Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Científicos galegos desvelan a secuenciación do ADN do rodaballo, que abre as portas a novas vacinas

Esta especie, primeiro vertebrado con ADN secuenciado en España, está adaptada á escaseza de luz do fondo mariño, e prodúcese en Galicia

SANTIAGO. EP  | 09.03.2016 
A- A+

Científicos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (dependente do CSIC) e o Centro Nacional de Análise Genómica de Barcelona, lograron desvelar a secuenciación xenética do rodaballo, o primeiro vertebrado co ADN secuenciado en España, o que pode abrir vías para o desenvolvemento de programas de selección xenética ou para o deseño de posibles novas vacinas.

O logro é froito da colaboración de científicos do Consello Superior de Investigacións Científicas e da Universidade de Santiago de Compostela, que identificaron os xenes desta especie, 'Scopththalmus maximus', que dá pistas sobre a resistencia a enfermidades.

Os rodaballos están adaptados á escaseza de luz grazas a un sistema visual "moito máis refinado" que o doutros peixes e ás baixas temperaturas do fondo do mar, xa que os seus xenes falan sobre a graxa das súas membranas celulares, que duplica tamén á doutras especies para poder soportar as baixas temperaturas das augas onde vive.

A secuenciación completa do xenoma deste peixe, levada a cabo por científicos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Universidade de Santiago de Compostela e o Centro Nacional de Análise Genómico de Barcelona permite abrir "novas portas" a investigar, non só a resistencia do rodaballo a distintas enfermidades senón tamén a afondar en como outros peixes responden a estas patoloxías.

Así o subliñan os resultados, publicados na revista DNA Research, que apunta que no futuro poderían chegar a empregarse no deseño de programas de selección xenética ou posibles vacinas.

O rodaballo, de corpo aplanado, forma romboide e con ollos no lado esquerdo, sofre un proceso de metamorfose durante o seu desenvolvemento, momento en que pasa a presentar a distribución corporal atípica dos peixes planos.

Por esta condición, vive nos fondos mariños, o que implicou que se tivera que adaptar a condicións de escaseza de luz e augas máis frías.

XENES PARA A VISIÓN E TEMPERATURAS FRÍAS

O investigador do CSIC no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, Antonio Figueras, explicou que observaron que moitos dos xenes implicados na visión, principalmente aqueles que codifican para pigmentos e os relacionados coa formación do cristalino, están duplicados en este vertebrado con respecto a outros peixes, o que indicaría que "evolucionou para refinar o seu sistema visual adaptándose ás condicións de pouca luz que o rodean".

Ademais, engadiu que para tolerar as baixas temperaturas, o rodaballo ten varios xenes relacionados cos ácidos graxos das membranas celulares duplicados, en comparación a outros organismos que viven a temperaturas máis altas. A composición lipídica destas membranas é un factor clave á hora de soportar o frío.

GALICIA, PRINCIPAL PRODUTOR DE RODABALLO

A investigación é relevante para España, xa que é a principal produtora europea de rodaballo de piscifactoría e o 99 por cento ten lugar en Galicia. No que se refire ao seu crecemento, diferenciación sexual e resistencia ás enfermidades, os científicos puideron identificar os xenes implicados máis importantes, e mesmo qué zonas concretas do xenoma están relacionadas con estes trazos produtivos.

"Esta información é esencial para desenvolver programas de selección xenética máis eficientes co fin de identificar aqueles reprodutores coas mellores características produtivas", destacou o investigador da Universidade de Santiago de Compostela, Paulino Martínez.

Segundo un informe da Asociación Empresarial de Produtores de Cultivos Mariños, a produción de rodaballo en Europa alcanzou as 11.000 toneladas en 2014, un 38,3% máis alta que en 2013. Ese mesmo ano, o valor estimado da produción en Europa foi de 75,6 millóns de euros.

UTILIDADE

Segundo Figueras, aínda que na actualidade o cultivo do rodaballo está ben establecido, os principais problemas cos que se poden enfrontar os acuicultores están relacionados coa susceptibilidade desta especie a diversas enfermidades de orixe bacteriana, vírica ou parasitaria. Para moitas destas patoloxías non existen aínda vacinas ou tratamentos eficaces.

 

Outro dos retos aos que se enfronta o sector é poder acurtar o tempo no que os exemplares deste peixe alcanzan o talle comercial. "Isto poderíase potenciar facendo selección xenética daqueles xenes implicados no crecemento e na diferenciación sexual, xa que as femias posúen unha maior taxa de crecemento en comparación cos machos", vaticinou Martínez.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS