Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 13:06
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

HOMENAXE

Decisiva achega de Iglesia Alvariño á lingua e a literatura galegas

O conselleiro de Cultura anuncia que o seu departamento publicará a obra completa do poeta lugués

SANTIAGO. EP  | 31.07.2011 
A- A+

ANTONIO HERNÁNDEZ
Políticos e persoeiros da cultura na homenaxe a Iglesia Alvariño
FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ

A conmemoración do 50 aniversario da morte do poeta lugués Aquilino Iglesia Alvariño puxo de acordo a representantes da política e a cultura galega, que o recoñeceron como "un dos autores máis importantes da literatura galega do século XX". Todos os presentes eloxiaron ademais a súa achega á lingua galega, especialmente coa súa obra 'Cómaros verdes', que iniciou a recuperación da literatura en galego nos anos de posguerra. 
No acto que tivo lugar este sábado no cemiterio de Boisaca (Santiago), o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, anunciou ademais que o seu departamento publicará o próximo ano a obra poética completa de Iglesia Alvariño en dous tomos, na Colección Arte de Trobar, a través da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos. 
O acto de homenaxe foi organizado polo Pen Club Galicia, o director, Luís González Tosar, da cal abriu os discursos resaltando a "persoa boa e xenerosa que foi na súa curta vida" o poeta de Lugo.Deseguido, deu paso ao profesor da Universidade da Coruña (UDC), Luciano Rodríguez, quen, citando as palabras que Octavio Paz referiu sobre Fernando Pessoa, afirmou que "os poetas non teñen biografía; a súa obra é a súa biografía", feito que, asegurou, cúmprese tamén neste caso. 
O profesor fixo un breve repaso pola vida e obra de Iglesia Alvariño, e recordou tamén o seu labor como tradutor, ensaísta e crítico literario. A súa intervención seguiu a do profesor e investigador Xurxo Martínez, que destacou que "cando a nación sexa capaz de recoñecer e admirar" a tarefa dos seus antepasados "na súa xusta medida", "estará a rozar a liberdade". 
Tamén rendeu homenaxe coas súas palabras a Iglesia Alvariño o escritor e presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín, un "dos poucos" presentes que coñeceron e seguiron a traxectoria do poeta, "saudando a aparición da maior parte das súas obras", o cal, chanceou, "non é ningún mérito, senón culpa da idade".

'SEÑOR DAS PALABRAS' 
O escritor eloxiou a importancia do poemario 'Cómaros Verdes' como "bandeira de recuperación da lingua literaria" na posguerra. Ademais, destacou que o obxectivo de Igrexa Alvariño era "construír un galego literario á altura do século XX", o que lle granxeou o título de 'Señor das palabras'. 
Méndez Ferrín recordou ademais que "non se pode esquecer que Igrexa Alvariño foi unha galleguista, membro do Partido Galeguista durante a República, e quen o oculte fai mal". Neste sentido, testemuñou como, no período que viviu en Santiago, Aquilino se achegaba aos mozos en compañía dos seus amigos Antonio Rodríguez Cadarso e Maximino Castiñeiras e lles daba "doutrina galeguista mansa, suave pero profunda e sabia". 
Ao discurso do presidente da RAG seguiron varios poemas do autor, recitados polos escritores Bieito Iglesias, Gonzalo Navaza, e Salvador García Bodaño, así como a emocionada intervención do seu fillo, Aquilino Iglesia Ferreirós, que agradeceu este acto de recordo ao seu pai.

REPRESENTACION INSTITUCIONAL 
Aos discursos dos representantes da cultura que coñeceron e admiraron a obra de Iglesia Alvariño, seguiron as intervencións dos representantes institucionais presentes no acto. Así, os actos pecháronse cos tributos do secretario xeral de Política Ling~ística, Anxo Lorenzo; o alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, e o conselleiro de Cultura, Roberto Varela. 
Anxo Lorenzo subliñou a contribución "decisiva" do poeta para retomar a lingua do país, e a súa preocupación por ampliar os rexistros da poesía galega, "levándoa por camiños pouco transitados e ás veces vedados para a lírica nun idioma coa consideración social que tiña o galego". 
Pola súa banda, Conde Roa explicou que a súa presenza neste acto estaba motivada por a "obriga e vocación institucional" de apoiar todas as iniciativas orientadas a recuperar difundir e poñer en valor a cultura galega, e o feito de que o poeta foi un "querido veciño" de Compostela. Conde Roa finalizou a súa intervención expresando o seu desexo de que a difusión deste acto faga que os mozos "sintan a curiosidade intelectual de afondar na vida e obra do escritor". 
Roberto Varela pronunciou o último discurso do acto, coincidindo cos oradores precedentes en destacar a achega decisiva da súa obra, e sinalou que os seus versos "permanecen na memoria dos galegos" cando se cumpren os 50 anos da súa morte. O acto clausurouse coa ofrenda floral á tumba do escritor por parte da Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Concello de Santiago, e a asociación que organizou o evento, Pen Club Galicia.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS