Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
A Comunidade de Montes de Salcedo, en Pontevedra, estreará este sábado un documental titulado 'Comuneiros: 100 anos de vida e loita polo monte de Salcedo', no que repasan o tempo transcorrido desde que comezaron a enfrontarse a diversas "agresións" de tipo político e administrativo, como a ocupación de terreos cedidos polo concello para a construción, en 1905, do cuartel de Figueirido, actual sede da Brilat.
O documental, producido pola Sociedade Antropolóxica Galega en colaboración coa Comunidade de Montes de Salcedo, proxectarase ás 17.30 horas no Colexio de San Martiño no marco das II Xornadas de Monte Comunal que organiza a propia comunidade.
Escrito e dirixido por Rafael Quintía e realizado por Joao Vieites, este traballo audiovisual remóntase ós usos tradicionais do monte, a través do testemuño de varios veciños da parroquia, que tamén recordan contos e lendas asociados á zona.
Ademais do patrimonio inmaterial, 'Comuneiros' destaca a existencia de gravados rupestres pero, sobre todo, incide na análise histórica da parroquia, que xa figuraba no rexistro do Catastro do Marqués da Ensenada en 1752, "moito antes da existencia do concello de Pontevedra", explicou Rafael Quintía. Así, aborda a creación do Patrimonio Forestal do Estado e as leis Hipotecaria e de Réxime Local na década de 1940, que, engadiu, "facilitaron a municipalización da propiedade colectiva".
TERREO USURPADO
'Comuneiros' céntrase especialmente na relación da Comunidade de Montes de Salcedo co Ministerio de Defensa que, ademais das 32,5 hectáreas "usurpadas", segundo denuncian, a principios do século pasado, obtivo unha segunda parcela de 140 hectáreas en 1966 que, entre as dúas, "suman o 20 por cento do monte comunal da parroquia", segundo os cálculos da comunidade.
O traballo audiovisual repasa os últimos enfrontamentos entre os comuneiros e as autoridades militares contra a instalación, en 2003, dun aramado no perímetro do recinto castrense, e contra a creación, en 2008, dunha franxa de seguridade ao redor da base da Brilat, que afectaba as vivendas e as propiedades da zona. Así mesmo, alude ó xuízo celebrado este ano que, en primeira instancia, recoñece ós comuneiros a titularidade do monte ocupado por Defensa.
Segundo destacou Rafael Quintía, 'Comuneiros: 100 anos de vida e loita polo monte de Salcedo' reivindica "o dereito dos veciños a defender o seu monte comunal como un referente identitario e un recurso social e economicamente rendible".
