Hemeroteca web
|
RSS
Sábado 25.05.2013
| Actualizado 03.09
Despois do comunicado do pasado xoves día 20 da banda terrorista ETA, no cal anunciaba o cese definitivo de calquera actividade armada, haberá que ver en que tellado está agora a pelota. Este comunicado non só estaba intuido ou anunciado senón que podía darse por cantado desde a declaración dos presos (temerían que ao final non quedase ninguén para negociar e tivesen que papar as condenas enteiras) e cando houbo a conferencia de Donosti, con persoalidades que non ían quedar en ridículo.
Estou convencido que esta conferencia non era senón unha maneira de que ETA presentase a súa rendición dun xeito elegante. É dicir, non como rendición senón como aceptación das propostas emanadas da conferencia. Senón non se explica a celeridade en decidir e preparar o video da declaración e facelo chegar ao xornal Gara o xoves, apenas tres días despois do documento acordado en Aiete.
Estiven a repasar os videos en euskera e en castelán e alén de ter o mesmo formato –polo menos os puños no saúdo final suben e baixan de igual xeito: quen está á esquerda do espectador tarda o mesmo na versión en éuscaro que na versión en castelán- tiñan tamén unha mensaxe retórica pero ben donda, nada combativa.
A cousa lémbrame aquela anécdota apócrifa que contan do cardel Quiroga Palacios verbo do rumor dunha posible visita do Papa a Compostela. Pedida audiencia Franco, o prelado comentou que a estrada desde Lavacolla non estaba presentable. O ditador respondeu que qué pasaría se a arranxaban e despois non viña, ao cal o titular da diocese compostelá retrucou aínda máis á galega: “E se veñe?”
Así pois, hai veces nas cales o peor que pode suceder é o que nos aparece como a mellor posibilidade. Ata hoxe, tanto o PP como o PSOE, no goberno ou na oposición, non tiñan outro obxectivo que a lexítima loita contra os terroristas. Pero agora, cando ETA declarou un alto o fogo permanente e verificable, alguén terá que mover ficha. E terá que ser en todos os campos.
Desde as vítimas, en esixir o total recoñecemento dos seus dereitos pero sen revanchismos canto ás condenas de cárcere dos terroristas. Desde os poderes públicos terá que haber xenerosidade subsidiaria en solucionar os dereitos das vítimas e en adoptar medidas penitenciarias tendentes a resolver nun prazo razonable a situación dos presos e fuxidos. E todos os que, dun xeito ou doutro, tiveron relación con ETA –presos ou libres- deberán pedir perdón á sociedade e, moi especialmente, as vítimas.
Guste ou non, que as rodas de muiño non son tan indixestas.
