Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Demasiados casos illados

XOSÉ A. GACIÑO  | 24.04.2017 
A- A+

Resulta esaxerado dicir, en relación coa corrupción, que os casos illados agora son precisamente os políticos honestos, por máis que a velocidade de cruceiro acadada ultimamente pola sucesión de escándalos nos transmita a impresión de que van quedando poucos cargos públicos limpos. Dos milleiros de persoas que ocupan postos de designación política en España (parece que máis de trescentas mil, incluíndo calquera empregado público contratado a dedo), non chegan a mil os implicados, en maior ou menor medida, en casos de corrupción (máis de cincocentos e menos de oitocentos, segundo diversos cálculos, no que levamos de século). 

Por certo que esas cifras de supostos políticos e de presuntos corruptos son aproximacións realizadas por analistas e xornalistas pola súa conta, ás veces calculando a ollo o número de asesores e enchufados varios que rodean aos políticos que poderíamos denominar xenuínos (os que son elixidos polo voto cidadán). Non hai estatísticas oficiais, nin totais nin parciais, que concreten o número exacto de agregados de confianza que cobran do presuposto do Estado polos seus servizos –reais ou ficticios, legais ou ilegais– a alcaldes, concelleiros, deputados de diverso ámbito, senadores e membros de gobernos autonómicos e central. Nin tampouco do número real de políticos e asimilados implicados en casos de corrupción, tendo en conta ademais que a corrupción está detrás de delitos moi variados, non sempre de exposición mediática.

Pero aínda que sexan minoría os que se aproveitan do erario público en beneficio propio e do seu partido, non deixa de ser alarmante a progresión de casos. Noutros tempos, parecía que os escándalos de corrupción tiñan outro ritmo. O caso Naseiro, o caso Filesa, o caso Banca Catalana, o caso Juan Guerra… Eran como fitos singulares, espallados ao longo dunha lexislatura, que daban xogo durante bastante tempo. Agora, a corrente da corrupción é tan fluída e diversa que un perde a conta dos casos, entre os que se prolongan no tempo, acumulando derivacións continuas, e os que van aparecendo de xeito implacábel, como suxerindo que isto non ten fin.

Pérdese a conta e pérdense as matizacións. Xa hai tempo que, na percepción da opinión pública, ser imputado ou investigado conta xa case como ser procesado, e agora levamos camiño de que queden contaminados mesmo os que prestan declaración como testemuños (por que, se non, o interese do PP en que non fose chamado a testificar o presidente do Goberno?). Quizais ten que ver coa sensación, moi estendida, de que estes casos rematan en nada ou en penas consideradas case simbólicas. O castigo mediático compensaría así a levedade penal e a limitada repercusión electoral destas actividades depredadoras.

Engadamos a iso a repetición das vellas artimañas para obstaculizar as actuacións xudiciais –e despois facer comentarios cínicos sobre a lentitude da xustiza– que se seguen a pór en práctica, en continua contradición coas proclamas e con pactos de investidura prometendo unha loita implacábel contra a corrupción. Pode que a inmensa maioría dos políticos sexan persoalmente honestos, pero non parece que sexan moi dilixentes en reaccionar contra os deshonestos. Algúns dos que pertencen a partidos con maior número de casos illados mesmo reaccionan con acosos e despidos contra os cidadáns que denuncian a corrupción. A estas vítimas non lle teñen ningún respecto.

No último Índice de Percepción da Corrupción, o do 2016, a organización non gobernamental Transparencia Internacional colocaba a España no posto 41º de 167 países de todo o mundo e que, entre os países europeos, significaba o posto 21º de 32 estados. Demasiados casos illados en comparación co noso entorno occidental e democrático.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS