Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.06.2018 Actualizado 21:11
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Curso intensivo de Constitución

XOSÉ A. GACIÑO  | 11.06.2018 
A- A+

Despois de culminada con éxito a audaz manobra política do secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, a moción de censura, e á vista de determinadas reaccións políticas e mediáticas, quizais conviña facer algunha sorte de curso intensivo de constitucionalismo, mesmo ou precisamente para os que presumen de constitucionalistas en réxime de exclusividade e adxudican carnés de constitucionalistas con criterios restritivos. Cousas elementais, como que a Constitución ten 169 artigos, entre os que figuran, con igual lexitimidade, tanto o artigo 155, para meter en cintura a comunidades autónomas que se desmanden, como o artigo 113, para tombar a un goberno mediante unha moción de censura que consiga a maioría absoluta da cámara.

Os constituíntes poderían ter deseñado unha moción de censura sen máis, é dicir, que expresase un rexeitamento maioritario que obrigase ao goberno a dimitir e que desembocase nunha nova investidura ou nunhas novas eleccións. Pero a Constitución española do 1978 recolle o modelo chamado de moción de censura construtiva, é dicir, con candidato alternativo, de maneira que non só se vote contra o goberno censurado senón tamén a favor do candidato que censura. Unha medida a favor da estabilidade: a proba é que esta é a primeira moción que triunfa, das catro presentadas desde 1980 até agora.

O Partido Popular, perdedor nesta ocasión, máis que poñer en dúbida a lexitimidade do mecanismo constitucional utilizado e insinuar pactos secretos inconfesábeis, debería reflexionar sobre o feito de ser o único goberno desaloxado por unha moción de censura en case corenta anos, a pesar das cautelas que a Constitución establece para que poida triunfar. Poderían recordar, por exemplo, que conseguiron o goberno en outubro do 2016 grazas á abstención dos socialistas, e tras un longo período de interinidade desde as eleccións de decembro do 2015, interinidade que hai que dar por prolongada na práctica até agora, porque o PP apenas poido desenvolver actividade lexislativa: dedicouse máis ben a bloquear as iniciativas parlamentarias dos demais, por suposto de xeito tan constitucional como o que lle serviu aos socialistas para chegar a La Moncloa.

Conviña incluír no curso intensivo (que tal se alguén recupera a Educación para a Cidadanía para non estar con estas aclaracións elementais?) unha referencia especial ao sistema de elección do presidente do goberno, detallado no artigo 99 (cunha lagoa que os constituíntes non previron: como corren os prazos se ninguén acepta o encargo do Rei para someterse á investidura, como fixo Rajoy tras as eleccións de decembro do 2015). Os que presumen de constitucionalistas non deberían confundir aos cidadáns coa esixencia de que goberne o partido máis votado (como ven esixindo o PP desde sempre, en todos os niveis de representación política, conscientes quizais das súas dificultades para acadar acordos con outras forzas políticas). A Constitución española establece que o presidente do goberno, como os presidentes dos gobernos autonómicos ou os alcaldes, non son elixidos directamente polos votantes, senón polos representantes dos votantes (deputados ou concelleiros, segundo os casos).

Certo que, até agora, na configuración do goberno central, predominou o candidato da lista máis votada, pero non hai ningún fraude nin moito menos un golpe de estado se chega ao goberno o candidato da segunda lista (ou da lista que sexa) polo mecanismo constitucional da moción de censura, que implica maioría absoluta dos deputados. Nas comunidades autónomas e nos concellos xa están moi afeitos a esas situacións.

Hai quen se opón a calquera modificación da Constitución, por non entrar a debater temas que considera intocábeis (configuración territorial ou monarquía, por exemplo), pero parece que non lles importa o resto e non vacilan en descualificar aspectos do texto constitucional que non lles gusta sen molestarse en presentar alternativas de reforma.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS