Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 10.14

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

RESIDUOS

Compostexe visible

23.05.2010  A rede galega senta as súas bases para impulsar unha alternativa posible á incineración ·· Ecoloxistas, concellos e universidades unen esforzos para darse a coñecer

5.0/5 [1 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

MARTA RODRÍGUEZ . SANTIAGO

María Rodríguez, de Adega, moderadora dun dos debates da xornada, co seu ‘kit’ de compostaxe
María Rodríguez, de Adega, moderadora dun dos debates da xornada, co seu ‘kit’ de compostaxe

Xusto un día despois do anuncio por parte da Xunta do impulso dunha nova planta incineradora no sur para o 2017, sentábanse as bases en Santiago para a Rede galega de compostaxe, para demostrar que outra forma de tratamento do lixo é posible máis aló das cinzas. A xornada "A compostaxe na pequena escala", organizada por Adega e a Universidade da Coruña, en colaboración co Concello compostelán e a Fegamp, serviu de "tormenta de ideas" para impulsar esta asociación, que recolle a remuda doutras experiencias a nivel estatal moi exitosas. O obxectivo é claro: facer este método visible e demostrar, unha vez máis, que os cidadáns van por diante das autoridades.

Aínda é un embrión, pero xa forman parte colectivos ecoloxistas e sociais, concellos, mancomunidades e universidades, e están dispostos a facela crecer e exportar experiencias a nivel caseiro, industrial, en pequenas plantas e incluso nas explotacións agrogandeiras, nun foro de debate no que todos suman.

A Plataforma, para comezar, quere impulsar a elaboración dun censo real para coñecer cantos cidadáns xa producen compost na súa casa, un dato moi importante, "porque de seguro que somos moitos máis dos que imaxinamos", indicou Ramsés Pérez, de Adega.

Ademais, no debate no Centro Social de Caixanova celebrado onte, expúxose a necesidade de constituír unha especie de lobby de presión dirixido á Xunta para demostrar que "hai alternativas á incineración", e tamén a maneira de organizarse para conseguir financiamento para estes proxectos.

Nesta xornada serviu de grande axuda a testemuña de Beatriz Martín, representante da oficina técnida de Composta en Red, unha iniciativa a nivel estatal con sede en Rivas Vaciamadrid que se divide en varios grupos de traballo. A experta, e niso coincidiu con moitos dos presentes, subliñou a necesidade de crear sinerxías con grupos de investigación da universidade e concellos, e pasar tamén ó papel as experiencias actuais na materia e divulgalas nunha páxina web. Segundo Martín, "é necesaria a existencia de conexión e apoio entre os proxectos, para lograr unha consolidación do éxito deste sistema de xestión de residuos". As iniciativas, ademais, son de longo percorrido porque se xestou no 2006, botou a andar dous anos despois e é no presente cando xa se pode dicir que funciona a pleno rendemento segundo os impulsores.

En Galicia, Adega foi a principal valedora da compostaxe como sistema prioritario para o tratamento da fracción orgánica dos residuos sólidos urbanos. Hai case unha década, comezou a estudar o deseño dunha liña de traballo que se concretou no 2002 co desenvolvemento do Programa piloto do Concello de Ferrol.Segundo indica Desiree González, coordinadora destes programas, "o sistema caseiro xorde como recuperación da esterqueira, unha práctica tradicional de xestión da materia orgánica", complementado cun sistema tecnolóxico e educativo de baixo custo.

Os resultados dos programas son rotundos: a compostaxe é viable en Galicia e ten importantes beneficios ecolóxicos, económicos e sociais, e o produto obtido é de calidade excelente, válido para a agricultura ecolóxica segundo os parámetros establecidos na Unión Europea refrendados pola Universidade da Coruña. Hai, polo tanto, alternativa para o lixo.

Os exemplos: o Morrazo e Arousa

Galicia xa ten exitosas experiencias no eido da compostaxe e vén de sumarse á comunitaria, que trata os residuos de todos os veciños no mesmo lugar aforrando, polo tanto, o seu posterior tratamento e transporte.

O Morrazo vai ser a contorna elixida para a súa aplicación con proxectos pilotos con ánimo de exportarse en Bueu, Moaña e Cangas. O procedemento é similar ó da caseira pero cunha intervención directa do concello: todos os veciños depositan os seus refugallos nun composteiro situado nun espazo común , ó que os técnicos municipais engaden o restruturante procedente da limpeza de parques e xardíns. A nivel individual, destaca a iniciativa da Illa de Arousa, que se realiza desde 1998, e o que comezou como unha experiencia piloto acabou por implantarse en todo o municipio.

Botou a andar con 20 mestres composteiros altruístas e o último reconto falaba xa de 300 familias realizando o proceso, con máis de 400 composteiros instalados.

"É de calidade excelente"

O enxeñeiro químico e investigador da UDC Manuel Soto deu conta no seu relatorio da súa colaboración con Adega nos programas sobre compostaxe. Os resultados das análises realizadas, indicou, "amosan que a calidade química do compost cumpre polo xeral as esixencias marcadas pola lexislación europea para o seu uso na agricultura ecolóxica". Das 70 mostras estudadas, só unha ofreceu resultados de contaminación e non foi apta.

"É bo para a agricultura"

Unha das mesas de debate feitas onte versou sobre o papel do compost nas explotacións de agricultura ecolóxica, e nela relatou a súa experiencia o representante da Cooperativa Raíña Lupa de Quilmas Xosé Manuel Casais. Os expertos que o acompañaron, Xan Pouliquen, Ramón Plana e Xan Neira, coincidiron en destacar as virtudes deste tipo de abono, fundamental na dinámica do solo, co obxectivo último nos cultivos ecolóxicos da incorporación de humus, como elemento de alto valor potencial.

AS FRASES

Beatriz Martín

"É necesaria a existencia de conexión e apoio entre todas as experiencias de compostaxe, para lograr unha consolidación do éxito deste sistema"

Ramsés Pérez

"Cómpre realizar un censo real para coñecer cantos cidadáns xa producen compost na súa casa, porque de seguro que somos moitos máis dos que imaxinamos"

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS