Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Venres 29.08.2014  | Actualizado 12.08

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Consideracións sobre o caciquismo en Galicia

M. DE BRAN  | 09.04.2012 
A- A+

A palabra cacique trouxérona os españois das insuas do Caribe cando estaban habitadas por indios, nas que el era o xefe máximo dunha colectividade ou grupo. Pero en Galicia xa había caciques desde moito antes co nome de señores, e  ségueos habendo na democracia por teren unha capacidade excepcional para adaptarse ós diferentes réximes políticos e circunstancias sociais, creando estructuras de poder que operan á marxe das leis e da ética política.

Os caciques galegos máis destacados rexistrados pola historia exerceron desde Madrid o cacicado, pasando por grandes benfeitores de Galicia, ós que coñecemos só polos libros. Un bo exemplo deles é o famoso político galego José Calvo Sotelo, máximo representante da extrema dereita caciquil española, e un dos principais introdutores do fascismo en España, asasinado en Madrid por un grupo de policías o 13 de xullo de 1936. Este galego de Tui, disputoulle o escano de deputado a Cortes da II República por Ourense a Alexandre Bóveda, do Partido Galeguista, nas eleccións de febreiro de 1936, que foi fusilado o 17 de agosto seguinte, sendo o primeiro dunha longa lista de mártires do galeguismo. Bóveda recorrera o pucheirazo electoral, pero as xuntas electorais locais déronlle o escano a Calvo Sotelo para asegurar a paz da República no Parlamento.

En persoa coñecín só algúns caciques relacionados co medio rural, por criarme no campo durante o franquismo, cando Galicia era case toda campesiña e o cacique unha verdadeira institución. Non se parecían en nada ó chamado “home bo”, que cando tiña cartos prestáballos ós veciños sen pedirlles papeis nin cobrarlles réditos por eles. E a cambio de nada, facía de mediador entre eles para resolvérllelas diferenzas. Aqueles homes bos que coñecín eran de dereitas pero actuaban como de esquerdas, sen meterse nunca en política.

En cambio, os caciques andaban na política, e cando facían algo por un veciño era para sacar tallada. Vivían nas súas casas grandes de campo chamadas pazos ou nas vilas e cidades, preto de onde tiñan os intereses. Recordaban os debuxados por Castelo, ós que nunca escarnecía de todo por seren tamén galegos. E os veciños, cando non tiñan outro remedio, ían cabo do cacique buscar cartos prestados para operarse, curar a tuberculose e outras enfermidades por non teren Seguridade Social. Ou íanllos pedir para pagar a abusiva contribución do Goberno, sacar a pasaxe dos fillos para a viaxe da emigración, etc., ante o que se humillaban a extremos infrahumanos poñendo os seus bens como fianza. Tamén ían pedirlle ó cacique que lles resolvese os asuntos pendentes coa Administración, porque facía de intermediario entre eles e as institucións administrativas e políticas, que por non seren democráticas trataban con altiveza os paisanos.

O cacique practicaba con eles o trato persoal. E buscáballes recomendacións para os fillos nos estudios e nas oposicións, conseguíallelo permiso para construír a casa nova nun sitio no que as autoridades non lle querían deixar, colocáballelos familiares, etc. Facíallelos favores por un prezo, ou a cambio dos deles. E desta astuta maneira ía tecendo unha rede invisible de obrigas coas vidas deles, coma a da araña no camiño das súas suculentas presas. 

Conseguíallelas cousas porque era poderoso e estaba socialmente ben relacionado, especialmente cos xerifaltes do Réxime franquista, máis ben ca polas súas calidades persoais ou xenerosidade, que no caso dalgún deixaban moito que desexar. E os veciños regalábanlle, e levábanse ben con el polo proveito deles antes ca polo amor que lle tiñan, procurando non dar á lingua del por medo de que lle chegase ós seus longos oídos.

Ás veces ó facer algo por un veciño prexudicaba outros, por non respectar o ben común coas súas cacicadas. Pero non pasaba nada, porque o Goberno de Franco preocupábase moi pouco polo ben común por ser un concepto introducido por Marx na socioloxía moderna, propio do comunismo. E os veciños andaban só ó seu, traballando coma escravos caladiños sen chamar a atención de ninguén. Porque as autoridades dicían: “Los labradores que se dediquen a trabajar, y que no se metan en política”. E eles só se ocupaban das cousas do común cando non lles quedaba  outro remedio, por exemplo, cando o río lles levaba unha ponte, as zurradas lles estragaban os camiños ou se lles derrancaba o muíño. Entón, reuníanse para arranxalos sen a axuda das autoridades, que se limitaban a cobrárllelo permiso que eles lles tiñan que pagar nalgúns dos casos para que non lles mandasen a Garda Civil, que por aqueles anos da ditadura era moi temible.

A xente dicía que coa Garda Civil e co cura había que estar a ben, e transmitíanlles este principio social escravizador ós seus fillos. Porque a Garda Civil tiña o poder civil para multar, perseguir os opositores do Réxime, etc. E o cura representaba o poder moral do Nacional Catolicismo, co que se enchían de razón os gobernantes para decidir polos veciños sen lles consultar. El era o encargado de facer os chamados “certificados de boa conduta”, que as autoridades lle esixían á xente para traballar no sector público ou para outros mesteres, porque daquela non había liberdade relixiosa coma agora.

Pero a xente non incluía o cacique nesta lista da Garda Civil e do cura, por actuar á marxe das leis civís e normas morais establecidas para conseguírllelas cousas irregulares que lle pedían. Pois o mundo dos campesiños sempre estivo gobernado por leis inxustas, sobre todo durante o franquismo. E o cacique axudáballes a burlalas, por xogar ás dúas bandas.

Ó vir a democracia, aqueles caciques que estaban colocados na política e os que andaban para estalo valéronse da súa influencia social para conseguir os votos cos que apoltronarse nos novos cargos democráticos, sobre todo nas alcaldías e deputacións provinviais. E unha boa parte deles seguiron caciqueando desde os novos cargos sen respectar a transparencia nin as regras do bo goberno da democracia, e sen pudor polo qué dirán. Algúns moi coñecidos duraron nos cargos ata que a bioloxía llelo impediu ou seguen caciqueando neles, por teren os votos da súa clientela política asegurados elección tras elección, coma Franco cando convocaba referendos con todo predeterminado, é dicir, atado e ben atado.

Sobre o control dos votantes contoume un veciño de preto do concello de Santiago, o día das derradeiras eleccións municipais, que el non ía votar  porque o alcalde non lle asfaltara a pista da entrada da casa. Pois se ía votar por el ou por outro candidato, despois seguía sen lla asfaltar. Pero ó absterse, o alcalde sabía que non ía votar por el ata que lla asfaltase, por ter os votos contados e saber de quen eran. Precisamente, é nos concellos e deputacións onde radica o segredo do control dos votantes ou principal caciquismo.

Este caciquismo político é percibido cada vez por máis galegos coma a principal causa da mala calidade democrática e da corrupción. E atendendo ó seu modo de operar podemos distinguir, polo menos, as cinco seguintes clases del:

O caciquismo españolista, que en nome do nacionalismo español alleador trata de uniformar sen descanso os pobos de España, en vez de fomentar a harmonía entre eles a partires da diversidade dos mesmos. Para facer a súa utiliza todos os mecanismos e medios materiais, xurídicos, políticos, psicolóxicos, etc., ó seu alcance. Especialmente o ensino, a meritocracia españolista e os medios de comunicación, deixando cerrar os galeguistas e promovendo os españolistas. Con estas ferramentas vai substituíndo a lingua e cultura galegas polas castelás, evitando que a xuventude adquira a personalidade galega nas escolas desgaleguizadas, coma nunhas factorías de travestismo cultural españolizadoras. E vai desposuíndo os adultos da súa personalidade galega meténdollelo medo e o complexo de seren galegos no corpo, para reducilos a uns ninguén de ningures obrigados a adquiriren a castelá, tomada como único modelo da española, como se dunha mercancía deshumanizada submisa e fácil de comprar se tratase. Porque con ser un galego non lles vale para consideralo español, senón que debe ser homologado ó castelán. E para conseguiren os seus obxectivos españolistas dispoñen dunha organización e estrutura de poder paralelas á democrática, coma as do caciquismo español doutros tempos.

O caciquismo militante, que lles reparte ós seus afiliados cargos e empregos na Administración, chopes nas empresas públicas, etc., pensando máis en contentalos polos apoios políticos recibidos deles ca na súa competencia para os cargos.

O caciquismo económico, que reparte subvencións, concesións administrativas, información privilexiada, contratas a empresas leais, axudas, etc. E que é o máis criticado polo pobo, por ver que só favorece o progreso duns poucos.

O caciquismo burocrático, encargado de lles axilizar o papelorio ós amigos, especialmente coa Administración central  mediante atallos controlados polos políticos que están no allo. E que debido ó crecemento da burocracia estase convertendo en algo considerado normal.

E o caciquismo espiritual, que explota os lazos ideolóxicos de unión cos cacicados sen darlles nada material a cambio. Este caciquismo é o menos visible pero o peor de todos por escravizar as persoas, impedíndolles progresar se non emigran, por estaren sometidas. De aí a frase: “Mexan por un e hai que dicir que chove”. Este caciquismo, que mantén a xente atada ou submisa por ataduras invisibles, tamén se dá no ámbito relixioso, universitario, etc.

Ademais das consecuencias perniciosas do caciquismo arriba apuntadas, se este continúa enraizando na sociedade galega podería chegar a controlar incluso o propio Parlamento e poñer á marxe das leis un goberno de caciques sen concepto de país, convertendo a democracia nunha gran estafa, o que cómpre evitar por todos os medios.

Pero a descacicación total de Galicia para evitar este risco sería unha utopía, por estar o caciquismo enraizado no máis profundo da sociedade galega, debido á súa vella estrutura desaxustada das modernas leis democráticas. Por iso, un sector dela segue funcionando por mecanismos paralelos ós legais. E busca no cacique a seguridade e axuda para capear as leis consideradas inxustas, como xa dixemos. Por iso os votantes lle son tan fieis ó cacique, e non atenden a razóns democráticas para deixar de votalo. Ademais, hai parcelas de poder incontrolables pola democracia que se prestan ó caciquismo por pertenceren ó ámbito do privado, no que se dirimen os seus asuntos mediante o trato persoal, tan arraigado na sociedade galega coma o propio caciquismo, estando ambos aspectos intimamente relacionados.

Na nosa humilde opinión, a primeira medida que cómpre tomar para combater o caciquismo en Galicia é a limitación dos mandatos políticos a un ou a dous, como máximo. Deste modo os caciques de novo cuño non terían tempo no cargo para tecer a súa rede caciquil, e os vellos ó quedar sen o cargo deixarían de caciquear. Porque sen poder, non hai caciquismo posible. Outra medida útil, aproveitando a crise económica para aforrar, sería a redución do número de concellos pequenos mediante fusións, por darse máis o caciquismo neles ca nos grandes, e a eliminación das deputacións provinciais. Pero hai moitos veciños que non queren renunciar ó caciquismo directo, aínda que ganarían en progreso.

Tomando as devanditas medidas non existiría o perigo de que, por falta de prevención política, os caciques cheguen a converter a democracia nunha metáfora da mesma. ¿Pero quen se atreve a meterlle man ó caciquismo en Galicia? A ver se a “Lei de transparencia” do PP vale de algo para combater esta vella lacra social, e non para axudar a seguir tapándoo en nome do Estado de Dereito, como vén sucedendo.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS