Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Dereita galeguista

JOAQUIM VENTURA  | 26.06.2017 
A- A+

Unha das eivas que podemos poñer aos nacionalismos políticos é non considerar a nación –é dicir, os cidadáns que a conforman- como un todo plural. Estamos a velo hoxe cos independentistas cataláns, moitos deles repartidores de carnés de “mal patriota”, cando non considerar abertamente vendido, a quen non pensa coma eles. 

Iso mesmo sucede cando se explica a historia de Galicia tomando unicamente como tal a historia do galeguismo: rexionalista, primeiro; nacionalista, despois. Máis aínda se, durante a ditadura franquista e xa en democracia, o único punto de vista válido é o do nacionalismo de esquerdas. En consecuencia, chegados á hora de analizar o pasado, nos anos da República, en xeral só se ten presente a traxectoria do Partido Galeguista, incluso cando apostou pola súa alianza electoral coa Fronte Popular. O resto (ORGA, Dereita Galeguista) son tidos por mornos, cando non traidores.

A partir da necesidade de normalizar toda expresión política favorable a Galicia-, Álvaro Rodríguez Núñez, cambadés que exerce de avogado en Vilagarcía de Arousa, aborda a análise de Dereita Galeguista na súa recente obra Galleguismo, Tradicionalismo y Segunda República (Glyphos Publicaciones). Nun traballo anterior, que era basicamente a materia da súa tese de doutoramento en Ciencias Políticas, La legitimación política del franquismo, xa empregou como ferramentas de análise o concepto de catonismo, expresión cuñada polo sociólogo Barrington Moore, e mais o tradicionalismo ideolóxico, proposto polo tamén sociólogo Gino Germani, italiano exiliado na Arxentina desde os anos de Mussolini.

A primeira das expresións estaría collida da defensa que Catón, alcumado “o Vello”, fixo das tradicións de Roma fronte á chegada da renovación helenística cara ao 200 a.C. Posto no contexto do século XX, tal corrente collería corpo nesoutro tradicionalismo ideolóxico, adoptado no período de entreguerras por boa parte das clases medias europeas fronte á ameaza das esquerdas, especialmente as de ideoloxía marxista.

É nesa reacción onde Álvaro Rodríguez Núñez sitúa a traxectoria ideolóxica e política de boa parte dos membros do chamado “Grupo Nós” (que el teima en chamar “Xeración Nós”). Na análise que fai en Galleguismo, Tradicionalismo y Segunda República considera que Dereita Galeguista era a reacción á filiación frontepopulista do PG, en defensa da tradición –especialmente católica- de Galicia. Dalgunha maneira, DG compartiría postulados cos populismos de dereita da Europa do momento, desde Maurras, en Francia, ata Gil Robles, en España.

Para chegar a tal consideración, Rodríguez Núñez percorre o papel da Igrexa verbo da República; a natureza anticomunista da sublevación militar de 1936; a actuación da República en Galicia; o papel do tradicionalismo, o carlismo e mais o catolicismo. Chegados, por fin a Vicente Risco, tenta entender o seu pensamento para poñelo, finalmente, en comparación con Oswald Spengler.

E tal análise constitúe unha ocasión perdida de situar con precisión o papel que xogou Dereita Galeguista como xerme dun galeguismo morno e conservador –totalmente lexítimo sobre o papel- que unha vez instaurada a ditadura de posguerra, actuou de “regionalismo bien entendido” e de motor posibilista para que unicidade españolista imposta non esmagase aínda máis o país (velaí o papel de Xosé Filgueira Valverde).

Non entrarei agora no detalle da confusión entre algúns conceptos, como trabucar a coñecida foto do Seminario de Estudos Galegos coa “Xeración Nós”, trabucar que o cargo de “conselleiro supremo” que tivo Risco foi na escisión da ING e non nas Irmandades da Fala, pensar que –pusilánime coma poucos- tivese simpatías fondas polo nazismo, vulgar e de masas ou que Risco foi galeguista por antimarxista. Por riba, liquidar nunhas poucas páxinas as razóns que o levaron a dar pulo a Dereita Galeguista é non entender as razóns, individuais por riba de todo, do ourensán.

Cando Risco decidiu entrar en política no campo do galeguismo, o risco de revolución comunista en Galicia era mínima (xa non digamos en Ourense, sen apenas proletariado). O seu medo era a emerxencia dunha nova burguesía de orixes forasteiros. Unha burguesía que ocupaba o baleiro deixado polo inmobilismo daquela pequena burguesía de orixes rurais e falsamente fidalgas (o mito Trasalba de Otero Pedrayo) nun momento de transformación que lles forzaba a traballar a salario. En resume, evitar ter que disputar os privilexios sociais con aqueles emerxentes “porcos de pé”, refractarios á galeguidade e vulgares verbo da máis mínima vindicación da beleza artística. E cando ese galeguismo, chegada a República, pasou a participar nela, a hexemonía das clases medias estaba chamada a ser a norma. O laicismo máis elemental foi a chamada a rebato para que os privilexios duns poucos seguisen a ficar por riba do interese colectivo. Os erros dos anticlericais puxéronllo en bandexa de prata.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS