Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 06.12.2019 Actualizado 13:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

PAVILLÓN DE REPOUSO

Defender a Atención Primaria e a Sanidade Pública en Galicia (II)

PABLO VAAMONDE  | 21.01.2019 
A- A+

Os sistemas sanitarios organizados en dous niveis asistenciais son os máis eficientes e os que máis aportan á saúde da poboación. Un sistema sanitario “forte” precisa unha AP “forte” (Barbara Starfield). A AP debe ser o elemento central que asuma a coordenación dos procesos asistenciais e, para iso, ten que contar con profesionais formados e con medios suficientes que permitan resolver máis do 80% dos problemas de saúde. Con ese deseño foise construíndo, nos últimos 35 anos, un SNS que, pese a todolos ataques, conserva un nivel de calidade máis que aceptable.

Cos gobernos do Partido Popular o deterioro do SNS foi evidente. O nivel máis atacado foi a AP: en Galicia o PP suprimiu as Xerencias de AP, decapitou o plan de mellora e degradou as condicións laborais ata o extremo. Agora os profesionais, que se sinten maltratados, revélanse e reclaman a reparación do dano causado. A Atención Primaria debe reunir unha serie de condicións para ter unha boa calidade asistencial. De todas elas considero que hai tres elementos imprescindibles que deben ser impulsados coa maior premura: o aumento da capacidade resolutiva, a continuidade asistencial e a restauración da accesibilidade.

-A capacidade de resolución dos problemas de saúde require de profesionais ben formados, e que conten con medios e acceso a probas sen restriccións burocráticas. Na actualidade a boa formación dos profesionais de AP está infrautilizada por causa da sobrecarga asistencial, da aplicación de protocolos restritivos (impostos desde as xerencias hospitalarias) e das excesivas trabas e demoras no uso de medios diagnósticos. Para mellorar a AP é preciso recuperar poder e aumentar os recursos: hai que incrementar os orzamentos que hoxe representan un raquítico 12% do total adicado a sanidade (moi lonxe do 25% que reclaman os expertos). Se isto non muda podemos volver á situación de hai 50 anos, cando o médico de cabeceira era un escribano dedicado a facer receitas e volantes.

-A continuidade asistencial é un elemento básico da AP. Cando o profesional de AP atende durante tempo prolongado aos pacientes e ás súas familias establécense vínculos de confianza, empatía e respecto que son elementos esenciais da relación terapéutica. Dende o goberno da Xunta estase a rachar esta característica de forma radical. A ausencia de oposicións, os contratos-lixo, a non substitución do persoal ausente, a amortización de prazas: todas estas decisións (de marcado contido politico e económico) degradan a asistencia. É preciso convocar oposicións periódicas para que os profesionais sanitarios teñan unha cota asignada fixa, e que os pacientes non sexan atendidos por un profesional diferente cada vez que acuden ao seu Centro de Saúde. O acordo asinado pola Administración e algúns sindicatos é unha burla que perpetúa a precariedade e prexudica aos pacientes.

-A accesibilidade á consulta é un elemento clave e definitorio dunha boa AP. Na Atención Hospitalaria, nos casos que non sexan urxentes, pode admitirse unha demora razonable. Pero unha persoa que precise de atención en AP debe poder acudir coa maior brevidade. A Administración é a principal causante das demoras, xa existentes nalgúns Centros de Saúde, pola sobrecarga asistencial, a non substitución das ausencias e polas cotas médicas excesivas. Mais, neste caso, entendo que os profesionais debemos facer o maior esforzo posible para non provocar listas de espera en AP. O noso deber profesional é atender aos pacientes co maior respecto e o antes posible.

Pero considero que hai dous puntos clave para a abordaxe dos conflitos que agroman na AP. Cómprerestaurar as Xerencias de AP, con orzamento propio e autonomía de xestión. De non ser así, non haberá unha solución real aos problemas creados. Tamén é preciso que as promocións novas de profesionais se incorporen á loita colectivapolos dereitos cidadáns e pola dignidade profesional e que adopten unha conducta de actuación común ante os problemas que afectan a todos. Cómpre asumir que as solucións non son individuais nin sectoriais. Os afectados somos todos: todas as categorías profesionais e, sobre todo, as persoas.

Pero estamos nesta situación porque houbo quen adoptou decisións que nos trouxeron ata aquí. O deterioro da AP non é froito do azar nin da crise. Hai responsables na política e na xestión sanitaria que provocaron este desastre. Non se trata só de buscar remedios puntuais aos conflictos presentes. A degradación da AP (e da Sanidade Pública en xeral) é consecuencia da acción política dos últimos dez anos; as solucións non se atoparán con medidas cosméticas deseñadas por grupos de traballo afíns ao poder. A restauración da AP só se producirá se hai unha mudanza politica en Galicia. Mentres goberne o PP non haberá unha solución real.

http://pablovaamonde.blogspot.com/

 

 

 

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS