Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Denuncia, que algo queda

XOSÉ A. GACIÑO  | 10.03.2017 
A- A+

Pode que a presidenta da Asociación da Prensa de Madrid teña algo máis de credibilidade que o presidente de Estados Unidos (considerado como mentireiro compulsivo), pero non hai máis razóns para crerse o seu comunicado de denuncia de presións do partido político Podemos que para crerse os tuits de Donald Trump acusando ao seu antecesor, Barack Obama, de intervir os seus teléfonos. Afirmar que un partido “vulnera de maneira moi grave os dereitos constitucionais á liberdade de expresión e á liberdade de información e coarta o libre exercicio do xornalismo”, sen acudir inmediatamente aos tribunais con todas as probas recollidas (e ate agora non difundidas), está á altura dese presidente que tuitea sen despeitearse que o presidente anterior lle espiaba e non pon en marcha enseguida todo o aparato institucional (xudicial e político) que debe analizar un delito semellante.

Evidentemente, tampouco Pablo Iglesias ten a mesma aceptación ante os medios informativos que Obama, por máis que ambos compartan algúns inimigos políticos. A Obama atacáronlle e seguen a atacalo sen consideracións desde os medios radicalmente dereitistas, mentres que a Iglesias, e a Podemos en xeral, lles choven –aparte das críticas, que forman parte do apartado de opinión– toda sorte de manipulacións e terxiversacións informativas desde todos os grandes medios convencionais, incluídos algúns que nalgún tempo tiñan imaxe de progresistas. As probas están na maldita hemeroteca, que diría Ana Pastor (a xornalista, non a presidenta do Congreso).

Así que mal negocio fan os de Podemos coas súas presións, se efectivamente as practican de xeito tan grave como lles acusan. Non só non conseguen modificar a liña informativa implacábel que teñen en contra, senón que agora teñen acumulado un novo sambenito, o de amedrentadores de xornalistas, que se engade a outros como os de xustificar o terrorismo etarra, recibir subvencións de Venezuela ou ser culpábeis de que Mariano Rajoy se manteña no goberno, todos eles produto de hábiles manipulacións políticas e xornalísticas convenientemente repetidas, aproveitando –todo hai que dicilo– algúns erros inxenuos de purismo radical que seguramente levantan o ardor revolucionario nas súas bases pero non amplían o seu teito electoral.

Repetiuse moito nestes días que as verdadeiras presións son as dos executivos das empresas do Ibex 35 ou dos grandes partidos con poder (fundamentalmente, dous), que cunha simple chamada telefónica poden despedir a un redactor molesto (ou polo menos relegalo a tarefas menos visíbeis). O dos escraches ou os tuits queda para organizacións sen poder que ás veces empregan as súas enerxías en acosar inutilmente á parte máis débil do sistema, ese que queren cambiar radicalmente e do que, paradoxalmente, tamén forman parte. Por suposto, as dúas presións (e algunha máis sinistra, como a dos terroristas etarras) son igualmente condenábeis pero, nestes tempos de xornalismo improvisado a través das novas tecnoloxías, unha das premisas que debemos destacar do verdadeiro xornalismo é a contextualización, a valoración das diferentes presións en función das circunstancias concretas. E se, nalgúns casos, hai quen acosan aos que menos responsabilidades teñen, noutros casos hai quen non deberían denunciar con máis intensidade (e sen molestarse en dar detalles) aos que menos poder ostentan. Quizais non foi a intención, pero facelo como se fixo agora é simplemente contribuír a unha campaña de acoso –ese si– e derribo contra un rival político. Como soe dicirse no caso da calumnia, denuncia, que algo queda.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS