Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 22.07.2019 Actualizado 23:12
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O custo laboral subiu no primeiro trimestre un 3,2% en Galicia

Os salarios subiron un 2%, até unha media de 1.663,01 euros, e rexistráronse máis de 4.400 postos de traballo vacantes

MADRID/SANTIAGO. EP  | 18.06.2019 
A- A+

O custo laboral medio por traballador e mes (que inclúe as remuneracións e as cotizacións sociais) ascendeu a 2.317,95 euros no primeiro trimestre en Galicia, o que supón un repunte do 3,2% respecto ao mesmo período de 2018 e a segunda comunidade española onde máis se incrementou, só por detrás de Estremadura e igualada coa Rioxa, segundo informou este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Aínda así, o custo laboral en Galicia continúa sendo inferior á media española, que se situou nos tres primeiros meses de 2019 en 2.550,27 euros, grazas a un repunte do 2,1%.

O custo laboral componse do custo salarial e doutros custos. Entre xaneiro e marzo, o custo salarial (que comprende todas as remuneracións, tanto en metálico como en especie) subiu un 2% respecto ao primeiro trimestre de 2018 en Galicia, situándose en 1.663,01 euros por traballador e mes.

Os outros custos (custos non salariais) alcanzaron até marzo os 654,94 euros, cunha alza interanual do 6,5%. O compoñente máis importante dos outros custos son as cotizacións obrigatorias á Seguridade Social.

O INE informou ademais de que no primeiro trimestre rexistráronse 4.414 vacantes de emprego, entendidas estas como un posto de traballo creado recentemente ou que non está ocupado ou que está a piques de quedar libre e para o que o empresario está a tomar medidas activas para atopar un candidato alleo á empresa.

NACIONAL
A nivel nacional, o custo laboral medio por traballador e mes subiu un 2,1%, até 2.550,27 euros no primeiro trimestre, o seu maior alza en cinco anos, segundo os mesmos datos do INE. Con este aumento interanual, o custo laboral encadea sete trimestres consecutivos en positivo. A do primeiro trimestre de 2019 foi a maior subida interanual desde o cuarto trimestre de 2013, cando o custo laboral tamén avanzou un 2,1%.

Así, entre xaneiro e marzo, o custo salarial subiu un 1,7% respecto ao primeiro trimestre de 2018, situándose en 1.876,19 euros por traballador e mes. Con este incremento interanual, os salarios tamén encadean sete trimestres consecutivos de alzas interanuais. Excluíndo o factor variable dos salarios (pagos extraordinarios e atrasados) obtense o custo salarial ordinario, que no primeiro trimestre avanzou un 2%, até os 1.679,81 euros mensuais.

Os outros custos alcanzaron até marzo os 674,08 euros, cunha alza interanual do 3,1%. Deles, as cotizacións obrigatorias á Seguridade Social totalizaron 615,64 euros, un 3,6% máis que no primeiro trimestre de 2018.

O segundo elemento importante dos outros custos son as percepcións non salariais, que diminuíron un 0,7% en taxa interanual, debido fundamentalmente ao descenso das prestacións sociais directas e das indemnizacións por despedimento. Pola súa banda, as subvencións e bonificacións, tamén incluídas nos outros custos, incrementáronse un 6,1% interanual.

O INE tamén proporciona datos corrixidos de calendario e desestacionalizados desta estatística. De acordo con esta serie, o custo laboral por traballador subiu no primeiro trimestre de 2019 un 1,9% en taxa interanual.

En taxa trimestral (primeiro trimestre de 2019 sobre cuarto trimestre de 2008), e eliminando tanto o efecto de calendario como a estacionalidade, o custo laboral total por traballador subiu un 0,7%, fronte ao avance trimestral do 0,1% experimentado no trimestre precedente.

SERVIZOS REXISTRA A MAIOR SUBIDA
Segundo o INE, o sector servizos protagonizou a maior subida do custo laboral total no primeiro trimestre, un 2,3% interanual, até 2.466 euros por traballador e mes. Séguelle a industria, cun repunte do 1,8%, até os 3.030 euros, e a construción, cun incremento do 1%, até os 2.514 euros.

No caso dos salarios, o maior aumento interanual tamén llo anotaron os servizos (+1,9%), seguido da industria, cun repunte do 1,4%, e da construción, que rexistrou un avance do 1,2%.

No primeiro trimestre, o salario ordinario máis elevado correspondeu á industria (1.942,7 euros por traballador e mes), un 1,4% máis que no mesmo período de 2018, seguido dos servizos, con 1.635,96 euros (+2,2%), e da construción, con 1.630,07 euros, un 1,2% máis que no mesmo período de 2018.

A HOSTALARÍA, ONDE MENOS SE COBRA
Por actividades económicas, a subministración de enerxía, as actividades financeiras e industrias extractivas son as que presentan os custos laborais máis elevados, con 6.637,6 euros, 5.623,8 euros e 4.512,9 euros por traballador e mes, respectivamente, mentres que os menores corresponden á hostalaría (1.511,3 euros), outros servizos (1.730 euros) e actividades artísticas (1.760 euros).

Os crecementos interanuais máis significativos dos custos laborais no primeiro trimestre anotáronllos a subministración de enerxía (+14,6%), actividades inmobiliarias (+9,5%), as actividades artísticas (+7,3%) e a educación (+5,6%). Por contra, a única caída rexistrouse nas actividades financeiras, onde o custo laboral retrocedeu un 3,2% interanual.

MADRID E PAÍS VASCO TEÑEN Os SOLDOS MÁIS ELEVADOS

Por comunidades autónomas, os custos laborais máis altos rexistráronos Madrid (3.055,1 euros por traballador e mes), País Vasco (2.955,7 euros), Cataluña (2.745,3 euros) e Navarra (2.699,6 euros), mentres que os máis baixos déronse en Estremadura (2.026,4 euros) e Canarias (2.186,1 euros).

As dúas comunidades de cabeza, Madrid e País Vasco, superan en máis de 400 euros a media nacional (2.550,2 euros), mentres que as dúas últimas, Estremadura e Canarias, atópanse máis de 350 euros por baixo.

XORNADA SEMANAL DE 34,2 HORAS
A xornada media pactada no primeiro trimestre foi de 34,2 horas á semana, aínda que a xornada efectivamente traballada foi de 30,8 horas após descontar as horas perdidas de media á semana (3,5 horas, a metade por vacacións e días festivos) e sumar as horas extraordinarias.

O custo laboral por hora efectiva mantívose en 19,01 euros como consecuencia do maior número de horas traballadas, xa que a Semana Santa celebrouse este ano no segundo trimestre, mentres que en 2018 tivo lugar no primeiro. Se se elimina este efecto e o de calendario, o repunte do custo por hora estímase nun 2,4%.

Segundo o tipo de xornada, a diferenza salarial entre os traballadores a tempo completo e parcial é de 4,46 euros por hora, con 14,62 euros por hora para os primeiros (-0,4%), e 10,16 euros para os segundos (+0,3%).

Os traballadores a tempo completo realizan 34,9 horas de traballo efectivo á semana, fronte ás 18,1 horas dos traballadores a tempo parcial, cunha diferenza, por tanto, superior a 16 horas.

MÁIS DE 98.000 VACANTES NO PRIMEIRO TRIMESTRE
O INE informou ademais de que no primeiro trimestre rexistráronse 98.745 vacantes de emprego. Delas, o 88,1% pertencían ao sector servizos (86.941 vacantes), o 7,6% á industria (7.462) e o 4,4% á construción (4.341).

Cataluña e Madrid concentran o maior número de vacantes (22.617 e 22.444, respectivamente) e A Rioxa e Cantabria, as menores cifras, con 379 e 961 vacantes, respectivamente.

O INE precisa que a maioría das empresas preguntadas afirmaron que non había vacantes por cubrir porque non necesitaban traballadores adicionais para o período xaneiro-marzo de 2019.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS