Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

noticias cotiás

Compartindo premios… con Neira Vilas

RUTH FERNÁNDEZ  | 30.11.2015 
A- A+

Cando recibín a noticia de que os meus textos sobre o fomento da lectura, publicados na edición en papel deste mesmo xornal (titulados ‘Como cabeceira’ e ‘Un libro para o verán’) resultaran gañadores da novena edición do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela invadiume unha sensación de ledicia incrible. Era, ademais, a primeira muller en recibir tal galardón. A entrega do premio, celebrada no seo da Feira do Moble da Estrada, deparábame outras sorpresas: alí coñecería a dous galegos ilustres: Isaac Díaz Pardo, quen fixo a entrega do diploma e do agasallo, e Xosé Neira Vilas, o escritor do que tiña escoitado falar na casa de nena, tras a lectura da súa arquicoñecida novela, Memorias dun neno labrego, por parte dos meus pais, nos seus anos universitarios.

Remontámonos ao ano 2004, data na que recibín o premio e coñecín a Neira Vilas e a Anisia Miranda, a súa muller. Ese día queda arquivado na memoria, pero tamén nas fotografías, que hoxe comparto cos meus lectores, dicíndolle así adeus ao escritor de Vila de Cruces, falecido este 27 de novembro aos 87 anos na súa casa de Gres. Esta é a mina particular despedida ao autor de Xente no rodicio, quen asinou Lar, Nai, Pan, entre outros moitos textos, de narrativa, poesía ou ensaio.

Membro numerario da Real Academia Galega, contaba coa Medalla Castelao, o Premio Laxeiro, o Otero Pedrayo, o Premio da Crítica Española (novela en galego) e da Crítica Galega (ensaio), ademais doutros galardóns, como foi recibir no 2009 (ano no que faleceu Anisia), cinco anos despois de coñecelo na Estrada, o mesmo premio que eu recollera alí, o Manuel Reimóndez Portela de Xornalismo. Neste ano 2015 foille concedida a Medalla de Ouro de Galicia, a máxima distinción do Goberno galego, sendo durante toda a súa vida un gran defensor da lingua e da cultura de Galicia, o que talvez faga que xa no 2026 poidamos adicarlle o 17 de maio, o Día das Letras Galegas.

Considerada coma o primeiro best seller da literatura galega, a obra Memorias dun neno labrego, traducida a máis dunha ducia de idiomas dende a súa saída á luz nos ano 1961, e con máis de seiscentos mil exemplares vendidos, é tamén a obra inaugural da literatura infantil e xuvenil. Dese texto e da súa experiencia lectora falou durante unha xornada programada para os docentes encargados das bibliotecas escolares dos centros de ensino de Galicia ao que tiven o pracer de asistir, en calidade de coordinadora de biblioteca, uns catro anos atrás. Nesa xuntanza celebrada en Santiago, na que Neira Vilas tamén lembrou a súa revista infantil Zunzún, editada na Habana, démonos cita moitos profesores de todo o territorio galego, e vimos a un Neira Vilas moi próximo e familiar, que falaba con tremenda lucidez sobre as súas lembranzas. Hoxe dicímoslle adeus, a aquel que loitou pola dignidade dos nenos coma Balbino, pola dignidade dos galegos, dos labregos… a través da palabra escrita, da literatura…

Hoxe seguimos soñando cun mellor futuro para Galicia.  Seguiremos traballando na defensa do noso idioma, da nosa cultura… cunha ollada limpa… cun sorriso nos beizos… coa poesía no corazón, sen permitir un paso máis atrás.

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS