Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 21.20

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

DÍA MUNDIAL DA EFICIENCIA

Consumo enerxético

06.03.2011  O gasto en Galicia disparouse un 40% en dez anos ·· Usa agora 2,5 veces máis petróleo, carbón, gas natural e fontes renovables que en 1981

4.0/5 [1 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

NATALIA SEQUEIRO . SANTIAGO

Galicia é a segunda comunidade con máis dependencia do cru no Estado. Na imaxe, unha plataforma pretrolífera fronte á costa de Dinamarca
Galicia é a segunda comunidade con máis dependencia do cru no Estado. Na imaxe, unha plataforma pretrolífera fronte á costa de Dinamarca

A decisión de rebaixar a velocidade a 110 quilómetros por hora en autoestradas e autovías acendeu o debate. O Goberno central defende que se trata dunha medida temporal, que terminará cando se estabilice a crise derivada das revoltas en varios países petroleiros para derrocar os seus ditadores. Con todo, os ecoloxistas alertan de que o aumento dos prezos chegou para quedar e aseguran que é necesario un plan ambicioso para controlar a escalada do consumo. Na última década a enerxía usada en Galicia para o transporte, a electricidade ou a calefacción disparouse un 40%.

Segundo os datos do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), no ano 2000 a comunidade consumiu un total de 4,9 millóns de toneladas equivalentes de petróleo, unha unidade que se utiliza para homoxeneizar as distintas fontes enerxéticas como o carbón, o gas natural ou as renovables. En 2008, o último ano con datos dispoñibles, a cifra alcanzara os 6,9 millóns. Pero se nos remontamos a principios dos anos 80, o incremento do consumo enerxético alcanza case o 150%. Entón só eran necesarias 2,9 millóns de toneladas. "Estamos moi mal afeitos desbaldir enerxía, non somos conscientes dos seus enormes impactos ambientais e sociais", advirte Xosé Veiras, membro da área de enerxía e transportes de Verdegaia.

 

A eficiencia máis baixa de toda Europa

O maior consumo de petróleo, carbón, gas natural ou renovables adoita asociarse ó crecemento económico dun país. Os economistas miden a eficiencia enerxética calculando canta enerxía é necesaria para que o Produto Interior Bruto (PIB) creza unha unidade. As cifras non deixan moi ben parada nin a España nin a Galicia. "Temos unha gran marxe para reducir o consumo enerxético, porque o grao de eficiencia aquí é moito máis baixo que no conxunto de Europa", indica Veiras.

 

A de maior depedencia dos derivados do cru

Os últimos datos do Insituto Nacional de Estatística para 2009 corroboran a afirmación. A industria da comunidade galega necesita ata máis enerxía que a doutras autonomías españolas para funcionar. O seu consumo representa o 8,5% do total nacional, mentres que o peso da poboación galega ou do PIB queda nun 6-7%. Galicia sitúase, ademais, como unha das comunidades con maior dependencia dos produtos petrolíferos, só superada por Canarias.

A utilización de derivados do cru supón case unha terceira parte do total das fontes enerxéticas que necesita a industria (un 27,9%). A media nacional, con todo, queda no 13,7%."Galicia ten unha gran dependencia enerxética", explica o ecoloxista Xosé Veiras, quen incide en que as únicas fontes autóctonas son as renovables -agora que se esgotaron as minas de carbón- e estas só cobren só unha pequena parte da demanda enerxética total.

 

Máis transporte público e urbanismo sosible, claves

Está a sociedade preparada para tomarse en serio o aforro enerxético? O rexeitamento xurdido ante a limitación de velocidade ou as reticencias de concellos e autonomías a sufragar os gastos para instalar lámpadas de baixo custo ou a reducir os prezos do transporte público parecen indicar que aínda queda un longo percorrido por andar. "Aplaudimos as últimas medidas do Goberno, pero son insuficientes. Non podemos quedarnos na anécdota, necesitamos medidas de aforro transversais a todas as políticas", subliña Fins Eirexas, secretario executivo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega).

Para os colectivos ecoloxistas as administracións públicas deberían pór en marcha canto antes plans serios de aforro que permitan unha transición non tráumatica a unha sociedade cada vez menos dependente do petróleo. "Por máis que nos digan que non é así, a tendencia á alza dos prezos vén para quedar", advirte Xosé Veiras de Verdegaia, quen recorda que as reservas mundiais se acaban e que cada vez é máis custoso extraer o cru.

Fins Eirexas considera que as políticas de aforro enerxético son "inconexas e improvisadas" e cre que nalgúns casos -como a substitución de lámpadas- a sociedade vai ata por diante das administracións. O secretario executivo de Adega denuncia, ademais, contradicións. "Agora preséntannos plans de aforro, pero a Xunta, por exemplo insiste no plano Move, que prevé pór unha autovía á porta de cada casa. É un modelo desenvolvista dos anos 60 que xa non ten sentido", indica. A potenciación do transporte público, o desenvolvemento de polígonos industriais capaces de abastecerse enerxeticamente, o apoio ás renovables, o desenvolvemento de urbanismo que non obrigue ós desprazamentos en coche ou a mellora do illamento e a eficiencia das vivendas son algunhas das súas receitas para conseguir reducir a factura enerxética.

O Goberno comezou a modificar a noite pasada os sinais de tráfico de 120 Km/h polas de 110 para reducir a velocidade máxima na estrada como medida de aforro enerxético. O cambio dos sinais, mediante adhesivos coa nova limitación, continuará hoxe na maioría das autoestradas e autovías da rede.

O DATO

42 millóns da Xunta para evitar o desbaldimento

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, destacou onte que o investimento do Goberno galego en medidas para fomentar o aforro e a eficiencia enerxética alcanzou os 42 millóns de euros no que vai de lexislatura. Con motivo do Día Mundial da Eficiencia Enerxética, Guerra destacou o compromiso da Xunta a través do aforro na iluminación pública ou promoción de mobilidade sostible e medios de transporte alternativos ó coche privado. Medidas que forman parte do plan de aforro enerxético 2011-2013, presupostado con 35 millóns de euros, que se propón rebaixar o consumo final nun 40%.

COMEZA O CAMBIO

DE SINAIS A 110 KM/H

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS