Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 18.06.2019 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A compañía nega que estea a bloquear a negociación

Di que non recibiu ningunha oferta polas fábricas

MADRID/SANTIAGO. EP  | 08.01.2019 
A- A+

A multinacional estadounidense Alcoa asegurou que non está a bloquear a negociación para buscar unha saída ao peche das súas plantas en en A Coruña e Avilés, pero dous meses e medio despois do anuncio da súa decisión de clausurar estes centros non recibiu ningunha oferta por eles.

"Estamos dispostos a estudar unha posible oferta sempre que sexa seria, rigorosa e respectuosa cos dereitos dos traballadores, pero tras dous meses e medio non recibimos ningunha oferta, e o Goberno tampouco presentou ningunha", indicaron a Europa Press fontes da compañía.

A firma sae así ao paso das declaracións realizadas hoxe en Almería pola ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, nas que pedía á multinacional "responsabilidade" para negociar unha saída os peches das plantas na Coruña e Avilés e acusaba á dirección da compañía de ser a "responsable" da perda de centenares de empregos ao "estar a bloquear" as posibles "solucións" para o mantemento da actividade produtiva.

Neste sentido, a siderúrxica indicou que hai un ano abriu un proceso de venda destas plantas co asesoramento do banco de negocios Goldman Sachs, pero, a pesar de recibir distintas mostras de interese, finalmente non cristalizaron en ningunha oferta.

Como mostra da súa disposición ao diálogo, a compañía esgrime que ampliou o período de consultas cos representantes dos traballadores dos 30 días de máximo que establece a lei a 75 días, período que vence o vindeiro martes, 15 de xaneiro.

A compañía mantén o seu compromiso de expor propostas na mesa de negociación para mitigar o impacto do peche, así como un plan social para os traballadores afectados, e espera que os axentes sociais presenten tamén as súas alternativas co obxectivo de alcanzar un acordo.

"A intención da empresa é tentar chegar á mellor solución posible para ambas as partes", insisten desde Alcoa.

No entanto lembran que, segundo a lei, se o acordo non fose posible, a empresa dispón de 15 días para tomar unha decisión definitiva, que se produciría, por tanto, a finais deste mes.

As reunións entre a empresa e os sindicatos renovaranse mañá despois de suspender a prevista para hoxe ante a convocatoria da mesa de traballo no Ministerio de Industria con presenza do secretario xeral de Industria e Peme, Raül Blanco, sindicatos e conselleiros autonómicos de Galicia e Asturias.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS