Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 14:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Cincuenta e cinco millóns de reaccionarios

XOSÉ A. GACIÑO  | 03.11.2018 
A- A+

Non todos os votantes subscriben ao cen por cen as ideas e propostas dun partido ou dun candidato. Abundan os que votan por algúns puntos concretos do programa (cadaquén polos que máis lles importe ou lles interese), aínda que non estean de acordo con outros aspectos do mesmo. Ou que votan pola imaxe que lles ofrece a publicidade, ou por consello dun amigo ou dun familiar sen ter máis que unha idea vaga da oferta política que elixen. Hai quen votan polo que consideran un mal menor, mesmo directamente para evitar que sexa outro candidato o elixido.

Menos mal que caben todas esas modalidades, e algunhas máis, como causa ou xustificación do comportamento dos votantes. Sería moi duro -polo menos para min- que os 55 millóns de brasileiros que votaron o pasado 28 de outubro por Jair Bolsonaro fosen tan racistas, homófobos e misóxinos e que o expresasen coa mesma crueza que o novo presidente electo do Brasil (e que os case 63 millóns de estadounidenses que votaron por Donald Trump hai dous anos fosen igualmente tan misóxinos, homófobos e racistas, aínda que, ao lado do líder brasileiro, as expresións de Trump soan até versallescas).

Quizais algúns pensaban que, a estas alturas da historia, teríamos superado prexuízos e intransixencias que tanto envelenaron a convivencia en séculos pasados. Que a declaración universal de dereitos humanos estaba xa consolidada como marco básico das relacións sociais e políticas. E que a democracia era a referencia única e definitiva como sistema político, o obxectivo a acadar para os que aínda non a tivesen. Un marco e unha referencia que nos permitía seguir avanzando polas sendas de progreso contra as grandes desigualdades e as inxustizas.

Pero quizais era un espellismo, modulado pola tendencia á tolerancia que se quixo pór en marcha coa linguaxe politicamente correcta, unha linguaxe que, en realidade, non suprimía as intolerancias, pero servía para limar asperezas, para disimular fobias, para intentar que, pola vía das boas maneiras, os máis extremistas achegasen o seu comportamento á moderación, pensando incluso que o seu comportamento máis ou menos forzado podía influír nas súas conviccións e movelos a deixar os seus extremismos.

Desde a crise -que só é a culminación dun proceso que se iniciou nos oitenta coa chamada revolución neoconservadora ou ultraliberal- parece que se rompeu a tendencia do politicamente correcto. Parece que triunfa o que se presenta con “verdades crúas”, que, na gran maioría dos casos, son mentiras perfectamente cociñadas sobre a sempre eficaz manipulación da inseguridade e do medo, para aproveitar un máis que xustificado cabreo do persoal ante as incompetencias e a corrupción de políticos irresponsábeis que contribuíron a degradar as institucións democráticas.

Pode que non todos os 55 millóns de votantes brasileiros nin todos os case 63 millóns de votantes estadounidenses sexan tan brutais nos seus sentimentos como os presidentes reaccionarios que elixiron, pero fan posíbel as súas políticas discriminatorias. E marcan tendencia. En Europa, os conservadores e liberais tradicionais achéganse ás propostas extremistas pensando que aí están os votos. A esquerda tradicional leva naufragando desde que montou a famosa terceira vía para sumarse á corrente neoliberal coa pretensión de conseguir controlala desde dentro: non se atreve a avanzar máis por ese camiño e non parece ter alternativas claras.

Á espera de novas ideas -á dereita e esquerda-, non deixa de ser un pouco ridículo que as grandes potencias democráticas teñan medo das masas famentas que se xogan a vida atravesando o Mediterráneo ou das columnas de hondureños desesperados que pretenden atopar refuxio e traballo nos Estados Unidos. Os seus dirixentes poderían cociñar unha “verdade” máis críbel.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS