Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.06.2018 Actualizado 21:11
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Os concellos do BNG ofrécense para acoller a refuxiados do buque 'Aquarius'

SANTIAGO. EP  | 12.06.2018 
A- A+

Os concellos gobernados polo BNG mostraron a súa "total" disposición este martes para acoller a persoas do buque 'Aquarius', que navega con máis de 600 inmigrantes e refuxiados rescatados no Mediterráneo, despois de que finalmente se acordase levar o barco até Valencia con axuda doutro navío.

Diso informou en rolda de prensa o alcalde de Carballo (A Coruña), Evencio Ferrero, quen sinala que os municipios nacionalistas mostran o seu apoio por "responsabilidade" e "solidariedade".

"Os concellos do BNG non podemos nin queremos mirar para outro lado", deixou claro Ferrero en relación ao "drama humano das persoas refuxiadas que foxen do seu país de orixe escapando da pobreza, a violencia, a persecución e mesmo a morte", quen "chaman ás portas buscando unha vida mellor".

Por iso, o tamén vicepresidente segundo da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) trasladou á Xunta a disposición dos concellos do Bloque para "recibir, axudar, protexer e amparar a estas persoas".

"Temos as nosas portas abertas para darlles acollida e para pór o noso modesto gran de area, porque queremos que os nosos concellos sexan un reflexo dos seus veciños, que saben moi ben o que é saír para buscarse o sustento fóra dos nosos fogares", subliñou o rexedor de Carballo.

EN PONTEVEDRA A INICIATIVA DO PSOE
Na mesma liña, o Concello de Pontevedra tamén aprobou este martes na súa xunta de portavoces ofrecer os seus recursos para acoller a parte dos refuxiados do Aquarius. A proposta foi presentada neste caso polo grupo municipal socialista e apoiada por todos os grupos políticos da corporación, segundo informou o alcalde nacionalista, Miguel Anxo Fernández Lores.

"Estamos a disposición da Fegamp e serán eles os que distribúan e digan finalmente" a cifra de refuxiados que se asignan a esta localidade, tal e como expresou o rexedor.

Pola súa banda, o portavoz local do Partido Socialista, Tino Fernández, indicou que "Pontevedra ten que porse no mapa da solidariedade, porque o modelo de cidade ten que ir máis aló das beirarrúas". Do mesmo xeito, mostrouse "encantado" de que o PP votase a favor da iniciativa, aínda que cre que o fixeron por "oportunismo político" e non por "convicción".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS