Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Conmemoracións e sensibilidades

XOSÉ A. GACIÑO  | 13.07.2017 
A- A+

Cando se conmemorou, o pasado 24 de xaneiro deste ano, o cuadraxésimo aniversario da matanza dos avogados laboralistas de Atocha, ao acto central, organizado pola Fundación Avogados de Atocha e Comisións Obreiras, ante o monumento que recorda ás vítimas daquel asasinato, asistiron, entre a multitude que encheu o espazo, políticos de Esquerda Unida, Podemos e PSOE. Se houbo algún do Partido Popular, sería de incógnito e ninguén o identificou. Estivo a alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, compañeira dos avogados asasinados, como estivo despois noutro acto no Colexio de Avogados e na presentación dun libro, pero non houbo ningún acto oficial do Concello de Madrid nin pancarta alusiva na súa fachada. Si houbo unha declaración institucional da Federación Madrileña de Municipios. Non recordo que houbese ningunha campaña específica contra o PP por non facer algo especial ese día, supoño que porque se considera “normal” a súa falta de sensibilidade ante as vítimas do franquismo e do terrorismo de ultradereita.

Nestes días, ante a conmemoración dos vinte anos do asasinato por ETA de Miguel Ángel Blanco –concelleiro do PP no concello biscaíño de Ermua–, unha declaración institucional da Federación Española de Municipios e Provincias propiciou a celebración de concentracións ante concellos de todo o territorio español en recordo de Miguel Ángel Blanco, asasinado “despois de dous días de secuestro e macabra conta atrás” (como di a declaración), e con el a todas as vítimas do terrorismo. Ao Concello de Madrid, que secundou esa convocatoria e celebrou a súa concentración por Miguel Ángel Blanco e todas as vítimas do terrorismo, o PP esixíalle algo máis: unha pancarta coa imaxe do concelleiro asasinado na fachada da sé consistorial. Por non axustarse ao formato de homenaxe deseñado polo PP, a alcaldesa e o goberno municipal madrileño, formado pola coalición Ahora Madrid, na que se integra Podemos, veñen de ser obxecto dunha abafante campaña de descualificacións e de acusacións, na que teñen participado, ao unísono, todos os grandes medios de comunicación convencionais (uns con máis entusiasmo que outros, todo hai que dicilo: El País, por exemplo, non lle dedicou toda a portada). E por asistir a un acto organizado polo PP, Manuela Carmena tivo que soportar o clásico chorreo de apupos co que a dereita soe obsequiar de vez en cando á xente de esquerdas cando as atopa en lugares que considera exclusivos da dereita (pasoulle a Rodríguez Zapatero nun desfile das Forzas Armadas e ao cantante valenciano Raimon, precisamente nun concerto homenaxe á memoria de Miguel Ángel Blanco en Madrid, en setembro do 1997).

Non é cuestión de valorar cal das dúas conmemoracións ten máis significación histórica. A matanza de Atocha serviu para pór a proba o sentido da responsabilidade dos dirixentes comunistas do momento e facilitar a súa incorporación decisiva ao proceso de transición. As circunstancias do asasinato de Miguel Ángel Blanco promoveron unha extraordinaria reacción cidadá contra ETA, sobre todo en Euskadi, onde puxo fin á pasividade dunha gran parte da sociedade. Non debería ser incompatíbel conmemorar as dúas datas da maneira na que cadaquén estime conveniente. Nin tampouco debería ser obrigatorio conmemoralas baixo ameaza de ser considerado un traidor á patria.

Xa sabemos que a dereita é moi estrita coas celebracións que considera patrimonio exclusivo, como as referentes á figura de Miguel Ángel Blanco, á que considera tan súa que emprega (presuntamente) a fundación que leva o seu nome para camuflar os pagos irregulares das súas campañas electorais. Esíxeselle algo máis e mellor á esquerda (e esta esixencia debería sentila como un afago): por exemplo, que sexa abertamente crítica cos crimes que se cometen no seu nome. Que nos seus sectores máis radicais, nos que agora abundan as críticas ao PCE da transición por ceder máis da conta ante os herdeiros do franquismo, tamén se condenase sen reservas aos que optaron pola vía do terrorismo, unha vía que, ademais de moralmente reprobábel (e isto xa debería bastar), entorpeceu a loita democrática da esquerda e foi estritamente inútil para acadar os obxectivos políticos que confesaban os que a emprenderon.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS