Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 21.20
, 7 Feb. (EUROPA PRESS) -
A Asociación de Usuarios de Banca, Caixas e Seguros (Adicae) presentará unha demanda xudicial colectiva contra Novagalicia Banco (NCG) e outras sete entidades pola emisión de participacións preferentes que, segundo esta entidade, se comercializaron, de forma "enganosa", como depósitos a prazo.
En declaracións a Europa Press, o vicepresidente de Adicae en Galicia, Agenor Gómez, afirmou que no caso da Comunidade galega a demanda colectiva se presentará pola emisión de participacións preferentes por parte de Caixa Galicia e Caixanova antes da súa fusión por unha contía que cifrou nuns 1.000 millóns de euros.
Agenor Gómez asegurou que en Galicia unhas 100.000 persoas poderían verse afectadas por esta situación e engadiu que a intención da entidade é "agrupar" a todos os afectados e solicitar a documentación necesaria para presentar a demanda colectiva.
Ao respecto, apuntou que optaron por esta opción ante "a falta dunha solución" por parte das entidades contra as que se presentarán as demandas xudiciais. No caso concreto de NCG, indicou que non se lles ofreceu a posibilidade de "troco" por outro produto.
Así, sobre os argumentos esgrimidos pola entidade sobre a imposibilidade de ofrecerlles nestes momentos esa opción, instounos a deixarse "de escusas". "Se teñen unha solución, que a fagan pública", engadiu a este respecto.
Xunto á presentación das demandas colectivas, Adicae prepara unha gran mobilización en toda España para a próxima fin de semana, con accións de protesta tamén en A Coruña.
