Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 14:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Clamor estudantil contra os recortes

XABIER PÉREZ IGREXAS  | 11.05.2012 
A- A+

Este xoves tiveron lugar, no noso país, preto dunha vintena de mobilizacións estudantís contra os recortes no ensino anunciados polo Partido Popular. As convocatorias impulsadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, e de xeito especial polas organizacións xuvenís e estudantís nacionalistas, congregaron a milleiros de estudantes. Na Coruña e Compostela manifestáronse de 4.000 e 3.000 persoas respectivamente. En Vigo foron máis de 2.500 as e os manifestantes. Ao cabo, totalizaron máis de 10.000 as e os estudantes galegos que clamaron en defensa do ensino público nunha xornada de folga que rexistrou un paro de entre o 80 e o 90%, tanto en institutos como na universidade.


A oposición á brutal suba das taxas, que se prevé sexa de até o 66%, foi o principal leitmotiv das consignas estudantís. Un incremento inxusto e antisocial que concitou tamén un consenso inédito. Os reitores das tres universidades galegas manifestáronse contra del.


As mobilizacións do xoves son un serio aviso ao Partido Popular, tanto no goberno galego como no español. A inmensa maioría social oponse ao regreso da universidade das elites, con acceso reservado só para as clases acomodadas. Unha regresión antisocial. As organizacións estudantís xa advertiron que se non hai rectificación isto só será o comezo dunha loita que se antolla intensa e prolongada. Polo momento a Plataforma Galega encetará este luns unha vaga de peches rotativos nos centros educativos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS