Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 24.05.2017 Actualizado 20:50
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

O conto das vellas feridas

XOSÉ A. GACIÑO  | 17.05.2017 
A- A+

Na novela Patria, do escritor vasco Fernando Aramburu, hai algúns personaxes que consideran unha provocación –unha sorte de furgar nas feridas abertas polo conflito– o regreso da viúva dun empresario asasinado por ETA á súa casa familiar no pobo, que abandonara despois do crime para vivir na capital cerca do seu fillo, e se deixase ver entre os seus antigos veciños, tras o anuncio do cese das actividades terroristas, un momento que podía considerarse propicio precisamente para intentar cerrar feridas. En realidade, a presencia da viúva no que furgaba era máis ben na mala conciencia da xente, que abrira no seu día un círculo de silencio en torno ao empresario e a súa familia desde o momento no que transcende a súa condena tácita tras negarse a facer un segundo pago do imposto revolucionario.

Un caso de ficción, aínda que inspirado pola realidade (ou por algunhas realidades deses anos terríbeis). Na realidade mesma movíase o ministro portavoz do goberno central, cando comentaba o outro día que propostas como a de retirar os restos de Franco do Val dos Caídos veñen reabrir vellas feridas, seguindo a liña argumental do seu partido –ás veces con expresións un tanto desprezativas– ante calquera iniciativa para buscar e identificar restos de represaliados polo franquismo perdidos en cunetas e fosas comúns para enterralos dignamente.

Parecería como se, tanto no momento inmediatamente posterior aos feitos como en momentos con suficiente perspectiva histórica, as vítimas estarían condenadas sempre a non molestar aos seus verdugos, que, en definitiva, foron os que inflixiron as feridas e, en moitos casos, non teñen ningún interese en cicatrizalas. Algúns parecen máis ben que lle esixen ás vítimas que se coman a súa dor e esquezan as feridas.

O curioso é que a dereita gobernante en España é selectiva no seu comportamento ante as vítimas, segundo quen sexan os verdugos. Apoia incondicionalmente ás vítimas do terrorismo etarra (coas do terrorismo islamista xa ten algún matiz, como demostrou con respecto a algunhas da matanza do 11-M), como fan todas as forzas políticas (incluídas ultimamente as chamadas abertzales, aínda que estas non tan incondicionalmente). Non ten a mesma sensibilidade ante as vítimas do franquismo, como o demostra o seu boicoteo activo á lei de memoria histórica vixente (unha lei certamente deficiente, pero por timidez e insuficiencia, non por abrir vellas feridas que nunca se cerraron).

De todas maneiras, e como algúns comentaron nestes días, xa é unha novidade positiva que o PP se abstivese na votación da proposta socialista para que os restos de Franco sexan trasladados a unha sepultura privada, sen ese homenaxe público que supón presidir ese patético monumento faraónico construído polas súas propias vítimas e costeado por todos os españois. Noutros momentos, é moi probábel que tivese votado en contra. Claro que, noutros momentos, tampouco os socialistas, sen a sombra de Podemos, terían presentado esa proposta.

Quizais dentro doutros corenta anos, a dereita española estará libre de vellas fidelidades e se mostrará disposta a deixar morrer o mausoleo da ignominia. Para entón, podería aplicarse o remedio suxerido polo humorista Peridis nun programa radiofónico, e que el chama opción “hortofrutícola”: deixar o monumento á súa sorte e que a natureza faga o seu traballo, envolvendo e pulverizando as pedras entre o crecemento da vexetación libre. Unha opción que, para estes neoliberais inimigos do gasto público, ten a vantaxe de ser a máis barata.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS