Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

economía

Dende Arteixo a todo o mundo

Os provedores do sector galego da construción están nun mal momento, pero os que hai tempo apostaron pola exportación ven mellor o futuro: é o caso de Teais, que este ano introduciu os seus produtos en Tunisia, e en Sri Lanka, dende onde pensa dar o gran salto a Asia

REDACCIÓN SANTIAGO   | 29.12.2010 
A- A+

AXENCIAS
Obra en Xordania onde se usan produtos Teais
FOTO: AXENCIAS

Nesta época de crise escóitase en moitos sitios a palabra internacionalización, como unha proposta de solución. De feito, é raro un programa de debate ou tertulia sobre a economía onde non saia este vocáculo, que para os gurús da economía se converteu en pouco menos que na panacea que todo o cura. Quizais esaxeran un pouco, e o certo é que unha empresa non se internacionaliza dun día para outro, pero nese sentido, para saír da crise, as que fixeron os deberes no seu tempo, van por diante. Ese é por exemplo o caso de Teais, que dende o Polígono Industrial de Sabón, no concello coruñés de Arteixo, emprendeu hai xa anos un programa que levou polo mundo adiante os seus produtos: pinturas, masiñas, adhesivos, etc.

Actualmente, esta empresa coruñesa mantén acordos de fabricación en México, Ecuador e Uruguai: a exportación de produtos fabricados en España cara a estes países non sería moi competitiva, polos custos de transporte, os aranceis e o choque con marcas europeas ou americanas, pero cando se fabrican baixo licenza nos mesmos países en que se van vender, fanse moito máis competitivos.

O último fito na carreira exportadora da química de Arteixo foi un acordo con investidores do seu sector en Tunisia, mercé ó cal se constituíu unha joint venture ou empresa conxunta, que operará co nome de TEAIS Tunisie. Se ben a empresa coruñesa levaba anos traballando no norte de África, interpretan o acordo como un importante paso, para "atender a importante demanda existente na rexión". Para iso instalarase unha planta de fabricación dos produtos líquidos de Teais, elaborados baixo licenza e con apoio técnico dende España.

Do mesmo xeito, recentemente tamén se constituíu TEAIS Sri Lanka, a través dun acordo con empresarios da antiga Ceilán: neste caso, inicialmente, a compañía só levará a cabo a importación e distribución dos produtos, pero tamén se contempla a creación dunha fábrica en Sri Lanka, para elaboración local das pinturas, masiñas, etcétera. TEAIS Sri Lanka será axente exclusivo para a propia illa de Ceilán e tamén para as Maldivas e Australia, pero para a sede española será clave porque "estendería a nosa base para entrar no mercado asiático".

De feito, esa parece ser unha das claves da internacionalización neste momento, porque, mentres os países desenvolvidos viron drasticamente reducido e ata invertido o seu crecemento económico, o incremento de PIB en países da zona Asia-Pacífico, como China, segue a roldar os dous díxitos, isto é o 10% do PIB. En definitiva, as empresas galegas teñen moito por gañar coa internacionalización..

 

FRANCISCO SUÁREZ VELO, INTERNATIONAL PROJECT MANAGER DE TEAIS, S,A.

"A internacionalización permitiu compensar a crise"

Recentemente, Teais asinou un convenio cunha empresa tunisiana para que esta fabrique baixo licenza os seus produtos, pero, ¿cando empezou o proceso de internacionalización de Teais?

Teais é unha empresa que sempre apostou pola internacionalización e hai uns 20 anos que está operando a nivel internacional. Desde entón, fixéronse obras con produtos Teais en catro continentes e en máis de 40 países. A política de fabricar no estranxeiro, en puntos clave, mantívose desde que se empezou a actividade exportadora.

 

Os medios para a internacionalización son bastante coñecidos: presenza en feiras ou misións comerciais das cámaras de comercio son habituais, pero ¿como se chega a formar unha relación comercial sólida e fiable?

É certo que coas misións comerciais e as feiras se establece o primeiro contacto, pero para conseguir un cliente a nivel internacional e posteriormente fidelizalo, é clave un bo servizo técnico e a atención personalizada. Para atender a demanda dos clientes e atender as súas necesidades, contamos cun departamento de I+D+i para o desenvolvemento de novos produtos e poder ofrecer produtos á medida do consumidor.

 

América Latina é un dous seus mercados tradicionais, pero tamén son países dominados pola influencia norteamericana, tanto no que se refire a simple poderío exportador como a sistemas de construción. Nese sentido, ¿que diferenzas notan entre o mercado latinoamericano e o español?

O mercado latinoamericano é diverso, polo cal dependendo das zonas a influencia do mercado norteamericano é máis ou menos marcada. En relación cos sistemas de construción teñen varias diferenzas co español, o tipo de estruturas que se utilizan, o tipo de terminacións, revestimentos, etc., é moi diverso. Con todo no rubro que nos compete, que é o dos produtos químicos para a construción, hai moita similitude con España, en liñas xerais úsanse produtos e sistemas similares.

 

¿Como se concreta o novo proxecto no norte de África? ¿Os produtos fabricados distribuiranse exclusivamente en Tunisia ou poderán ser exportados a outros países do Magreb?

O proxecto que imos levar a cabo consiste en fabricar produtos líquidos coa marca Teais. Os produtos que se van fabricar son pinturas, imprimacións, pinturas de alta decoración, desencofrantes e aditivos para o formigón. O que pretendemos é comercializar os produtos fabricados na nova planta de Tunisia e que sirva de plataforma de distribución para os demais produtos que estamos fabricando en España. Desde a planta de Tunisia, poderanse atender os mercados limítrofes. Este proxecto levouse a cabo en Tunisia por ser un punto estratéxico, contando con acordo de libre comercio con países da zona. Conséguese entón uns mellores custos de fabricación e de transporte, evitar aranceis que poden ir ata un 20% e un servizo máis directo ó cliente.

No contexto de crise económica actual, ¿como se ve afectado o proceso de internacionalización de Teais: vese dificultado ou como unha maneira de sortear os problemas do sector da construción en España?

É certo que o noso sector en España esta moi afectado pola situación económica actual, con todo Teais atópase nunha mellor situación que a súa competencia. Isto débese á extensa gama de produtos, como ó eficiente equipo técnico que constantemente oferta solucións moi valoradas no mercado. Por outra banda, a internacionalización da empresa permitiu compensar en certa medida a baixada das vendas no mercado nacional.

 

¿Que novos retos se lle presentan a Teais de cara ó futuro, a escala nacional e global?

No ámbito nacional, o noso reto é seguir desenvolvendo novos produtos e sistemas para corresponder ás necesidades do mercado. O reto a nivel global é a maior internacionalización da marca Teais. Este reto conseguirase con novos distribuidores e alcanzando acordos de fabricación en lugares estratéxicos. Actualmente, estamos en negociacións de alianzas en Chile, Panamá, Costa do Marfil, Romanía e Libano.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS