Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 19.06.2018 Actualizado 20:48
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Da unidade das loitas tamén depende o cambio

MANUEL MERA  | 21.02.2018 
A- A+

Nesta altura resulta evidente que os avances sociais e democráticos, conseguidos durante as décadas posteriores á Segunda Guerra Mundial eran, no esencial, produto dunha correlación de forzas favorábel ás clases populares (derrota do fascismo, avance do bloque socialista, liberación das colonias, fortaleza do movemento obreiro). Todas aquelas conquistas non foron consecuencia dun avance predestinado da humanidade, nen da boa vontade das clases dominantes. Estas últimas estaban máis preocupadas por acumular riqueza, por controlar a sociedade.

Que a explotación e a opresión son consubstanciais co capitalismo reflíctese con toda claridade neste intre, en que malia se teren acadados niveis de PIB superiores aos do inicio da crise e malia o avance da tecnoloxía, mantense firme a tendencia de regresión nos salarios, medre da precariedade laboral, e recortes nos servizos e prestacións públicas. Ademais, a taxa de desemprego é superior á existente no inicio da crise, malia a emigración e a caída da natalidade, reflectindo non só un medre da produtividade senón tamén un aumento dos ritmos de traballo e da xornada laboral.

Polo tanto, todo indica que esta evolución diverxente entre o crecemento do PIB e unha distribución cada vez máis inxusta da renda e do traballo, non é conxuntural, e que crecerá no futuro. Sen máis posibilidade de que poida reverter a tendencia, que unha resposta máis contundente do sindicalismo e dos partidos antisistémicos. Resulta lóxico, que non xusto, que con esta correlación de forzas se chegase a uns niveis de centralización e concentración do poder e da riqueza históricos. Todo isto a costa do alargamento da pobreza e da ,marxinación, de xeito tal que se fala de ser pobres traballando.

Podemos afirmar que o aumento da estratificación social, da desigualdade, a restrición de dereitos democráticos individuais e colectivos, o crecemento da economía especulativa, delituosa e depredadora dos ecosistemas, así como das intervencións exteriores e das sancións imperialistas, son a tendencia dominante. E como consecuencia, temos tanto as inmigracións masivas nuns países (forzadas), como os atrancos que existen noutros para se reproducir. Mesmo nalgunhas nacións, como Galiza, dánse ambos os fenómenos a un tempo. Todos estes aspectos son parte consubstancial da globalización neoliberal, do capitalismo na súa etapa senil.

Non hai saídas pra clase traballadora e outras camadas populares, sobre todo nos países periféricos e dependentes (como o noso), dentro deste modelo socio-económico. Un sistema que reproduce a lei da selva. Daquela, a transcendencia que ten todo avance dentro deste contexto desfavorábel. Trátase de conquistas laborais, sociais, democráticas, de soberanía nacional. E para iso, é fundamental socializar a caracterización da sociedade, obxectivos a medio e longo prazo, unha folla de ruta e métodos de traballo acaidos. Daquela a importancia da mobilización e organización, da loita das ideas, do debate, da autocrítica, da conversión da acción reivindicativa e política nunha escola aberta ao pobo, que socialice unha praxe transformadora. Estes son aspectos tan importantes como os avances económicos, democráticos e políticos que se poidan conseguir dentro do sistema. Xa que estes sempre serán limitados e conxunturais, e polo tanto expostos a retrocesos, como se reflicte con toda crueza na actualidade. Será así mentres non se produza un cambio na correlación de forzas, que garanta a soberanía nacional e popular mediante un cambio radical do sistema.

Neste intre, estanse a dar mobilizacións por reivindicacións laborais, pola igualdade ou contra a violencia de xénero, a prol das pensións, para garantir prestacións sanitarias dignas, para impedir a minería depredadora ou para evitar converter os nosos bosques nun perigo con especiais foráneas, etc. Son todas elas esixencias xustas, polo que o seu éxito é beneficioso nos só para os colectivos directamente afectados senón para toda a sociedade. Agora ben, sen restarlles protagonismo, sería esencial que estas loitas confluísen en campañas e mobilizacións conxuntas, unitarias, que se mantivesen no tempo, de xeito tal que servisen para gañar a complicidade e o apoio activo de sectores moi amplos da sociedade galega. E isto, repito, non implica que cada colectivo non manteña as súas accións reivindicativas específicas. Do que se trata, e isto non é secundario, é de demostrar, tanto diante do poder como das clases populares, que hai alternativa, e que contan con base social activa e suficiente. Trátase de superar na práctica a fragmentación, real e inventada, que tanto favorece ás clases dominantes.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS