Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 19.08.2017 Actualizado 16:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Corenta anos de tantas cousas

XOSÉ A. GACIÑO  | 25.07.2017 
A- A+

Cómprense corenta anos de tantas cousas que se fixeron no 1977. Rememoramos aqueles tempos, mitificados por algúns e desprezados por outros, entre análises de todo aquilo que se fixo ou se deixou de facer, do que se quixo e non se puido ou do que se puido e non se quixo, cadaquén coa súa memoria máis ou menos axustada aos seus principios ou aos seus intereses de entón ou de agora. En torno ás eleccións do 15 de xuño, pero tamén sobre o que pasou antes (desde os anos finais do franquismo e tras a morte de Franco) e o que sobreveu despois (desde a elaboración da Constitución ate os nosos días, nos que o desafío independentista de Cataluña parece pór en cuestión o desenvolvemento constitucional, concretamente no formato de organización territorial). 

Rememoro, por exemplo, aquel 25 de xullo, que non puido considerarse o primeiro Día da Patria Galega en liberdade, porque unha das mobilizacións convocadas –a do Bloque Nacional-Popular Galego, como se chamaba entón– fora prohibida, aínda que se tolerou que percorrese unha parte do itinerario que tiña previsto. Pero, por moito entusiasmo que se puxera naquelas mobilizacións (a prohibida do BN-PG e unha autorizada concentración unitaria na que tiven a honra de participar como orador), mobilizacións que concentraron en Compostela a milleiros de cidadáns dispostos a colocar a Galicia no novo mapa político da democracia que se empezaba a debuxar en España, a verdade era que ningunha das forzas nacionalistas e de esquerdas que participaron nesas demostracións conseguira representación parlamentaria nas eleccións do mes anterior.

Esa debilidade do nacionalismo e da esquerda (tres deputados do PSOE en Galicia no 1977, fronte aos vinte de UCD e os catro de AP) marcou o rumbo do proceso autonómico galego. De nada serviría que, nas eleccións xerais do 79 (seis deputados do PSOE, 17 de UCD, 4 de CD), as forzas políticas hexemónicas de centro-dereita prometesen autonomía plena para Galicia. O Estatuto galego quixo ser aproveitado para marcar a fronteira entre os dous “grandes” (Euskadi e Cataluña) e os demais. Presións cidadáns desde os concellos progresistas e o efecto indirecto das mobilizacións en Andalucía pola súa propia autonomía obrigaron a retocar os aspectos máis visíbeis da aldraxe, pero Galicia quedou tocada.

Pasados os tempos do PP “galego coma ti” e do fulgor fraguista entre dous séculos (coas parénteses do tripartito nos 80 e do bipartito neste século), o PP bloqueou, primeiro desde a oposición e despois desde o goberno, a posibilidade de mellorar o Estatuto galego, aproveitando a onda mimética de reformas estatutarias que abriu Cataluña, reformas que, curiosamente, se mantiveron en todas as comunidades reformadas, menos na catalá, grazas ás reticencias do PP, co Tribunal Constitucional da súa parte (contribuíndo ao crecemento independentista?). O caso é que Galicia mantén o seu estatuto remendado do 81, cun goberno con aspecto de xestor provisional, presidido por un aspirante que espera a vez para ocupar La Moncloa.

Mentres, corenta anos despois, as forzas nacionalistas de esquerda –que pasaron por diversas fases de divisións e de reagrupamentos, entre a revolución e o posibilismo– volven estar divididas como aquel 25 de xullo do 1977. Quizais porque non é fácil harmonizar conceptos de nacionalismo e de esquerdas –mesmo aplicando as análises do colonialismo interior– ou porque faltan habilidades políticas para unir vontades en torno a ofertas de amplo espectro progresista que lle gañen a partida á inercia caciquil.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS