Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 25.05.2018 Actualizado 17:58
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Compás de espera

JOAQUIM VENTURA  | 14.10.2017 
A- A+

Estamos na espera do prazo ao requirimento feito polo goberno español ao presidente da Generalitat para que responda se o pasado día 10, cando compareceu no Parlament, declarou a independencia de Cataluña. Unha semana longa, a que vai desde o domingo 1 de outubro ata a sesión extraordinaria do consello de ministros do mércores 11, que amais dos efectos políticos, xa contempla diagnósticos médicos por alteracións psíquicas en diversas persoas.

Lonxe de min querer xogar a profecías. Sei que son falible como calquera pero desde o máximo exercicio de acougo do que son capaz, tento conxurar os medos propios e alleos. Simplemente, tento situar causas e efectos e darllos a coñecer aos lectores deste xornal. Foron estes días pasados dunha intensidade tal que quizais sexa aconsellable ollar por separado os diferentes acontecementos que se sucederon.

O paro de país. Fixen a miña última crónica naquel martes. O balance: moitos sectores laborais, económicos e sociais seguiron a protesta contra a actuación da policía e da garda civil. Eu engadiría que a protesta ía aínda máis contra o conformismo amosado polo goberno por tal intervención.

O discurso de Felipe VI. Alocución seca, apenas empática, semellaba ditada polo goberno. Cómpre recoñecer que o monarca non tiña máis saída que chamar ás autoridades catalás a regresar á legalidade constitucional pero, independentistas ou non, atopamos en falla algunha mención ás causas da contestación dunha parte da sociedade catalá e algunha outra ao risco de excesos cando se intenta aplicar un mandato xudicial contra unha desobediencia masiva. Máis aínda cando borboneou abertamente ao denunciar que as autoridades catalás se apropiaran das institucións históricas de Cataluña. Un Borbón dando leccións niso, cando foi o fundador da dinastía, Felipe V, quen disolveu a Generalitat e as constitucións dos cataláns (e dos valencianos e dos aragoneses). Unhas institucións históricas que so foron restauradas coa Segunda República e, despois do franquismo, por unha xogada política para frear a maioría de esquerdas que saíu das eleccións de xuño de 1977. E non é a familia real a máis indicada para esixir respecto ás leis cando hai quen pode entrar na cadea por aproveitar pertencer a ela. O mércores 4 moitos cataláns deixamos de sentir ao rei como o noso xefe de Estado.

Manifestantes en defensa da unidade de España. Que o reto independentista é asunto a considerar en serio foi a convocatoria do domingo 8. Manifestación non so lexítima senón tamén necesaria para defender o status quo cando a vixencia das leis non abonda. Á marxe do número de asistentes (inferior en calquera caso ao das manifestacións soberanistas), houbo moito patriotismo de testosterona, contaminado polo visto por España adiante. Sigo amolado porque a consigna principal non foi “Viva a Constitución!” senón “Puigdemont a la prisión!” ou esoutra de hooligans “Yo soy español, español, español!”. Sorte que o cartesiano (“a fuer de xacobino”) Josep Borrell puxo certo siso, especialmente despois do delirio verbal e inculto de Mario Vargas Llosa (ignorante dos nomes do presidente da Generalitat e da presidenta do Parlament). Uns manifestantes cuxa maioría de expresións deixou en evidencia que os bilingües somos os catalanofalantes.

A fuga de empresas. O capital é medorento e coa coartada da seguridade xurídica (¿pola desobediencia independentista ou pola consecuencias das imaxes do 1-O?), as principais empresas domiciliadas en Cataluña comezan a trocar de sede social a territorio non catalán. Esta acción ofensiva ou defensiva deixa en evidencia a tantos demagogos que desde Madrid e as zonas de influencia do seu establishment, seguen a denunciar que o nacionalismo catalán é obra da burguesía. Da alta burguesía, non, queda claro.

A comparecencia de Puigdemont no Parlament. A elevación da temperatura acadou o seu punto culminante o martes 10 cando o presidente Puigdemont compareceu na cámara catalá. Malia as primeiras intencións aparentes, os teléfonos (algún, europeo) queimaban para que o resultado do 1-O non tivese consecuencias. Cando finalmente o presidente catalán compareceu, botou un discurso que supuxo un auténtico arcano. Para entendelo, faise necesario o concurso de lingüistas expertos en sintaxe e morfoloxía. Non me sento máis listo ca ninguén pero de primeiras, decateime que non houbo declaración de independencia. Moi en síntese, habería tres elementos no discurso. 1) O verbo: “asumo”; 2) obxecto directo: 2a, “o mandato do pobo”, e 2b (cualificativo do anterior, non consecuencia do “asumo”), “para que Cataluña se converta nun estado independente”. O terceiro elemento sería a petición ao Parlament para que as posibles consecuencias do anterior –seguindo o establecido na lei do Referendo, suspendida polo TC- ficasen sen efecto. Os primeiros en mostrar a súa contrariedade foron os da CUP (circunstancia que, como dixen aquí, formaba parte da solución).

Artigo 155. Ante a ambigüidade da declaración anterior, o presidente do goberno español veuse forzado a iniciar o trámite para aplicar o artigo 155 da CE. Na comparecencia no Congreso dos Deputados, Mariano Rajoy recoñeceu que a pregunta feita no requirimento é fácil: ¿declarou a independencia? Con responder non, abondaría. Como tamén abondaría que o requirido enviase, a maneira de resposta, o seu discurso do martes 10, que seguramente o presidente español sabería interpretar á vista de certas frases súas, coñecidas dabondo.

En calquera caso, incluso se as augas volven ao rego constitucional, o problema de Cataluña é xa un problema de España. E ese problema (dos millóns longos de cidadáns) non se vai resolver cunha reforma constitucional que afecte a todas as comunidades autónomas, xa que daquela sería recentralizadora e forzosamente asimétrica (co risco de enfadar a vascos e navarros).

A solución óptima sería reformar a CE cunha adicional que recoñecese a singularidade catalá, incluída a súa condición de nación. Ou iso ou a medio prazo Cataluña marchará, de maneira concertada e legal.         

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS