Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 18.10.2018 Actualizado 20:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Demografía, desigualdade e explotación

MANUEL MERA  | 08.01.2018 
A- A+

A cuestión demográfica é un tema que ocupa as portadas dos medios cando se coñecen as cifras do padrón, ou comeza un novo ano. Estes días, un especialista na materia afirmaba nun xornal encol desta problemática na Galiza: “que a demografía galega parécese á que deixa unha catástrofe ou unha guerra”. Sen dúbida ten razón, porque ademais de morrer moita máis xente que nace, dáse unha forte emigración da mocidade, ou sexa, daquela parte da poboación que esta na idade de procrear. As cifras da evolución demográfica do noso país abraian. En dados: no ano 1981, Galiza representaba o 7,4% da poboación do Español, 2.815.000 habitantes sobre 37 millóns; no ano 2017 reduciuse ao 5,8%. Perdeu 107.000 habitantes mentres que o Estado aumentou rente de dez millóns.

Esta caída demográfica tan grande compénsase en parte, nas últimas décadas, mesmo durante a crise, coa inmigración. Deste xeito, esta adquire ademais a condición de substitución da man de obra na Galiza. Máxime cando existe unha taxa de desemprego considerábel e a contratación en precario é tan elevada. Un papel moi distinto ao que ten a inmigración en países onde o paro é moi baixo e a emigración anecdótica, polo que a primeira representa unha contribución neta á economía. Mais este é un tema, aínda que moi ligado á man de obra de reserva e ás condicións laborais, que non quero desenvolver neste artigo. De facelo, tería que entrar a fondo nas diversas razóns que forzan a inmigración dos países da periferia. Por exemplo: o imperialismo económico, militar e cultural, o intercambio desigual, o extractivismo, a destrución da natureza e das actividades tradicionais, os réximes ditatoriais ao servizo exclusivo das clases dominantes, exteriores e interiores, etc.

Entendo que o motivo central para o retroceso demográfico no noso país está no carácter subalterno que ten Galiza na cadea de valor da actividade económica dentro do Estado español e da Unión Europea. Un aspecto favorecido polo proceso de centralización e concentración da riqueza e do poder, consubstancial co capitalismo. Unha tendencia que se acelerou coa globalización neoliberal. Daquela que a aparente modernización da actividade económica, e a mellora na calidade de vida dunha franxa da poboación, leve aparellada ao mesmo tempo a destrución doutros sectores produtivos e un aumento da desigualdade social, e que a pobreza e a marxinación se volva crónica. Como exemplo disto temos: a desfeita do mundo rural e de sectores como o pesqueiro e de determinadas actividades transformadoras, o control foráneo das empresas estratéxicas e máis dinámicas. Tamén se dá unha diminución da produción relativa no conxunto do Estado, e un aumento da explotación laboral e da taxa de desempregoi.

A baixa natalidade é consecuencia directa, fundamentalmente, da precariedade laboral e do traballo en negro (temporalidade, contratos de cero horas, falsos autónomos/as, xornadas reducidas non desexadas, horas traballadas polas que non se cotiza e paga, etc.) e salarios por debaixo das necesidades vitaisii. Este contexto laboral, e a falta de expectativas de que mude para ben no futuro, empurra á inmigración a boa parte da mocidade. E moita da que fica no país non está en condicións económicas de formar familia, e moito menos de ter fillos e fillas. E o realmente preocupante, é que as formas de contratación máis precarias non só foron a máis durante a crise (en realidade un axuste), senón que se consolidaron e seguen a medrar despois de varios anos de crecemento da economía. Como consecuencia directa, a maior parte das empresas, non só sanearon as súas contas, senón que aumentaron de xeito significativo os lucros.

O argumento da patronal de que aínda non se poden aumentar os salarios porque hai empresas en números vermellos vale para todas as situacións económicas no capitalismo, xa que mesmo nos momentos de máis crecemento económico, hai empresas ás que lle vai mal e pechan. É consecuencia do libre xogo do mercado, que a patronal tanto gaba. En dados concretos, no ano 2011 os salarios representaban un 46,5% do PIB (malia ser máis do 80% da poboación activa), e as rendas do capital e mixtas, o 43,6%. No 2015, consolidouse a desigualdade nos ingresos, xa que os salarios baixaban ao 44,3% e as rendas do capital e mistas atinxían o 46,3%. E, como xa dixen, esta tendencia é a hexemónica. Non se pode esperar polo tanto, que con algunhas axudas por fillos e fillas, e o aumento das baixas, se cambie a tendencia regresiva na natalidade. Mesmo sendo positivas, medidas deste tipo non modifican os alicerces do modelo económico e social, e polo tanto das condicións laborais, precariedade, desemprego e baixos salarios, que son un muro para que medre a natalidade. Neste tema, como na desfeita ecolóxica e do mundo rural, reflíctese con toda claridade os limites do capitalismo, e que hoxe, como afirma Samir Amin, está na súa etapa senil.

Para recuperar a natalidade, para garantir unhas condicións de vida mínimas, é necesario unha distribución máis igualitaria e xusta da renda, que lembremos está producida esencialmente polo esforzo da clase traballadora. Cómpre eliminar os contratos temporais e rebaixar a xornada laboral real, a 35 horas semanais, e elevar inmediatamente os salario mínimo a mil euros en 14 pagas. Só con estas dúas medidas, practicamente desaparecería o desemprego e a precariedade. Sempre que se fagan cumprir, claro, estas e outras normas legais xa existentes, perseguindo e impoñendo multas (e condenas cando se reincida) a aqueles empresarios e empresarias que non respecten estes obxectivos básicos.

Manuel Mera

i - A man de obra de reserva mantense alta cando interesa, mediante os procesos migratorios, a deslocalización empresarial, por unha banda, e mediante o aumento da xornada e dos ritmos de traballo, precarización, etc., por outra parte; cando a situación faise insostíbel, redúcese este exceso de desemprego, alentando a emigración, especialmente da mocidade; nalgúns casos dáselle folgos a ambos procesos a un tempo e dirixidos a segmentos moi determinados da forza laboral, para optimizar a explotación e reducir a contestación social; sería o caso de Galiza.

ii - Moitas destas situacións estremas sálvanse mediante as axudas de familiares, en non poucos casos das pensións de avós e avoas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS