegue a implantación deste sistema nos próximos anos?
Moitos sectores económicos xa fixeron a súa revolución dixital, sectores como o financeiro, o sistema bancario ou o das liñas aéreas, téñennos xa afeitos como clientes a uns niveis de servizo on line fiables e cómodos que se empezan ós poucos a esixir a outros ámbitos da vida cotiá, e en especial á relación coa Administración Pública, a sanidade, etc., e esta esixencia estendeuse cara ós ámbitos máis próximos, os municipais, por este motivo cremos que Gecor debería ser a ferramenta que utilicen todos os concellos de máis de 10.000 habitantes.
Tendo en mente este obxectivo, Gecor xa conta cun servizo de xestión de intelixencia que coordina a xestión de incidencias, a información recompilada e o coñecemento co obxectivo de tomar decisións tácticas e estratéxicas que se traduzan en solucións prácticas para a cidade. O servizo de coñecemento de Gecor ofrece un equipo de profesionais altamente cualificados que proporciona o coñecemento e a experiencia en múltiples campos orientados a un fin común, ademais dunha metodoloxía de traballo desen-
volvida especificamente para que as administracións públicas alcancen o coñecemento do estado real das súas cidades. Este coñecemento resulta unha valiosísima ferramenta para desenvolver estratexias de gobernanza eficaces.
¿Que administracións implantaron xa o sistema?
Gecor está agora mesmo funcionando nas cidades de Málaga, Almería, Alcalá de Guadaira, Villanova i la Geltrú, Rincón de la Victoria e Fuengirola. Ademais a día de hoxe máis de cen concellos de Europa, Estados Unidos, México e Brasil interesáronse por Gecor. En Galicia non temos ningún proxecto aberto pero esperamos poder facelo pronto.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS