Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Venres 21.11.2014  | Actualizado 02.02

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS
  • Imprimir
  • Enviar por correo

ECOS DA BERENGUELA

Críticas a un suposto dilema intelectual* (II)

XOSÉ LOIS GARCÍA  | 20.02.2012 
A- A+

Se reconstruímos certas claves que Max Weber soubo distinguir na súa teorización entre o clásico sabio (prototipo dos pensadores gregos) e o chamado intelectual contemporáneo, podemos observar unha grande distinción entre un e outro. As grandes masas asalariadas que agardan, talvez, unha luz provisora ou alimentan algunha certeza no porvir, metidas nesa cova escura onde agardan que o intelectual as ilumine, certamente non terán ningunha garantía de que isto suceda e, posiblemente, acrediten mais no cambio do seu sentido óptico, na súa adaptabilidade, provisto dun tal desenvolvemento que lle permita ver na escuridade novas formas de visión para distinguir as particularidades que ten esa cova. Pero hai que dicir que o chamado intelectual tamén está dentro desa cova, aínda que a súa mobilidade permítalle saír dela con facilidade e ver un mundo diferente e feito á súa medida. A longo prazo isto pódelle servir de consolo mais non de redención. A cova como metáfora, pode ilustrarnos do contraste deses dous universos e mobilidades entre uns e outros.


Na actualidade, resulta cada vez mais perceptíbel que o historiador, o pintor, o poeta, o compositor, o sociólogo, o economista, etc., potencialmente intelectuais e por ser creadores de algo que ten valor, por mais que digan que se absteñen da vida política partidista e que son creadores de mudanzas sociais, non deixan de falar en nome da poesía, da historia, da economía e da pintura como axentes totalizadores da política mais sinistra e mais confusa que nos asiste. Porque a música, a poesía, a pintura e a socioloxía, por pór un exemplo, responden a unha opción intelectual, obxectivamente, que interesa aos poderes políticos dominantes. E desde xa, ese suposto intelectual, en súas predisposicións, é un seguro axente e servidor domesticado que é admitido nos círculos defensivos dese poder, como simple creador ou teorizador de certas disciplinas das artes, das letras e das ciencias, en súa versión burguesa e capitalista, como garantes do sistema imperialista.


Moitas das veces que o intelectual invoca a súa neutralidade entre política dominante e acción creadora, non está facendo mais que aumentar a súa belixerancia eficaz en favor do sistema dominante e pasando por alto a creación intelectual, en calquera dos espazos en que se atope, negándose a colaborar cos axentes que defenden intereses xerais en favor dos mais desfavorecidos. Neste sentido, posicionándose con agresiva hostilidade contra o ben común e servindo ao elitismo da clase dominante.


Parece que as grandes vicisitudes polas que pasaron certos pensadores do século XVIII, os comprometidos co chamado Enciclopedismo, da etapa pre industrial, que abriu a chamada Idade Contemporánea, coa Revolución burguesa en Francia, servíndolle como expresión de liberdade en favor dunha clase social que determinou combater e rematar co poder despótico do antigo réxime, co fin de conquistar o poder en nome da liberdade, da igualdade e da fraternidade. Nestes tres lemas burgueses, non tiñan espazo os sans-culottes, aquela masa de pobres e desatendidos sociais, que eran tratados despectivamente con ese nome, porque levaban as calzas rotas e se lles vía as súas intimidades. Estas masas de desprezados sociais foron os que derrubaron a Bastilla e as Tullerías. Os sans-culottes foron a forza de choque popular e os verdadeiros revolucionarios en promover que Luís XVI rematase na guillotina. A burguesía en alza e seus lacaios intelectuais, por medio do engano, remataron coa verdadeira base mobilizadora da Revolución Francesa. Todos sabemos como remataron os sans-culottes.


Mais destas frustracións e miserias humanas, froito da alienación e explotación social, saíron as grandes contradicións que foron aproveitadas como análise dunha mudanza social que favorecese á clase traballadora, como a si se define o pensamento marxista en seu desenvolvemento materialista.


En Marx e noutros revolucionarios da etapa post-utópica, comprobamos como as súas críticas suscitaron unha decencia intelectual en favor dunha causa xusta e creando un novo contexto, onde un certo número de intelectuais catapultaron novas accións dirixidas cara unha dialéctica de cambios sociais que se produciron no século XIX, e que foron a expresión dunha vangarda revolucionaria da clase traballadora. Aquí si que compre afondar na acción e no compromiso dos intelectuais en favor dunha mudanza que produciron cambios cuantitativos.


*Ponencia de Xosé Lois García, pronunciada o 22 de marzo de 1996, na Assembleia Nacional Popular de Cabo Verde, no Colóquio Internacional: “Que Estados, que Nações em Construção nos Cinco”.




Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS