Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, reiterou onte o "claro rexeitamento" do seu sindicato ás medidas incluídas no pacto social (entre elas a reforma das pensións) e anunciou que continuará convocando mobilizacións contra o documento, que debe seguir agora coa súa tramitación. O acordo é para Seixo "unha venda descarada dos intereses da clase traballadora" e está "cargado de cinismo e engano". Así, o responsable da organización sindical nacionalista criticou a actitude de CCOO e UGT, que forman parte do pacto, e acusounos de "entreguismo" ós intereses da "oligarquía financeira" española, os mesmos ós cales "favorecen" as políticas do Goberno central, dixo. Trátase, a xuízo da CIG, dun "pacto a favor da desmobilización" dos traballadores, co cal CCOO e UGT "renuncian" a promover protestas entre a cidadanía. "Por suposto, imos seguir coa contestación social", afirmou Seixo, que indicou que nos próximos días reuniranse os órganos directivos do sindicato para deseñar as protestas, que incluirán concentracións e manifestacións.
Ó preguntarlle sobre a posibilidade de convocar algún acto fóra de Galicia, sinalou que non se descarta" organizar algunha protesta en Madrid, "se hai cobertura doutros sindicatos nacionalistas" implantados noutras comunidades, aínda que insistiu en que non hai decisións tomadas. Seixo sinalou que, no pacto social, "véndese como un avance importante" que os traballadores con 38 anos e medio cotizados se poidan xubilar ós 65 anos. "Pero é que ata agora se podía facer con 35 anos cotizados; non sei onde está o avance", replicou e criticou que fose admitida "a proposta máxima" do Executivo central respecto da base para calcular a prestación, que pasará dos 15 últimos anos actuais a 25..
Sen convenios provinciais
En canto ás políticas de emprego, Seixo destacou que o plan de choque para a mocidade supón "recorrer a contratos subvencionados, man de obra barata para as empresas" e criticou que despareza a axuda "xeneralista" de 426 euros para parados e se substitúa por outra para aqueles que estean realizando actividades de formación.
Outro punto "preocupante", a xuízo da CIG, é que se aposte por "potenciar, na negociación colectiva, os convenios de empresa, en lugar dos provinciais", o cal "vai na liña do que quere a patronal". Por iso, Seixo considerou que o pacto recolle os aspectos que lle interesaban ó Goberno", con medidas "sempre contra os mesmos, a clase traballadora", pero non aborda outras reformas como a fiscal, que reclama a CIG.
