Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 14:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

documento político

Os críticos de Anova constitúense nun grupo chamado 'Cerna' e piden "un cambio radical"

Sinalan que Anova-Irmandade Nacionalista "se converteu nunha organización na que se practica o contrario do que se predica"

SANTIAGO. EP  | 29.06.2014 
A- A+

Os críticos de Anova aprobaron nunha reunión mantida na tarde deste sábado constituirse nun grupo chamado 'Cerna', nome en galego que se refire á parte interior e máis dura do madeiro dunha árbore, que considera que a formación "necesitaría un cambio radical".

Así o explicaron, en declaracións a Europa Press fontes do grupo crítico coa dirección da formación, que precisaron que a constitución e nome de 'Cerna' foi aprobado por un 95 por cento de militantes.

Segundo o documento político acordado, recollido por Europa Press, os obxectivos de 'Cerna' son o que pretendían "inicialmente" nas asembleas polo Novo Proxecto Común (NPC) "que deu lugar ao nacemento de Anova", que baséase na soberanía nacional de Galicia, democracia directa e contribuír á democracia participativa nas organizacións e plataformas ou movementos cívico-políticos, entre outros.

No documento, reafirman o seu compromiso cos acordos asumidos pola maioría de militancia de Anova na primeira asemblea e o obxectivo "orixinario" de contribuír á construción "dunha nova expresión política do nacionalismo para o século XXI".

Ao respecto, 'Cerna' considera que "Anova-Irmandade Nacionalista resultou ser incapaz de ser ponte entre a cidadanía e a instancia política e, no plano interno, converteuse nunha organización na que se practica (a estrutura vertical) o contrario do que se predica (a democracia horizontal e participativa)".

Por iso, sosteñen os críticos coa dirección que "Anova a día de hoxe necesitaría un cambio radical" para conseguir os obxectivos -políticos e organizativos- definidos nos seus acordos constitutivos e asamblearios".
EXEMPLO DOS VALORES

Deste modo, indican que 'Cerna', "como organización nacionalista", deberá "ser un exemplo dos valores de esquerda, cidadáns, democráticos e republicanos, de participación, horizontalidad e democracia participativa" que queren "para a organización da sociedade".

Así, para 'Cerna' é "prioritaria a sintonía coa sociedade para ser quen de facer fronte á ditadura do capital financeiro", esgrime no seu documento político.

Entre as súas liñas de acción política destaca, "fronte ao enfeudamiento de Anova con IU -vía AGE-, na que persiste a actual Permanente en contradición cos acordos asamblearios, da Conferencia e do Referendo, cumpre asumir e practicar" os seus "obxectivos estratéxicos".

Nesta liña, indica 'Cerna' que a súa "tarefa inmediata" debe ser "o apoio e/ou promoción da unidade cidadá por abaixo" porque "a soberanía solo se exerce dende a autoorganización nacional". Por iso aposta por "elaborar, en debate aberto coa cidadanía, as liñas esenciais do marco xurídico-político galego que garanta o dereito a decidir sobre os problemas; así como "alentar o nacemento de alternativas para as eleccións municipais que sexan verdadeira unidade de acción cidadá, co obxectivo inmediato de desaloxar a corrupción e os partidos do réxime dos gobernos municipais".

Con todo, 'Cerna' insiste no documento político acordado este sábado que se organiza "para recuperar o proxecto orixinario das asembleas do novo proxecto común".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS