Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 19.02.2018 Actualizado 18:06
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CUT convoca folga feminista de 24 horas para o 8 de marzo, mentres UXT, CC.OO. e CIG chaman a paros parciais

Denunciarán a discriminación salarial, o acoso sexual e que os empregos "máis feminizados son os máis precarizados"

SANTIAGO. EP  | 06.02.2018 
A- A+

A CUT, Sindicato Labrego, Sindicato Ferrovial Intersindical e o Sindicato de Elevación de Galicia convocan folga laboral feminista de 24 horas de duración para o próximo 8 de marzo, nunha xornada na que os sindicatos maioritarios de UXT, CC.OO. e CIG chaman a paros parciais.

En declaracións a Europa Press este martes, a responsable da Secretaría das Mulleres da CUT, Ana Viqueira, explicou que "os motivos son amplos" para convocar esta folga, aínda que cre que debería ir máis aló até unha "revolución feminista".

Deste xeito, refírese a razóns de discriminación salarial, trabas no acceso a postos de maior rango e o acoso laboral ou sexual, entre outras cuestións. A isto únense problemáticas como que os postos de traballo "máis feminizados son os máis precarizados", climas laborais "de agresións impunes" e traballadoras do fogar sen prestación de desemprego, pois mesmo "segue existindo o réxime de internas" en condicións "de escravitude".

Viqueira indica que, aínda que todo o mundo está chamado a facer folga de 24 horas nos seus postos, apélase ao respaldo das mulleres mentres os homes "van traballar" para que "brille o valor" delas e "visibilizar" a súa importancia. De feito, propón que os homes se presten a cubrir os servizos mínimos, e no caso de que secunden a folga que a faciliten a través do coidado das crianzas ou realización de tarefas como comidas.

A convocatoria de folga --cuxo rexistro se realiza esta tarde na Consellería de Traballo e a Confederación de Empresarios de Galicia-- por parte da CUT e outros tres sindicatos canaliza as demandas do movemento faminista, que apunta como o protagonista e responsable destas reivindicacións, á vez que defende o "traballo horizontal" entre diferentes entidades.

Todo iso, mentres patronal e Administración mostran "nula" vontade para eliminar estas problemáticas. Ademais desta convocatoria de folga en todos os postos traballos de traballo galegos, emprázase tamén a realizar outras de coidados, estudantil e de consumo.

PAROS PARCIAIS DE SINDICATOS MAIORITARIOS
Pola súa banda, UXT, CC.OO. e CIG chaman a celebrar paros parciais ao longo desta xornada en consonancia co Día Internacional da Muller, data na que as organizacións de mulleres convocan unha folga feminista que afecte o emprego, o consumo e a educación.

CC.OO. e UXT celebrarán paros laborais de dúas horas nas horas centrais da mañá e a tarde, aínda que se dá liberdade en función de cada empresa, xa que "en determinadas horas de subministración de medicación ou comidas en hospitais ou residencias de anciáns non procede parar", resalta o secretario de Emprego de UXT en Galicia, Luís Baneira.

En declaracións a Europa Press, Baneira sostén que "cantos máis homes se sumen mellor" a estes paros, mentres se realizarán convocatorias co afán de buscar a unidade sindical.

Pola súa banda, a responsable da Secretaría de Muller en CC.OO. en Galicia, Mamen Sabio, lembra que é unha convocatoria dirixida a mulleres e homes, co fin de denunciar a discriminación laboral cara elas, que padecen unha maior "precariedade" e "posición de subordinación". Ademais, subliña que a convocatoria contará con todas as garantías dunha folga, con servizos mínimos, amparo legal e apoio de sindicatos.

A CIG chama a paradas en tres quendas: a primeira entre as 00,00 e as 02,00 horas da madrugada do 8 de marzo; a segunda entre as 12,00 e as 14,00 horas; e unha derradeira entre as 19,30 e as 21,30 horas.

A secretaria confederal das Mulleres da CIG, Margarida Corral, afirma que o obxectivo é que as mulleres abandonen os seus postos de traballo en paros laborais de dúas horas como "sinal de protesta contra a discriminación". Isto prodúcese no marco dunha folga internacional nun total de 57 países.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS