Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A defensa do empresario detido en Santiago di que tiña autorización para "limpar e vender" a nave

Asegura que vendeu material sanitario que había no interior para baleirar as instalacións e rexeita que fose un roubo porque "tiña a chave"

Estado no que quedou a nave do Polígono do Tambre, en Santiago de Compostela, onde supostamente se roubaron máscaras e material sanitario  - FOTO: COPYRIGHT: XOAN CRESPO
Estado no que quedou a nave do Polígono do Tambre, en Santiago de Compostela, onde supostamente se roubaron máscaras e material sanitario - FOTO: COPYRIGHT: XOAN CRESPO

SANTIAGO. EP  | 07.04.2020 
A- A+

A defensa do empresario Javier Conde detido en Santiago de Compostela polo suposto roubo de material sanitario nunha nave no Polígono do Tambre asegura que tiña "autorización" para "limpar e vender" as instalacións.

Así o manifestou, en declaracións a Europa Press, a avogada Otilia Sánchez Garrido, que exerce a defensa do empresario, que o sábado pasado quedou en liberdade investigado por un suposto roubo con forza, pero sen medidas cautelares.

A avogada explicou que hai unha investigación xudicial aberta pero as cifras feitas públicas pola Policía Autonómica, en relación ao roubo duns dous millóns de máscaras e outro material sanitario valorado nun cinco millóns de euros, "non aparecen no atestado" nin na "declaración da administración concursal".

Após rexeitar a "cifra astronómica" apuntada pola Policía Autonómica, a letrada insistiu en que "non hai tal cifra nin cantidade", en relación ao valor e número de máscaras, respectivamente. De feito, estimou en menos de medio millón de euros "o que estaba alí".

En relación ao feito de que o empresario detido no operativo policial declarase en sede xudicial que vendera material que había nas instalacións, a avogada insistiu en que tiña "autorización de baleirar e limpar a nave" na que, puntualizou, había "material caducado".

Deste xeito, ratificou que o seu cliente tiña "vendido" material da nave para despexala e pola á venda na súa inmobiliaria co permiso da propietaria. Por iso, apuntou a posibles "irregularidades", pero rexeitou que se trate dun roubo con forza nas cousas porque "tiña a chave".

Neste sentido, en relación ao operativo policial comentou que "a Policía Autonómica decatouse da situación da nave (que había material sanitario) e a persona que tiña a posesión da nave é Javier e é localizado", sinalou para matizar que el xestionaba a venda do inmoble con "autorización" da administración concursal da mesma.

Por iso, destacou que o xulgado enviou oficios a Mallorca "para saber que autorización tiña" o investigado pola subtracción do material sanitario da nave a principios de febreiro.

"Espero que salga absolto", destacou a letrada Otilia Sánchez, quen manifestou que se houbo "irregularidades" tense que abordar "na vía xudicial". Con todo, concluíu que lles "preocupa a alarma creada" ao apuntar a Policía Autonómica que o valor ascende a un "cinco millóns de euros pola venda de máscaras".

OPERATIVO
O operativo, desenvolvido pola Policía Autonómica, comezou após recibir o aviso de que na nave podería haber unha gran cantidade de máscaras do modelo FFP2, luvas cirúrxicas, pantalóns, uniformes sanitarios, botiquíns e alcol, segundo informou a Xunta, da que depende este corpo policial.

A empresa asaltada, que se dedica á venda de material sanitario, está actualmente en situación concursal. Ante este aviso, os axentes solicitaron a autorización do administrador e accederon ao interior da nave, onde comprobaron que a mercadoría fora subtraída.

En concreto, as máscaras foron roubadas "case en toda a súa totalidade", indicaron as mesmas fontes. Todo o material subtraído, para o que se estima un valor aproximado de "un cinco millóns de euros", foi extraído das súas caixas e plásticos protectores co obxectivo de ocultar a súa procedencia, abundaron.

A partir dese momento comezou a investigación a través do exame de indicios, a comprobación das imaxes de cámaras de seguridade e a declaración de testemuñas. Deste xeito, toda a investigación apuntou a un empresario da cidade que fora visto ao redor da nave e que, recentemente, mantivo supostamente unha reunión con cidadáns portugueses que, con posterioridade, accederon ao interior desta empresa, segundo a Policía Autonómica.

Por iso, procedeuse á detención do empresario pola súa suposta participación nos feitos, que quedou en liberdade investigado por roubo con forza após pasar a disposición xudicial o pasado sábado. Na actualidade proseguen as pescudas para localizar ao resto de autores e as persoas que recibiron o material en Portugal, polo que se solicitou a colaboración das forzas e corpos de seguridade do país veciño.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS