Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 17.04.2019 Actualizado 13:30
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

A crispación vence ao diálogo

XOSÉ A. GACIÑO  | 11.02.2019 
A- A+

Cinco anos temendo que a esquerda radical de Podemos importase a España o modelo venezolano e agora son precisamente quen máis temían esa importación, as dereitas (cos seus supostos matices de radical, extrema, até centrista), os que parecen aplicar o formato venezolano de oposición ao goberno, como anticipándose á chegada dun posíbel Nicolás Maduro (ou é que consideran a Sánchez o Maduro español?). Pero o que en Venezuela ten explicacións, no medio da situación social dramática que se vive naquel país, en España ten máis ben tinturas esperpénticas, como se realmente esas dereitas presuntamente defensoras da unidade de España tivesen asumido o discurso dos independentistas cataláns sobre os déficits democráticos no estado de dereito español.

A marxe de posibilidades de diálogo do goberno español cos dirixentes independentistas cataláns sempre foi escasa, sobre todo despois da frustrada declaración unilateral de independencia e as conseguintes accións xudiciais contra quen traspasaran os límites da lei (presuntamente, por suposto: o xuízo está a punto de comezar). Pero a presión dunha oposición implacábel (uns doídos pola súa expulsión inesperada do goberno tras unha moción de censura, outros collidos co pé cambiado cando esperaban pacientes a caída natural dun goberno progresivamente desgastado polos casos de corrupción que ían saíndo á luz) foi reducindo esa marxe até suprimila.

Os independentistas tampouco colaboran moito. Fronte aos anos que mantiveron o pulso co imperturbábel Rajoy (máis de dous até o primeiro intento de referendo no 2014 e outros tres até o segundo intento no 2017), a Sánchez parece que o queren queimar en apenas oito meses. Non tiveron ningún xesto de distensión cun presidente de goberno aberto ao diálogo, certo que dentro dos límites da Constitución, pero menos lles daba Rajoy, que ademais tiña a vantaxe de que a oposición socialista non lle acusaba de romper España e ser cómplice de golpistas, aínda que Ciudadanos xa empezaba a acusarlle de debilidade. Baixo o principio de canto peor mellor, imos camiño de sete anos de polarización e crispación mutua en torno á cuestión catalana, coa actividade política e institucional case bloqueada tanto en Cataluña como en España no seu conxunto.

O problema é que, instalado xa o clima de confrontación, cada vez é máis difícil abrir portas ao diálogo. Choven acusacións de alta traizón ante o menor signo de debilidade, tanto nun campo como noutro. En diferentes circunstancias, tanto Puigdemont (cando estivo a punto de convocar novas eleccións en vez de proclamar unilateral e inutilmente a independencia de Cataluña) como Pedro Sánchez (coa tímida proposta dun relator para moderar as posíbeis negociacións) foron sinalados como traidores á causa. Puigdemont cedeu a presión e finalmente tomou unhas vacacións que el chama exilio. Non sei se Pedro Sánchez tomará vacacións -previa disolución das Cortes-, pero de momento parece que recoñeceu a súa incapacidade para superar o clima de crispación.

Hai uns días que os taxistas de Madrid, despois de 16 días de folga, decidiron volver ao traballo sen ter conseguido o seu obxectivo de que se regule a competencia dos VTC (vehículos de transporte con condutor). Foi o recoñecemento do seu fracaso, unha retirada á espera de mellor ocasión. Quizais sería conveniente que, entre os diversos protagonistas desa confrontación estéril de independencias e patriotismos electoralistas, alguén empezase a recoñecer a súa cota de fracaso e pensase en retirarse á política rutineira e pragmática á espera de mellores ocasións para xestas heroicas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS