Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 27.01.2020 Actualizado 20:37
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

Contos e descontos

RUTH FERNÁNDEZ  | 14.08.2011 
A- A+

O pasado 7 de agosto o investigador lugués Claudio Rodríguez Fer presentou na Feira do Libro da Coruña o volume titulado Contos e descontos, unha obra que reúne a súa narrativa completa, composta de dous libros publicados con anterioridade (Meta-relatos, escrito entre 1976 e 1983 e Os paraísos eróticos, este último escrito durante a súa estadía en Nova York, Bretaña, París e Atenas entre 1984 e 2009), unha obra da mocidade que non fora editada (Prometeo adolescente, con microrrelatos escritos entre os 16 e os 20 anos, entre 1972 e 1976) e un relato inédito escrito recentemente.

Máis coñecido pola súa faceta de poeta, neste volume presenta para os seus seguidores un percorrido dende os relatos escritos na etapa adolescente ata textos contemporáneos, máis propios da madurez do autor. Polo que se refire á primeira narrativa de C. Rodríguez Fer (presentada nos apartados ‘Pre- relatos’, ‘Ciclo de Ión’, ‘Entre a pavura e a revolución’) hai que sinalar que recibe as influencias de Proust, Kafka, Joyce, Faulkner, Poe, Lovecraft, Borges e Cortázar, lecturas daquela etapa na vida do autor, pero tamén dá cabida á mitoloxía e ás historias vencelladas á Guerra Civil e á posguerra, temas de sumo interese para o poeta, involucrado de cheo na recuperación da memoria histórica, e máis aínda ao ser fillo dun home represaliado. Esto vémolo especialmente no libro titulado O neno que non quería ir á guerra de carácter inédito, que pecha o volume.

Meta- relatos divídese en tres series: ‘Logaritmos’, ‘Fábula fauna’ e ‘Flérida floresta’, converténdose nunha obra de reflexión sobre a propia narración e o universo da ficción. Do mesmo xeito, Os paraísos eróticos conta con tres seccións: ‘Belas e bestas’, ‘Entregas’ e ‘Tres’. Se tivera que elixir un relato dentro da narrativa que se recolle en Contos e descontos, este sería o que abre precisamente Os paraísos eróticos, tratando un tema arquicoñecido na literatura e no cine: a historia dos lobishome, pero neste caso coa diferenza de que a a figura que se encarna nunha loba é unha muller, ademais chamada Ruth. Refírome ao titulado ‘A muller loba’.

O volume péchase co texto O neno que non quería ir á guerra (Recordos dun neno da poesguerra), que inclúe os contos ‘Eu teño un canciño’, ‘A vaca con zocas’ e ‘A republiquiña dos animais’. Péchase aquí un ciclo, pero non se pon o punto final á narrativa do autor, xa que sendo máis poeta que narrador, non descarta a posibilidade de continuar coa escrita de relatos, sempre que lle permitan transmitir a intensidade que lle ofrece a poesía. A elección do microrrelato ou do relato breve na narrativa presentada en Contos e descontos débese, pois, a ese desexo do autor, polo que no futuro poderá ampliarse esta obra completa con máis ciclos de contos que, coma os poemarios, presenten a temática do erotismo insubmiso, da memoria solidaria, da vangarda libertaria… Serán microcontos vitalistas que obrigarán a ampliar a compilación de textos xa presentada.

, que inclúe os contos ‘Eu teño un canciño’, ‘A vaca con zocas’ e ‘A republiquiña dos animais’. Péchase aquí un ciclo, pero non se pon o punto final á narrativa do autor, xa que sendo máis poeta que narrador, non descarta a posibilidade de continuar coa escrita de relatos, sempre que lle permitan transmitir a intensidade que lle ofrece a poesía. A elección do microrrelato ou do relato breve na narrativa presentada en débese, pois, a ese desexo do autor, polo que no futuro poderá ampliarse esta obra completa con máis ciclos de contos que, coma os poemarios, presenten a temática do erotismo insubmiso, da memoria solidaria, da vangarda libertaria… Serán microcontos vitalistas que obrigarán a ampliar a compilación de textos xa presentada.

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS