Hemeroteca web
|
RSS
Mércores 19.06.2013
| Actualizado 13.49
O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, augura un descenso en relación con anos anteriores de entre o 9 e o 12% na facturación polas rebaixas de verán, que se inician o próximo domingo, día 1 de xullo, e que "seguro que serán moi light".
En declaracións a Europa Press, Seijas sinala ao nivel actual de consumo dos galegos, baixo e ás condicións meteorolóxicas --que "tampouco axudan" ao "vir o tempo todo ao revés"-- como os dous elementos que motivan estas expectativas. Así, lamenta que as vendas serán "moi xustiñas" porque "a xente vai comprar o que necesite de verdade" e cun presuposto "moi axustado".
Precisamente, a Federación Galega de Comercio ultima as enquisas a partir das cales, a mediados da semana que vén, estará en disposición de cifrar con maior precisión as previsións para esta tempada estival de rebaixas. "Aínda non fixemos os cálculos pero van supoñer tirar á baixa respecto a outros anos", resalta o presidente da federación.
En canto aos descontos, José María Seijas advirte de que os comercios "non poden facer máis" dos que xa aplican, pois teñen que cubrir custos e, en caso de superar o 70%, os establecementos podrecían, mesmo, ter que asumir perdas.
O habitual nestas últimas tempadas de rebaixas, máis agresivas para tratar de evitar os efectos da crise, é que os comerciantes empecen aplicando entre un 30 e un 40% de desconto e que finalmente cheguen a establecer entre o 60 e o 70%, explica Seijas.
CAERÁ O GASTO POR FAMILIA
Tamén o gasto medio por familia caerá, segundo as previsións da Federación Galega de Comercio, pois o seu presidente está convencido de que "será máis baixo que outras veces" ao haber "moitas familias que están todos os seus membros no paro e sen ningún tipo de prestación".
O 99% das rebaixas, apuntou, desenvolveranse entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, aínda que, segundo establece a lei, os comercios poden elixir entre aplicalas durante unha semana --como mínimo-- e dous meses --como máximo-- nun período máis amplo, que abrangue ata o 31 de setembro.
"Os primeiros días é cando acode a xente", constata Seijas, pois incide en que os clientes "xa teñen mirados os artigos" que queren e a súa situación. "Logo descende" a afluencia "e vaise vendendo", explica. "Pero non son xa esas rebaixas de antano", reflexiona.
REDUCIÓN DE RECLAMACIÓNS
Pola súa banda, o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, destaca en declaracións a Europa Press a redución "bastante considerable" das reclamacións dende a entrada en vigor da nova Lei galega de comercio.
De feito, asegura, a asociación recibe unha media de 15 ou 20 por cada tempada de rebaixas, polo que considera que unha realidade na que as prácticas dos comercios eran abusivas "está xa superada".
Seguen xurdindo "as dúbidas máis tradicionais", apunta, en alusión a "estrañas circunstancias" en que, iniciado o período de rebaixas, "volve haber estantes cheos cando antes se empezaba a notar carencia". "Milagrosamente cheas", ironiza.
MESMAS REGRAS DE XOGO
O responsable da unión tamén sinala os períodos previos con promocións e ofertas, "que están a facilitar as compras do consumidor pero poden levar consigo consigo algún tipo de xogo non de todo limpo". Sobre todo, incide, para o pequeno comercio, "que ten máis dificultades para poder competir cos grandes".
"As regras deben ser iguais para todo o mundo", advirte. "Coa actual normativa, se se respectan as regras, temos espazo para todos", subliña.
Para López Crespo, un dos aspectos positivos da nova lei é que establece a obriga de que produtos que estiveron baixo promoción en 30 días previos a arranque de rebaixas "non poderán poñerse á venda" con desconto. Isto é "bo" para o consumidor, por "se ten necesidade doutro tipo de produtos" e máis "en momentos de crise".
RECOMENDACIÓNS
A Unión de Consumidores de Galicia ofrece aos cidadáns as recomendacións tradicionais, que, segundo considera o seu secretario xeral, teñen "perfectamente asumidas", pois as rebaixas son "algo xa asimilada na conciencia do consumidor galego", que sabe "cando comezan e cando rematan". "Aqueles problemas sobre devolucións, medios de pagamento... non se están a dar. Son máis unha anécdota", apostila.
Así, recorda que os produtos deben ter a mesma calidade que aqueles dos que se dispuxo durante a tempada ordinaria, o prezo rebaixado ten que figurar xunto ao orixinal e os dereitos son "exactamente" os mesmos.
Miguel López Crespo confía en que poida ser "unha boa campaña" a das rebaixas 2012, tendo en conta que o verán, en Galicia, empeza "non só dende o punto de vista do calendario", senón tamén dende o meteorolóxico.
