Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 13:06
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

DENDE VERIA

"Corrupción sistémica"

ELÍAS PÉREZ SÁNCHEZ  | 27.10.2018 
A- A+

Pódese definir un acto de corrupción como aquel que constitúe unha violación activa ou pasiva dun deber posicional ou do incumprimento dunha función de carácter político ou público co obxecto de obter un beneficio extraposicional, calquera que sexa a súa natureza. Isto implica a transgresión das regras que rexen o cargo que ostenta un político ou un cargo público, ou calquera individuo que exerza os seus dereitos como cidadán co fin de recibir a cambio unha compensación, habitualmente económica. 

Pero a corrupción non sempre implica un acto antixurídico reprochable penalmente. Ao estar vinculada a beneficios extraposicionales, algunhas condutas poden non ser xuridicamente ilegais pero si incorrectas desde o punto de vista moral. Exemplos deste último tipo pode ser a obtención e aceptación de agasallos de baixa contía económica realizados co fin de captar ou presionar ao servidor público para influír nas súas decisións futuras e que poidan beneficiar ao corruptor (mesmo baixo un beneficio “legal”). Isto último implica que a corrupción e a legalidade son, nun contexto de comprensión ampla da corrupción, termos non conectados necesariamente.

Esta maneira de entender a corrupción, deféndena os filósofos Ernesto Garzón Valdés, Victoria Camps ou Rodolfo Vázquez, por exemplo. O que pretenden soster é que a corrupción, en tanto que violación de códigos normativos ou regras vixentes que regulan unha práctica social, non é un fenómeno exclusivamente político, ao contrario, aparece tamén en calquera ámbito da vida social. Por tanto é importante diferenciar a violación dun sistema normativo xurídico e a violación dunhas regras morais con pretensión de universalidade como, por exemplo, a honestidade no traballo, o respecto público, o valor da amizade, etc. E é importante comprender esta diferenza xa que prevén do perigo de solapar ambos os niveis normativos. Non facelo, pode “naturalizar” á corrupción, ao corrupto, ao corruptor e pode, sobre todo, facer ver que o contido da corrupción alcanza exclusivamente ao político ou ao empresario.

Nada máis lonxe da realidade. Unha interpretación ampla da corrupción, como aquí se defende, alcanza tamén ao cidadán común, ao cidadán profesional, ao cidadán que moitas veces viola o principio de que é a cidadanía a que debese determinar a vida dun país. Unha interpretación ampla da corrupción comporta que o desinterese do cidadán común polo cumprimento das regras profesionais, e universalmente morais debilita a estrutura social, as bases e a calidade dunha democracia. Unha lectura ampla da corrupción transmite, tamén, certo pesimismo antropolóxico xa que parece confirmar que a corrupción é inherente ao ser humano, en toda época e lugar. Neste sentido Platón tíñao claro no seu libro República: era imprescindible que na polis os gobernantes e os gardiáns (dous das clases sociais con máis responsabilidade social) fosen afastados de calquera presión pasional que puxese en perigo a súa honestidade. Non aprendemos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS