Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
Baixo o lema Precisamos emprego para termos futuro, a CIG convocou onte, entre as 11.00 e as 19.30 horas, actos de concentración e manifestación en varias localidades galegas, para ir quentando motores de cara á folga xeral do próximo 27 de xaneiro en contra da reforma das pensións. A partir de hoxe, ademais, intensificaranse os contactos dos sindicalistas nacionalistas cos traballadores a través de asembleas informativas en todas as empresas da comunidade para que a resposta do próximo xoves sexa o maior posible.
A CIG pretende con esta folga desmontar a "grande mentira" sobre as reformas das pensións e a reforma laboral que impulsa o goberno central, coa "complicidade" dos sindicatos maioritarios, UGT e CC.OO.
Igualmente, a secretaria xeral de Galiza Nova -organización das xuventudes do BNG-, Iria Aboi, chamou onte os mozos para participar na folga xeral porque as medidas previstas por José Luis Rodríguez Zapatero van "dificultar o acceso" ao traballo da mocidade. Aboi afirmou que os mozos de hoxe teñen "menos dereitos" que os seus pais e camiñan "cara a un escenario peor", coa "contrarreforma das pensións" que, ademais de complicar a entrada no mercado laboral, "vai dificultar a posibilidade de mellorar no mercado laboral, ao atrasarse a idade de xubilación". "¿Que mozo de hoxe en día vai poder acceder a unha pensión completa ao incrementarse os anos que debes cotizar?", preguntouse.
A responsable de Galiza Nova concluíu que a reforma que propón o Goberno central "vai endurecer as condicións de traballo e a posibilidade de ter un descanso digno". "Hai 64.800 mozos en paro e máis de 20.000 persoas que tiveron que emigrar a outros territorios", afirmou e reprochoulle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que ante este escenario "nin sente nin padece". "É inxustificable que non tomara nin a primeira medida para mellorar a situación da xente nova, cando a Xunta ten a responsabilidade das políticas activas de emprego", criticou Aboi, que considerou que fronte ás actitudes dos gobernos central e autonómico, "hai unha alternativa e é a mobilización". O Consello da Xunta aprobou onte o decreto que establece os servizos mínimos para a folga xeral e que se basea no elaborado con motivo do paro do pasado setembro. A CIG xa anunciou que recorrerá, como xa o fixo co paro de setembro, o decreto, que ve "abusivo e conculcador de dereitos" e avanzou que presentará recurso contencioso-administrativo contra este.
A referencia do Goberno galego é, segundo o sindicato nacionalista, un auto do 19 de xuño de 2002 do TSXG, que considera que os servizos mínimos "non poderán exceder en cada centro, departamento ou oficina do número de persoas que permanecen neles con ocasión dun domingo". Non obstante, o sindicato di que iso non se cumpre en todos os casos.
O PP escoita as demandas de CCOO
O voceiro e vicesecretario do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, e a vicesecretaria da formación, Marta Rodríguez Arias, recibiron onte ós representantes galegos da Comisión Executiva Nacional de CC.OO., cos que se comprometeron a trasladar ó partido en Madrid a súa postura contraria á reforma das pensións.
Os membros da comisión, entre os que estaba o secretario xeral da Federación de Pensionistas e Xubilados de CC.OO. en Galicia, José Manuel Díaz Montero, comunicáronlles a súa "posición contraria" á conxelación das pensións impulsada polo Goberno central, coa que "coinciden" co PPdeG. Do mesmo xeito, manifestáronse en contra da proposta de José Luis Rodríguez Zapatero de prolongar obrigatoriamente ata os 67 anos a vida laboral, algo "inxusto e innecesario".
