Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.09.2018
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A CIG manifestarase o 10 de marzo en Vigo e Ferrol "pola recuperación de dereitos"

VIGO. EP  | 07.03.2018 
A- A+

O sindicato CIG convocou manifestacións para o próximo 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, en Vigo e Ferrol, baixo a lema 'Pola recuperación de dereitos. Na Galiza empregos, salarios e pensións dignas' para denunciar a "precariedade e a pobreza" que as políticas do PP ocasionaron aos traballadores, e para esixir a derrogación das reformas laborais, entre outras reivindicacións.

O secretario comarcal da CIG en Vigo, Alberte Gonçalves, presentou este mércores a marcha que se celebrará en Vigo, e que sairá ás 12.00 horas do cruzamento da Dobrada, en dirección ao 'Farol de Urzáiz'(en Ferrol sairá á mesma hora da sede do sindicato, en dirección ao monumento ao 10 de marzo, onde se realizará a tradicional ofrenda floral).

Gonçalves aproveitou a comparecencia de presentación dese acto para facer público un informe elaborado pola CIG sobre a situación sociolaboral da comarca de Vigo. Dito estudo "evidencia a situación de emerxencia social e produtiva" na que se atopa a área viguesa polo que é necesario, segundo o secretario comarcal, "un cambio radical" nas políticas económicas e laborais.

Entre outras cuestións, o informe contempla que, só na cidade de Vigo, hai uns 8.000 fogares con todos os seus membros en paro e que, segundo datos de 2016, un 22,2 por cento da poboación viguesa estaba en risco de exclusión social e pobreza.

En canto aos sectores estratéxicos, recóllese que a actividade da construción reduciuse sensiblemente; que a produción da industria do automóbil non chegou a recuperar o nivel pre-crise e que, aínda que subiu, non houbo un aumento proporcional no número de empregos; ou que a construción naval tampouco recuperou o peso que tiña na economía da comarca, após perder centos de empresas e miles de traballadores.

O informe tamén fai referencia ao aumento da precariedade laboral, ao feito de que o incremento do número de contratos non se corresponde cun aumento da ocupación, o que reflicte unha maior rotación no emprego e inestabilidade, ou á "desertización" industrial e produtiva en sectores estratéxicos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS