Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 25.04.2019 Actualizado 20:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Democracia e correlación de forzas

MANUEL MERA  | 20.02.2019 
A- A+

Hai quen di que os ollos de Europa están postos neste intre no xuízo contra os dirixentes independentistas cataláns xulgados en Madrid, e semella que é así pola información publicada. Mesmo poderíase engadir que tamén o fai unha boa parte do mundo, cando menos desa que ten unha maior relación histórica co Estado español. Dereitos democráticos tan importantes como os de respecto pola pluralidade nacional, a liberdade de opinión, e diferenciar os métodos pacíficos da utilización da violencia, están baixo a lupa. Xa que están en entredito, os supostos valores democráticos das institucións da Unión Europea (UE), obviando que normalmente son ignorados cando se trata de reivindicacións que confrontan cos obxectivos da globalización neoliberal.

Esta dobre vara de medir da UE non só afecta negativamente a problemática catalá, vexase como na negociación do Brexit, que atinxe a unha potencia tan importante como o Reino Unido, prima máis a ameaza que o dialogo, coa intención evidente de desalentar un efecto domino na UE. Polo tanto, para alén de institucións moi especificas, que teñen a función de manter a ilusión da democracia europea, á hora da verdade priman os intereses económicos e estratéxicos. Políticas que buscan eliminar as diferenzas rexionais, neocolonizar aos pequenos países, desprestixiar e eliminar culturas e linguas, carentes do apoio dun estado, xa que se consideran una atranco para o mercado. Todo isto en beneficio da economía de escada, consubstancial coa centralización e concentración da riqueza e do poder, nun mundo onde xa non existe espazo sen conquistar e oprimir.

Na UE as institucións garantes da aplicación da xustiza poden non estar dacordo coa acusación de rebelión, mesmo coa de malversación e coa prisión preventiva dos dirixentes independentistas de Cataluña, e considerar un despropósito as sentencias que todos e todas sabemos van ser moi duras, mais os rexeitamentos foron simbólicos ou persoais. Unha actitude que non deixa de ser reveladora, sobre a esencia da UE, máxime cando todo indica, como afirmaba o deputado Joan Tardá de ERC, que se trata de dar un escarmento exemplarizante, non só para Cataluña senón para as demais nacionalidades históricas, especialmente Euskadi. Daquela que se vexa violencia onde só houbo estragos menores (dous coches da policía), e que se lle reste valor a represión da policia e garda civil contra as persoas que exercían o voto, mentres que pola contra se acusa a directivos de organizacións sociais que non teñen ningunha responsabilidade executiva nas institucións.

Pretendese asimilar o acontecido en Cataluña, que foi unha votación pacifica na que dous millóns de persoas apoiaron a opción da independencia e a declaración simbólica posterior, co asalto violento das Cortes por forzas da garda civil, e algún tiro polo medio, por Tejero no ano 1981. Mesmo o fiscal atrevese a acusar os/as votantes de facer muros humanos que se botaron contra a policía, cando as imaxes reflicten todo o contrario. É tan absurdo, e complicado de defender, tanto en Cataluña como diante daqueles que seguimos os acontecementos a través dos medios dende fóra, que o propio Iceta, secretario do PSC-PSOE, afirmaba nunha entrevista que: “non houbo rebelión, nen sedición, se cadra desobediencia, e a tentativa de algo que ao final non se deu” (http://catalunyaplural.cat/). Ulo a xustiza?

O xeito de axer do Poder Xudicial amosa o control que dos organismos de dirección teñen os sectores conservadores e de dereita, e o afastamento deste poder do sentir da maioría social. Tamén se reflicten as contradicións do PSOE e seu dobre xogo neste tema. E, sen dúbida é determinante a actitude autoritaria, contraria a calquera acordo, por parte do PP e Ciudadanos. Unha postura, alimentada por medios sistémicos e sectores do poder inmobilistas, que deron folgos á ultradereita de VOX. Abrindo un escenario que agudiza aínda máis as contradicións, e que poden rematar dun xeito contrario, ao que esperan os que as alentan. Por exemplo, dando folgos a participación desa franxa inmensa constituída pola abstención, mocidade e clase obreira no esencial, como inclinando decisivamente a votación a prol do independentismo en Cataluña.

En todo caso, para alén das especulacións sobre o futuro, aínda que haxa tendencias evidentes de que algo se está a mover, o que amosa esta campaña españolista contra as nacionalidades históricas (xa que vai máis alá da cuestión catalá) é que as contradicións colleron folgos co medre da centralización, e que a democracia está intimamente ligada á correlación de forzas. Ou sexa: as transferencias de competencias ás autonomías e nacionalidades perderon valor con leis que recentralizaron as decisións (como a de Unidade de Mercado) ou porque foron delegadas en Bruxelas. Por se non abondase, a interpretación das regras de xogo depende cada vez máis de quen ten o control das institucións, e o apoio do poder económico, mediatico e doutros poderes fácticos (igrexa, xudicatura, forzas armadas, etc).

De todos estes aspectos e feitos o nacionalismo vai recoller deste proceso moitas ensinanzas. Así o evidencia o debate sobre como continuar o proceso en Cataluña. As eleccións xerais primeiro, e municipais despois, as mobilizacións de masas a prol do dereitos democráticos e a xustiza social, pode que xa amosen cambios. Agora ben, das consecuencias destas políticas represoras, que enquistan e agravan as contradicións, tamén debe aprender aqueles que queren a unidade do Estado español, vendo que a negación de dereitos individuais e colectivos non é unha solución máis que transitoria, e que as contradicións regresan fortalecidas. A historia ensina moito neste sentido.

Por certo, a manifestación deste pasado domingo (16 de febreiro) en Barcelona reuniu a 380.000 persoas para rexeitar o xuízo ao procés, segundo un reconto alternativo de Directa. A policía municipal daba 200.000 e os organizadores 500.000. En calquera das valoracións unha cifra moi superior á do españolismo en Madrid, nunha cidade que ten a metade de poboación. En resumo, a única alternativa a este recuar ao pasado é que as clases populares conten cun contrapoder real, cunha inmensa capacidade de mobilización social, organizada, capaz de ocupar rúas e axer dentro das empresas, condicionando a actividade económica e social, e contando cunha forte representación nas institucións. E para iso é esencial o partido, o proxecto, a estratexia, a iniciativa e gañar a batalla das ideas.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS