Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 21.20
Non pense o lector que os que fan un uso tan pouco ético e responsábel deste mecanismo son aqueles que teñen unha menor formación académica. Trátase en moitos casos ¡moitísimos! de persoas cunha preparación superior e non poucas veces con responsabilidade universitaria. Malia que non sexa unha novidade na actividade política, especialmente noutros marcos xeográficos, este xeito de axer non deixa de ser preocupante como moda no noso país nas forzas que teñen un proxecto liberador, e sen dúbida condicionará o modelo organizativo e as relacións internas no futuro. Os debates na rede son a demostración destes excesos, xa que desde o covarde anonimato se descualifica, insulta e acusa de supostos delitos, como algo normal, primando o circo e e ser o centro de atención sobre a argumentación e a necesidade de convencer. Os que admiten que así sexa teñen unha grande responsabilidade. Porén, o que realmente abraia, porque amosa a febleza analítica da esquerda, é que esta non vexa como lle resulta totalmente funcional ás clases dominantes (que pechan os ollos e mesmo alentan estas prácticas).
Fago estas reflexións porque a demonización da UPG, utilizando os medios de comunicación, por parte doutras tendencias do BNG consagra métodos de debate destrutivos, que a fronte terá que desterrar no futuro con medidas estritas que clarifiquen as regras a respecto de como se deben tratar as “contradicións no seo do pobo” (como diría Mao). A UPG ten as súas eivas e cometeu erros (como outras organizacións), porén non se pode esquecer que foi a forza que dirixiu con claridade, honestidade e firmeza, a reconstrución do tecido nacionalista a todos os niveis nos difíciles anos da ditadura franquista e na transición. Tamén abriu as portas dun xeito xeneroso a outras organizacións que fracasaron electoralmente, e que foron incapaces de se consolidar no corpo social do país. Todo isto debera ser motivo de reflexión, así como que aínda hoxe segue sendo a forza do nacionalismo con maior presenza (por lonxe) nas organizacións sociais ¿por algo será?. Tampouco se pode ignorar que malia a súa hexemonía sempre garantiu na dirección a presenza doutras tendencias, e mesmo cedeu a portavocía a persoas desas correntes.
Todo indica que esta campaña de descrédito, no que as principais acusacións son a falta de democracia na organización e manter un programa e métodos de traballo que refugan o contacto coa xente, agochan a incapacidade por parte doutras tendencias internas para atraguer con argumentos sólidos á militancia nos procesos electorais internos (así como consecuencia da agudización das contradicións nacionais e sociais nesta etapa). Escenificacións, como a do manifesto da maioría dos alcaldes nacionalistas, pedindo unha mudanza de rumbo, forma parte deste xeito de axer teatral e conspirativo. Lembremos que non representan os concellos con alcaldía nos que a organización obtén maioría de votos. Ademais non é de recibo que se atribúan uns resultados electorais que en todo caso son consecuencia do traballo do conxunto da afiliación (de todas as correntes). Hai nesta proclama non só o intento de por aos militantes diante da disxuntiva dunha hipotética perda das alcaldías por un conflito inevitábel (ao dicir destes alcaldes) senón que ademais se colocan nun nivel distinto, de privilexio diante do resto da afiliación, ao empregar o cargo público como elemento de presión interno. Non parece un alarde de democracia, máxime desde quen quere dar leccións sobre o tema.
Sen dúbida toda organización política pode e debe mellorar sempre a súa relación coa sociedade, tanto mediante a análise da práctica cotiá, en todos os eidos do traballo militante, e corrixir nos Congresos desviacións, adaptar a liña e os métodos de traballo ao momento. Isto foi o que fixo o BNG na súa última asemblea cando a militancia decidiu recuperar a liña histórica da organización virando á esquerda, reforzando a cuestión nacional, e procurando unha maior complicidade coas organizacións sociais, é dicir: coas súas reivindicacións e loitas.
Todo dá a entender que esta rectificación non se fixo por casualidade, nen por unha lectura precipitada ou por ideoloxismo, senón porque ano tras ano durante unha década o nacionalismo foi perdendo peso electoral e activismo militante, porén sobre todo porque as condicións laborais e sociais fóronse deteriorando e o Estado das Autonomía baleirouse de contido e está en vía morta. Agora ben, desde que se fixo esta viraxe unha parte da fronte, especialmente do eido institucional, rexeitou a decisión da Asemblea e puxo todo tipo de atrancos para que se levaran a acabo os cambios alí onde tiña unha incidencia maioritaria. E aínda que para frear o proceso uns empregaban un discurso que acentuaba a moderación diante do sistema e outros daban folgos ao radicalismo verbal, coincidían na práctica na necesidade de mudar de calquera xeito a correlación de forzas internas para dar marcha atrás na rectificación.
O que máis choca é que os que non aceptaron as decisións democráticas son os que acusan á maioría de non respectar o pluralismo, coa pretensión de facer valer o criterio de que as minorías, cando son considerábeis ou de certo status, teñen capacidade de veto e de impoñer a liña á organización. Detrás desta actitude reflíctese unha visión elitista da política, na que habería estamentos máis esclarecidos que a militancia de base e aqueles sectores sociais relacionados coa actividade produtiva. Evidentemente non facían estas valoracións cando as súas teses eran maioritarias na fronte. Neste estado de ánimo, e con estes antecendentes, chega o nacionalismo frontista a esta Asemblea Nacional.
Outro dos temas que máis se usan como arma arroxadiza é o de estar pouco abertos á sociedade. Claro que ninguén dos que utiliza este aspecto do traballo político concreta como hai que facelo mellor. Todo fai pensar que detrás da consigna agochase o vello tópico de rebaixar as reivindicacións programáticas para teoricamente se achegar á maioría social (que está baixo a influencia das clases hexemónicas). Unha deriva política que xa utilizaron desde Tony Blair até Schröder para dar pulo á chamada Terceira Vía, porén na práctica terminaron por fortalecer ás clases dominantes e perder unha gran parte da base militante. En realidade, para procurar un maior achegamento á sociedade, o nacionalismo no eido institucional debería ollar con máis atención a praxe do sindicalismo nacionalista. E, para alén dos atrancos e eivas, ademais de acadar unha afiliación moi importante e gran capacidade mobilizadora, representa ao 29% dos delegados e delegadas sindicais do país. Isto conseguiuno o sindicalismo nacionalista sen facer concesións na liña programática, na práctica e no discurso.
