Hemeroteca web
|
RSS
Sábado 25.05.2013
| Actualizado 03.09
Aventuran algúns que unha das consecuencias desta crise será a desaparición das clases medias. Agrándase a diferenza entre ricos e pobres, pero o que hoxe representa clase media vai camiño de clase baixa. Algunhas estatísticas así parecen confirmalo, e tamén algúns sociólogos e algúns xornalistas que cren en conspiracións de supostos gobernos mundiais.
Atender a profetas é arriscado. Pero algúns acertan no esencial. A verdade é que a constitución das clases medias foi un dos grandes avances da humanidade na súa organización social. Decisiva para o desenvolvemento da industria, do consumo, do turismo, das comunicacións, da prensa, da cultura, pero tamén da liberdade, dos dereitos.
Perder a base maioritaria das sociedades abertas suporía, probablemente, volver á idade media. Toda a cultura e civilización de masas, que se fan visibles no modo de vida occidental, desaparecerían. Non deixa de ser rechamante que desaparezan como tales o ministerio e a consellería de cultura. E que os dereitos conseguidos no último século se vaian reducindo ou perdendo. Sen rechistar. Mexan por nós e hai que dicir que chove.
Parecía todo imposible hai meses. E segue parecendo…. Coido que iso mesmo deberon pensar moitos dos nosos ascendentes meses e días antes de que empezaran as guerras mundiais ou civís.
