Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 21.20

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Contradicións aparentes

18.02.2012 

5.0/5 [1 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

XOSÉ A. GACIÑO

Non se lle pode negar ao goberno de Rajoy unha certa contundencia nos decretos-lei que vai poñendo en marcha e nalgúns proxectos de lei que anuncia. Aínda que todos pensamos que, despois das próximas eleccións autonómicas en Asturias e Andalucía, poden vir medidas máis contundentes, hai xa material dabondo para concluír que este goberno asumiu con radicalidade ese "mantra" obsesivo da austeridade selectiva (máis recortes por abaixo para que teñan máis beneficios os de enriba) que impera na actual política económica da Unión Europea e no que se queimou, por certo, o goberno anterior.

Chama ademais a atención que se tomen algunhas desas medidas contundentes sen pestanexar, aínda que contradigan afirmacións rotundas en sentido contrario (o de non subir os impostos ou non abaratar os despedimentos, por exemplo) que os hoxe gobernantes mantiñan en campaña electoral ou cando estaban na oposición (e era o goberno socialista o que subía o IVE ou iniciaba o recorte de dereitos dos traballadores). Apenas a típica referencia a unha herdanza peor do que se pensaba.

Quizais é que tampouco necesitan máis escusas. E penso que tampouco necesitan disimular máis cara a esas dúas eleccións pendentes (entre outras cousas porque, polo menos en Andalucía, os socialistas están a traballar arreo cara a súa propia derrota). Pode que a letra das campañas electorais e dos discursos na oposición debuxase nalgúns momentos certos esbozos progresistas, nos seus irónicos reproches a un goberno obrigado a aparcar os seus principios socialdemócratas, pero non creo que iso enganase a ninguén. Cústame moito pensar que alguén votase ao Partido Popular pensando que ía facer a política que Rodríguez Zapatero non puido desenvolver. Por moito que dixese a letra, estaba claro que a música, o espírito, era moi diferente.

Outras medidas encaixan máis no concepto que se manexa agora de "contrarreformas" e pode que esas outras medidas anunciadas, pero aínda non aplicadas (relativas ao aborto, á cadea perpetua ou ao poder xudicial), teñan sorprendido a ese sector máis centrista dos seus votantes, que quizais esperaba que fosen situados nun segundo plano ante a urxencia que reclama a situación de crise, pero non o que se refire á política económica. En realidade, pode falarse incluso de continuidade, con respecto á política que viña seguindo o goberno anterior. Emprendida, iso sí, con máis vigor, como corresponde a un goberno en plena euforia inicial e con maioría absoluta nas cámaras. Se temos en conta ademais que unha gran parte das medidas veñen impostas polo criterio imperante na Unión Europea, é moi posíbel que o goberno anterior rematase adoptando as mesmas ou semellantes medidas, con máis ou menos convencemento, dentro do espírito de inmolación co que cubriu a última etapa do seu mandato.

Amortizadas as sorpresas e as contradicións, o goberno advirte que a situación vai seguir empeorando, polo menos un ano máis, incurrindo nunha nova contradición (que tamén se asume sen asombro), a de que bastaba cambiar de partido gobernante para recuperar a confianza e, como consecuencia, o crecemento. Con este goberno (como pasaba co anterior), todo queda pendente de que o criterio europeo cambie antes de que toda Europa morra de austeridade e os mercados se saturen de especular no vacío.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS